
Julio Torrado critica que o PP acepta esperas de un ano para Psicoloxía “porque non teñen que esperar para ir ao psicólogo privado”
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe que logo de 17 anos de xestión do PP “a saúde mental en Galicia é un dereito privatizado”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que aprobe o Plan de Saúde Mental que xa acumula dous anos de retraso e que foi rexeitada polo PP, aos que acusou de estar cómodos con esperas de 12 meses para Psicoloxía “porque vostedes non teñen que agardar” para ir a unha clínica privada.
O parlamentario socialista responsabilizou ao PP do “horror” de ter convertido á Saúde Mental nun “privilexio” para quen poida pagar unha consulta, porque en Galicia hai hoxe catro veces máis psicólogos privados que públicos. Explicou que neste momento só teñen acceso aos psicólogos e psiquiatras do Sergas 1 de cada 4 pacientes que os necesitan porque o goberno galego ten á saúde “aparcada e abandonada, coma se non fora importante”.
Torrado advertiu que as consultas de saúde mental aumentaron un 110 por cento nos últimos 15 anos, e dende prepandemia o consumo de fármacos ten aumentado un 50 por cento entre os menores de 20 anos, o que evidencia que é un “problema crecente”. E mentres tanto en Galicia hai case a metade -un 40 por cento- dos psiquiatras que recomenda a OMS polo nivel de poboación porque o goberno galego négase a convocar as prazas das que dispón.
Explicou que se trata dun “problema serio” con posibles solucións que necesitan de “valentía política” e de tomar decisións “de verdade” dende o goberno galego. Reclamou que presenten o novo Plan de Saúde Mental que xa acumula dous anos de retraso, e ao que xa se comprometeran no Debate do Estado da Autonomía de 2025.
O Grupo Socialista emprazou ao goberno galego a desenvolver un plan de contratación de persoal sanitario de saúde mental e promover a conexión deste servizo con Atención Primaria, o que “pode ser un avance” á hora de “atender patoloxías” e “romper estigmas”. Reclamou poñer o foco na coordinación entre os distintos servizos para garantir unha atención integral e continuada para as persoas con trastornos de saúde mental, reducindo os tempos de espera de forma radical.
Alertou de que Galicia continúa “na mesma situación” que denunciou o Mecanismo Nacional da Prevención da Tortura, que alertou de “gravísimos fallos” no hospital psiquiátrico de Conxo -Santiago-, con prácticas de suxeición mecánica aos pacientes, aos que teñen acumulados en salas sen fiestras. E diante destas “situacións dramáticas”, a Xunta está a externalizar a atención a persoas que necesitan internamento, aos que prefiren “apartar” cando necesitan de tratamento.