Categorías: Actualidade

O Parlamento dá luz verde á iniciativa socialista para instar á Xunta a aprobar a declaración de emerxencia climática en Galicia

Pablo Arangüena acada o acordo unánime da Cámara para urxir ao goberno galego a comprometerse a activar, “coa máxima urxencia”, políticas transversais na Xunta para acadar a redución das emisións, impulsar a transición ecolóxica xusta e incorporarse á nova economía verde

O Parlamento deu luz verde á iniciativa do Grupo Socialista para instar á Xunta a aprobar a declaración de emerxencia climática en Galicia. Ocorreu, hoxe, no Pleno do Parlamento, despois de que os tres grupos parlamentarios debatesen sobre unha proposición non de lei do Grupo Socialista.

“A perda case irreversible de terreo cultivable nun planeta superpoboado, a desertización, a suba do nivel do mar, a perda de biodiversidade, a acidificación do océano, fenómenos meteorolóxicos extremos que causan perdas económicas millonarias, as migracións masivas ou os efectos políticos e xeopolíticos de inestabilidade que todo o anterior supón aconsellan actuar xa e non demorar nin un só minuto a acción decidida e ambiciosa contra o cambio climático”, sentenciou o viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena.

Ao fío disto, o dirixente socialista lembrou que España e a “práctica totalidade das comunidades autónomas só con algunha excepción” declararon xa a emerxencia climática dado que o cambio climático “é, na actualidade e en toda a historia da nosa especie, sen menor atisbo de dúbida, a maior ameaza á que se enfronta a humanidade”.

Ante isto, lamentou, Galicia “quedou adiada e non fixo ningún movemento” neste sentido, salvo “sacar do caixón a estratexia contra o cambio climático do ano 2005, da que non se lembrou en 15 anos” e que foi retocada en 2009 anunciando “a bombo e prato” que Galicia sería pioneira nesta materia” cando “non é así”.

Con todo isto, Arangüena sinalou que España e Galicia, como zonas de transición climática, son “singularmente vulnerables ao cambio climático” e as súas consecuencias poden ser “máis graves” que noutros países ao poder causar “graves repercusións sobre a agricultura, incendios forestais, migracións, saúde e un longo etcétera, afectando transversalmente a toda a sociedade”. “O mundo encamiñase a un quentamento global de 3 graos ou máis, o cal implicaría que boa parte do noso país fose practicamente inhabitable”, alertou.

Por todo isto, o voceiro de Medio Ambiente instou ao goberno galego a tomar medidas urxentes en vez de “presumir” dunha redución de emisións de gases de efecto invernadoiro dun 24% cando, en realidade, esta se produciu polo peche da central térmica de Meirama en Cerceda e a paralización da actividade nas Pontes, medidas ás que “a Xunta se opuxo”.

NA XUNTA DO PP “SON VOSTEDES NEGACIONISTAS”

“Sempre dixen que son vostedes negacionistas”, sentenciou o socialista quen lamentou que no PP “participan daquilo que dicía o curmán de Rajoy” sobre que “o cambio climático non era para tanto” cando “a ciencia dinos con total claridade que as perspectivas meten moito medo”.

Neste sentido, criticou que, ata o de agora, “non soamente non se declara a emerxencia climática en Galicia, senón que a Xunta é incapaz de cumprir as resolucións a adoita este Parlamento co voto favorable do PP”, recordando que no ano 2019 o propio Grupo Parlamentario Popular aprobou unha resolución no Debate do Estado da Autonomía para declarar a emerxencia climática e, malia isto, un ano despois votaron en contra dunha proposición non de lei do PSdeG sobre a mesma cuestión.

O GRUPO SOCIALISTA ACADA O ACORDO

Co texto asinado hoxe, Arangüena acadou o acordo unánime da Cámara para urxir, ademais, ao goberno galego a “comprometerse a activar, coa máxima urxencia, políticas transversais” en todas as áreas de goberno da Xunta co obxectivo de “acadar a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro”, así como para impulsar a transición ecolóxica xusta e incorporarse á nova economía verde.

A parte positiva desta circunstancia, concluíu o dirixente socialista, “é que existen medios para combater” a emerxencia climática cando Galicia “está ben posicionada para ser vangarda nesta revolución a diferenza do pasado” grazas ás “excelentes condicións” do país para as enerxías renovables, así como polo seu “coñecemento e alta motivación”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18