

Carlos López Font advertiu que demandar a transferencia desa competencia é ir contra a legalidade constitucional e apostou polos instrumentos de cooperación que si contempla o ordenamento xurídico
Volveulle esixir á Xunta unha política aeroportuaria “con sentido de país e con rigor” e a constitución dunha comisión bilateral co Estado para que a comunidade participe na conectividade e a captación de rotas dos tres aeródromos galegos
O deputado socialista criticou que tanto PP como BNG se negasen a apoiar no recente Debate do Estado da Autonomía unha política “con visión de conxunto e criterio” como están a desenvolver outras comunidades autónomas
O deputado socialista Carlos López Font reclamou hoxe no pleno do Parlamento galego mecanismos “reais” para que Galicia poida participar de xeito efectivo na xestión aeroportuaria e rexeitou “propostas imposibles” como a iniciativa que o BNG levou á sesión. Nela, os nacionalistas demandaban a transferencia de competencias en materia de aeroportos de interese xeral á comunidade autónoma, “unha proposta imposible de cumprir coa legalidade constitucional na man e aínda máis imposible de encaixar desde o punto de vista económico”, advertiu Font.
O parlamentario do PSdeG insistiu, pola contra, apostar por instrumentos de cooperación entre administracións que si figuran no ordenamento xurídico, como son os convenios, as encomendas de xestión ou a creación de sociedades mixtas e consorcios, “que permiten unha participación autonómica real, sen alterar a titularidade estatal da competencia”.
Nese punto, lembrou que os socialistas defenderon no recente Debate do Estado da Autonomía unha resolución que instaba ao Goberno galego “a desenvolver unha política aeroportuaria con sentido de país e con rigor, solicitando unha comisión bilateral co Estado para acordar un formato novo de coparticipación formal da Xunta nos procesos de decisión”, co fin de promover as potencialidades de todo o territorio na captación de roteiros “e impulsar decisións de conectividade e accesibilidade dos tres aeroportos”. Recordou tamén que o PP votou en contra desa proposta e o BNG abstívose.
A “nefasta xestión” do Goberno de Rueda
“Non resulta doado entender a pretensión do BNG con esta proposta, pola súa clara imposibilidade legal e, sobre todo, por pretender que este goberno do PP, tan nefasto na súa xestión, puidese encargarse da xestión dos tres aeroportos galegos”, argumentou Font sobre a proposición de lei orgánica que esta mañá os nacionalistas levaron á Cámara autónoma para a súa toma en consideración.
En canto aos populares, López Font lamentou a súa desidia nesta materia. Asegurou que o que agardan os gobernos locais das tres cidades “non é un simple apoio da Xunta en materia de publicidade, cunhas cantidades absolutamente irrisorias como as anunciadas polo conselleiro de Presidencia”, senón unha política “con visión de conxunto e criterio claro” para atraer novos tráficos e impulsar os tres aeroportos, tal como están a facer xa outras comunidades autónomas.
Por outra banda, retomou a pregunta que José Ramón Gómez Besteiro lle formulou a Rueda no DEA, acerca de se pensaba que había que pechar algún aeroporto en Galicia. “Hoxe, esa mesma cuestión debería respondela o BNG, non vai ser que tamén teña unha posición de centralidade en materia de aeroportos, como xa tiña Feijoo”, dixo.
“A postura máis sensata é a que propuxemos os socialistas: política aeroportuaria con sentido de país no marco dunha comisión bilateral co Estado que nos permita participar nos procesos de decisión, que si contempla a lexislación”, remarcou.