Categorías: ActualidadeNovasParlamento de GaliciaPortada

O PP bloquea a proposta do PSdeG para impulsar un pacto pola industria que favoreza a reconstrución económica e social de Galicia

O parlamentario socialista denunciou hoxe a “estratexia errada da Xunta”, que “conduce á desaparición do sector industrial” en lugar de “intentar recuperar un deteriorado tecido produtivo”

O deputado socialista Martín Seco lamentou hoxe que o Partido Popular se negue a apoiar a iniciativa do PSdeG para alcanzar un pacto galego pola industria que permita “dar certezas ao sector e favorecer a atracción de novos investimentos”. Tal e como explicou Seco, ese novo pacto pola recuperación económica e social tería que ser negociado no Parlamento de Galicia e acordado coas organizacións sindicais e empresariais para permitir unha rápida recuperación do sector e sentar as bases para unha nova política industrial.

Fronte a este “ambicioso obxectivo”, o parlamentario socialista denunciou “a grave situación industrial que está a vivir Galicia” por mor da “pasividade dun goberno galego que ten competencias en materia industrial en exclusiva” pero que prefire “quedar estático e disparar contra o goberno do estado antes que xestionar para intentar recuperar un deteriorado tecido produtivo”. Así, Martín Seco indicou que “resulta lamentable ver a incapacidade dun goberno completamente superado polas competencias que debera exercer e das que prefire escapar”.

Para salvar esta situación, Martín Seco incidiu na necesidade de levar a cabo “unha nova política industrial”, xa que este sector resulta estratéxico pola súa capacidade de xerar postos de traballo con mellores salarios e con maior calidade e estabilidade no emprego. A maiores, remarcou que esa reindustrialización “debe ser complementada con medidas que impulsen a transformación dixital, ademais da transición ecolóxica con xustiza social”.

En contraposición a isto, Martín Seco denunciou que a política industrial da Xunta nestes derradeiros anos foi “o mellor exemplo da publicidade e propaganda como eixes da acción de goberno”. “Unha permanente campaña publicitaria”, subliñou, “que non aportaba nada ao reforzo do tecido industrial de Galicia, onde non se instrumentaron programas de innovación, programas de internacionalización e programas de mellora da competitividade industrial”.

BALANCE CLARAMENTE NEGATIVO EN POLÍTICA INDUSTRIAL

Así, Martín Seco debullou un balance “claramente negativo” da política industrial do goberno galego nos últimos 13 anos, con problemas ao longo de todo o territorio. Nesta liña, fixo fincapé na situación de “gravidade extrema” das explotacións agrarias ou nun sector forestal que, “malia que supón o 50% da produción de madeira de toda España, só achega o 13% da renda estatal e unha porcentaxe similar no emprego”.

Neste caso, subliñou a incerteza sobre o futuro de Ence, “que está no aire”, cunha Xunta de Galicia que “semella sentirse cómoda favorecendo o peche” ao non ter capacidade de ofrecerlle alternativas de emprazamento a unha empresa que non poderá continuar na súa ubicación actual por sentencia xudicial.

A maiores, recordou que a Mariña lucense sufrindo “unha profunda crise industrial” con problemas en Alcoa ou en Vestas. E no caso de Ferrolterra sinalou que “a única política que se lle ocurre ao PP é traer unha vez ao mes ao parlamento unha iniciativa pedíndolle a Navantia a construción dun Buque de Acción Marítima e facer unha carta aos Reis Magos sobre o que outros deberan facer nesta comarca”.

Son situacións semellantes ás que se viven na provincia de Ourense ou nas comarcas da Coruña e de Vigo, onde o sector naval privado ou o da automoción se atopan “nunha terrible crise” sen ningún apoio da administración autonómica.

GALICIA PERDE PESO NA INDUSTRIA ESPAÑOLA

Martín Seco explicou que esta crise “tamén a ratifican os propios datos oficiais da Xunta”, que demostran que, con Feijoo, Galicia perde peso no conxunto da industria española, tanto en termos de volume de produción como en termos de emprego.

Como exemplo, o deputado do PSdeG recordou que, na lexislatura pasada, o índice de produción industrial diminuíu en Galicia un 2,5%, seis veces máis que no conxunto de España. Para máis, ese índice tivo en 2019 un comportamento especialmente desfavorable, xa que baixaba en Galicia un 5,6% mentres que en España aumentaba un 0,7%.

Por outra banda, dende que Feijoo goberna a Xunta, o emprego industrial diminuíu en Galicia un 11,1%, fronte ao 3,9% do conxunto de España, e a proporción de emprego que representa o sector industrial no conxunto dos ocupados galegos reduciuse dende o ano 2009 ao 2019 en 1,1 puntos porcentuais.

O MODELO DE FEIJOO NON FUNCIONA

Martín Seco lembrou que no 2015 o goberno galego aprobou a “axenda da competitividade Galicia – industria 4.0”, que tiña como principais metas o crecemento do sector industrial ata o 20 % do PIB galego e a creación de 50.000 novos postos de traballo na industria”. “Obvio dicir que o fracaso amósase cuns obxectivos totalmente incumpridos”, sentenciou Seco.

Neste escenario, o deputado socialista lamentou a deficiente xestión do IGAPE, que “debería ser o principal axente público co que conta a Xunta para levar a cabo a súa política industrial”. Neste aspecto, incidiu no seu baixo nivel de execución orzamentaria, que foi de pouco máis do 50% no trienio 2016-2018, do 45% no 2019 ou do 70% no 2020. “Con estes datos”, argumentou Seco, “resulta evidente que o modelo dos gobernos de Feijoo na actividade industrial, no caso de que exista, non funciona”.

“IMPRESCINDIBLE” AVANZAR CARA UNHA NOVA POLÍTICA INDUSTRIAL

Por iso, considerou “imprescindible” avanzar cara novas vías de actuación na política industrial, especialmente no actual contexto de fraxilidade crecente da economía internacional, multiplicado coa chegada da pandemia”. Ao fío disto, recordou que ademais da incerteza do escenario económico internacional, “temos as propias incertezas xeradas polo cambio tecnolóxico, que sen dúbida afondan na necesidade de redefinir os mecanismos de actuación do ámbito público na actividade industrial”.

Así, o parlamentario socialista defendeu como imprescindible mellorar a eficiencia das políticas de I+D+I, de apoio ao emprendemento, e do estímulo ao cambio organizativo e á modernización tecnolóxica e de infraestruturas. Tamén avogou por un maior esforzo económico que veña acompañado dos obxectivos de minimizar as barreiras ao crecemento e de mellorar a produtividade do tecido industrial.

Ao mesmo tempo, avogou por establecer “unha política industrial realista e con visión de futuro”, que permita que Galicia “teña a oportunidade de gañar o seu futuro no escenario da industria 4.0”. “Isto”, proclamou Seco, “faise máis necesario nun contexto no que a ampliación da Unión Europea e a crise trouxeron consigo o establecemento de facilidades para a deslocalización de empresas galegas cara a outros territorios”.

Por iso, Martín Seco reclamou desenvolver unha estratexia galega de modernización industrial e competitividade, “tendo en conta un contexto no que estamos por debaixo da media europea en grandes empresas, e temos un importante número de Pemes que precisan axuda”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04