

A deputada socialista afirmou que o PP “sacou da chistera as repotenciacións porque sabe que os 90 parques suspendidos pola Xustiza non se van autorizar”
A portavoz socialista de Enerxía e Industria, Patricia Iglesias, criticou hoxe en comisión que a Xunta siga a dar bandazos mentres fala no Parlamento galego dun novo plan eólico “que, como moi cedo, se verá a finais da década”. A deputada do PSdeG sinalou que o Goberno do PP “chega 17 anos tarde” a unha planificación que substituíu por “improvisación e bandazos”, creando así “inseguridade xurídica para os promotores e para os territorios”.
A parlamentaria socialista denunciou, nese senso, que o Executivo de Rueda “sacou da chistera as repotenciacións porque sabe que os preto de 90 parques suspendidos pola Xustiza non se van autorizar”. “Iso é culpa e responsabilidade directa da improvisación do Goberno galego”, insistiu.
Tal como apuntou, a Xunta debería ter feito antes unha zonificación territorial ambiental, “con zonas aptas e non aptas, con criterio de sensibilidade ambiental”, para cumprir coas normativas que se desenvolven desde Europa, máis non o fixo. “En 17 anos tivo tempo de facer unha planificación a longo prazo, non curtopracista”, remarcou.
Iglesias advertiu contra posibles atallos que se pretendan tomar en canto á eólica e contra calquera “discrecionalidade política” á hora de conceder novos proxectos. Tamén sobre o “vitimismo e a confrontación co Goberno de España”. Precisamente sinalou os investimentos do Executivo central en materia de enerxía e industria poñendo como exemplo os 235 millóns de euros que achegou para financiar os 15 proxectos industriais estratéxicos (PIE) “declarados polo Consello da Xunta”. “E canto financiamento achegou a Xunta? Cero euros”, censurou
A portavoz de Enerxía e Industria engadiu que á falta de planificación en materia de enerxía e de industria únese que o plan sectorial mineiro está aínda sen aprobar. “Dáme moito medo vendo os antecedentes, cun absoluto fracaso e unha absoluta falta de respecto polo territorio”, salientou, e lamentou que se pretendan reanudar proxectos “cunha gran contestación social”.
“Galicia afronta un momento decisivo. A transición enerxética non é unha opción, Senón unha obriga, pero o Goberno de Rueda non está á altura: falta planificación enerxética, falta planificación mineira e falta planificación industrial”, resumiu Patricia Iglesias.