

Aitor Bouza reclamou máis orzamento para o mantemento e a ampliación das infraestruturas, así como unha planificación plurianual “que permita resolver os seus déficits e evitar a degradación das súas condicións materiais”
“Gustaríalles que neste Parlamento entrase o vento polas fiestras? Se non o queren para vostedes, tampouco o queremos para os alumnos e alumnas”, reprochoulles o deputado socialista aos membros do Grupo Popular
O deputado do PSdeG Aitor Bouza reclamoulle hoxe á Xunta que se faga cargo das súas competencias e desenvolva un plan de rehabilitacións, melloras e ampliacións nos centros educativos de Galicia. Na súa defensa dunha iniciativa no pleno do Parlamento galego, sinalou que en numerosos casos se trata de infraestruturas que datan incluso dos anos oitenta e setenta e que mostran os efectos do paso do tempo sen que os gobernos do PP cumprisen cos seus deberes nos últimos 17 anos. “Iso explica que os colexios estean como están”, dixo.
Apoiou esa afirmación, entre outras cousas, no descenso de investimentos nos últimos Presupostos autonómicos. Para o caso dos centros de infantil, primaria e ESO, as partidas pasaron de 29 millóns de euros en 2025 a 28 no presente exercicio. Mentres, os fondos destinados a secundaria e FP descenderon case 10 millóns de euros no mesmo período, xa que pasaron de 34 a 24 millóns. “Gustaríalles que neste Parlamento entrase o vento polas fiestras? Se non o queren para vostedes, tampouco o queremos para os alumnos e alumnas”, díxolles aos deputados do Grupo Popular en referencia ao que padece o alumnado de numerosos centros.
Bouza ironizou co reparto de competencias nesta materia entre os concellos e unha Administración autonómica que descarga responsabilidades nos gobernos locais “sempre e cando non sexan do Partido Popular”. Así, puxo o exemplo da limpeza de canles dos tellados de colexios públicos de Ferrol por parte da Xunta, do que o propio grupo do PP fachendeou en comisión parlamentaria, mentres en outros municipios con alcaldes e alcaldesas de outra cor alega que non é da súa competencia. “O que demostra isto, ademais, é que se a Xunta quere, a Xunta pode”, salientou, para denunciar que non se trata “dunha cuestión de competencia, senón da súa incompetencia”.
A moción que defendeu Bouza reclámalle ao Goberno galego unha avaliación “integral e actualizada” da situación na que se atopan as infraestruturas educativas e que nese informe inclúa unha diagnose “detallada” das necesidades que existen e o estado de de conservación, así como unha proposta das actuacións prioritarias que se deben desenvolver.
Tamén esixe un incremento “suficiente e progresivo” do orzamento destinado á mellora, rehabilitación e ampliación dos centros educativos, que se debe desenvolver “garantindo unha planificación plurianual que permita resolver os déficits estruturais existentes”, ademais de evitar “a degradación das condicións materiais” deses edificios.
Por último, demanda unha revisión e actualización do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de 2021, “que on sabemos nin que ten de nova, nin de arquitectura, nin de pedagóxica”, afirmou en referencia a que o Goberno de Rueda nin sequera facilita información á oposición. Neste punto, pediu tamén que esa actualización incorpore “criterios de adaptación normativa, accesibilidade universal, eficiencia enerxética, seguridade estrutural e adecuación ás necesidades pedagóxicas actuais”. Ademais, solicita un informe completo das actuacións executadas no marco dese plan e a posterior comparecencia do Goberno no Parlamento para explicalas.