A portavoz de Orzamento do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou hoxe que ao PP lle teñan “entrado as presas” para aprobar por urxencia a Lei de apoio á reactivación 10 meses despois da declaración da pandemia. Así o dixo no debate da proposición de Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que comezou hoxe o trámite parlamentario.
Rodríguez Rumbo explicou que, no mellor dos casos, a Lei entrará en vigor en marzo de 2021, “e algunhas das súas propostas teñen como prazo para estar listas no mes de setembro, así como o Regulamento que ten que desenvolver esta Lei”. Sinalou que a iniciativa do PP non soporta a comparación con outras comunidades autónomas que teñen aprobadas normas no mesmo sentido dende febreiro, como Andalucía, Castela A Mancha, Baleares, Valencia ou Canarias.
Cuestionou a urxencia lexislativa do goberno galego, que en 11 anos de goberno con maioría absoluta tan só aprobaron 12 leis, nunha etapa na que “presa, presa non parece que tiveran” para impulsar a economía galega, cando “a implantación empresarial é un dos grandes fracasos do goberno de Feijóo na Xunta de Galicia”.
Ademais, sinalou que ao presentar o texto como Proposición de Lei dende o Grupo Parlamentario e non como Proxecto de Lei dende a Xunta de Galicia, eluden o informe do Consello Económico e Social –CES- e o informe da asesoría xurídica da Xunta de Galicia. Ademais, sinalou que a presentan sen informe ou acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias por moito que regule competencias municipais.
Criticou que o texto presentado hoxe pretende simplificar os trámites administrativos por cuarta vez, logo da Lei de racionalización do sector público -2013-, a de emprendemento e competitividade económica -2013-, a Lei de Garantía da calidade dos servizos públicos -2015-, e a Lei de Fomento de Implanhtación de Iniciativas Empresariais de Galicia -2017-.