
Lara Méndez lembra a responsabilidade do goberno galego na conservación dos Bens de Interese Cultural como esta Torre, que o Concello ten cedida ata 2038 e polo momento “o único que fixo foi poñerlle uns focos para que se vexa ven o seu estado”
A parlamentaria socialista Lara Méndez responsabilizou hoxe á Xunta e ao Concello das Nogais da situación de deterioro avanzado da torre de Torés, un monumento do século XV declarado Ben de Interese Cultural -BIC- que o pasado mes de febreiro sufriu o peor desprendemento “en anos”. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión Industria e Turismo do Parlamento na que lamentou que o goberno galego “non vaia poñer ningún recurso para contribuír a manter este patrimonio”.
A responsable socialista lembrou que o goberno galego “ten a obriga de conservar” o patrimonio declarado BIC por moito que neste caso teña sido cedido ao Concello no ano 2013 por un tempo de 25 anos. Criticou que nin a Xunta nin o goberno local do PP estean a atender as demandas dos veciños e veciñas, que piden “non simplemente unha reconstrución, senón que se consolide a ruína”, que é o último vestixio dunha antiga fortaleza medieval do século XV.
Criticou que mentres a Xunta “bota balóns fóra”, o Concello limitouse a “poñer uns focos, para que se vexa ben como se vai deteriorando este BIC ano tras ano”, ironizou. Subliñou que a conservación e a posta en valor da torre de Torés é “unha obriga legal e moral” e tamén “unha oportunidade para reforzar a oferta turística do Concello”, situado na Vía Künig, unha variante do Camiño de Santiago menos saturada que o Camiño Francés.
A responsable socialista criticou que o goberno galego deixe abandonado este patrimonio pero empregue organismos como a Axencia Galega de Turismo para “pagar orquestras en barrios e parroquias sen criterio ningún e a través de contratos menores” dende “a opacidade, o amiguismo e o enchufismo con intención de mercadear e de comprar vontades”.