O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe ao goberno galego de empregar o DOG para decretar un adianto da matriculación de alumnos que “a Consellería de Educación sabe que non serve para nada”. Dixo que o goberno galego “só pretende seguir os ditados de Pablo Casado nunha estratexia estéril contra a Lei de Educación que son coñecedores de que carece de ningunha repercusión real”.
O responsable socialista lembrou que esta normativa “carece de absolutamente ningunha aplicación práctica para alumnos que non sexan de nova admisión” xa que, lembra, os procedementos de matriculación no ensino obrigatorio de Galicia están automatizados. Criticou que utilicen o DOG “co único obxectivo de darlle satisfacción ás demandas de Casado con respecto á admisión de alumnos”.