O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, lamentou hoxe o veto do PP a unha moción do PSdeG para pedirlle á Xunta que declare a emerxencia climática en Galicia. O responsable socialista sinalou que o PP incumpre hoxe a Resolución presentada e aprobada polo mesmo PP no último Debate do Estado da Autonomía, hai agora un ano, confirmando o que era “postureo medioambiental ou unha mostra de greenwashing –ecobranqueo-”.
Advertiu que malia que aquela proposta de Resolución resultaba “cicateira e falaz”, a lo menos “recoñecía a necesidade de declarar a emerxencia climática”, pero agora “descubrimos con asombro que nin sequera se aprobou esa declaración polo seu Goberno, máis dun ano despois de ser acordada por este Parlamento”. Criticou que “non son capaces nin de cumprir coas resolucións impulsadas e votadas por vostedes mesmos”, demostrando “cero coherencia e cero compromiso”.
Pablo Arangüena reclamoulle ao goberno galego que “deixe de facer seguidismo do negacionismo climático de Vox”, logo de constatar que Galicia é “unha das poucas comunidades autónomas que aínda non declarou a emerxencia climática, con Madrid e Andalucía”, onde o PP goberna co apoio do partido de ultradereita. Reclamoulles que “saian do bando dos negacionistas climáticos, despéguense de Vox e declaren dunha vez a emerxencia climática”.
Lamentou que a emerxencia climática quedara adiada en Galicia sen que a Xunta fixera “ningún movemento salvo sacar do caixón a estratexia contra o cambio climático de 2005 que non lembrou en 15 anos”. Advertiu que a declaración é “un movemento de alcance internacional para que as institucións públicas asuman a realidade do grave impacto do cambio climático e a urxencia de actuar contra el e, en consecuencia, o compromiso de facelo, e que vostedes néganse a aceptar”.
Explicou que o cambio climático constitúe “a maior ameaza á que se enfronta a humanidade”, que conta coa “parte positiva de que existen os medios para combatela e o noso país, Galicia, está ben posicionado para ser vangarda nesta revolución”. Actualmente, dixo, “temos excelentes condicións para as enerxías renovables, coñecemento e alta motivación” por canto España e Galicia “van ser especialmente afectadas pola crise climática”.
Criticou que Galicia non siga a estela do goberno de España, que conseguiu que “sexamos o primeiro país do mundo en ter unha Estratexia de transición xusta no marco dun ambicioso Plan integrado de enerxía e clima, e temos un Ministerio de Transición Ecolóxica” que “toma moi en serio o problema”. Sinalou que a “aposta decidida pola transición ecolóxica supuxo aumentar o Orzamento este ano nun 132 por cento”.
Reclamoulle ao goberno galego que “fagan da necesidade virtude” e “entremos con forza nunha nova economía verde, coidando dos nosos espazos naturais, recuperando os nosos bosques, rexenerando as nosas rías e ríos, poñendo tódolos recursos públicos a disposición do proceso de transición ecolóxica xusta e cambiando incluso a nosa ética individual e colectiva”.