

A semana arranca o luns na Coruña cun foro inédito que reúne ás voces socialistas das tres linguas cooficiais. O martes pasa por Santiago cunha conversa entre escritores e divulgadores. E péchase o domingo en Ferrol cunha foliada que mestura memoria histórica, gaitas e pandereitada
Tres cidades, tres actos, sete días e entrada aberta a toda a cidadanía. Esa é a Semana do Día das Letras Galegas que o PSdeG presentou esta mañá en rolda de prensa e que arranca o vindeiro luns 11 de maio. Unha invitación clara, repetida varias veces ao longo da comparecencia: pode vir quen queira.
A presentación correu a cargo da secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, e da deputada e voceira de Cultura e Lingua no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira.
Méndez encadeou a defensa da lingua coa idea política de fondo do programa. Lembrou que o galego “é unha lingua que falamos máis dun millón de persoas, e que está na ciencia, na universidade, na novela, no audiovisual e nas redes”. Non é un lastre, como pensa o PP, dixo, senón unha ferramenta. “E como tal hai que coidala e proxectala”.
A continuación situou esa defensa nun marco máis amplo. O modelo plurilingüe español, dixo, é “un éxito europeo”, e insistiu en que o socialismo é “o único partido que o defende sen complexos en Galicia, en Cataluña e en Euskadi”. Fronte á retórica do enfrontamento, defendeu, a aposta histórica do socialismo galego é a da convivencia, “e dela non nos imos mover”.
E rematou ligando lingua e democracia. “Onde se respecta unha lingua, respéctase un xeito de entender o mundo. E onde se respecta un xeito de entender o mundo, hai democracia”.
Un foro europeo para abrir a semana
Tomou logo a palabra Silvia Longueira para detallar o programa.
O luns 11 de maio, ás 11.00 horas, o Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña acolle o foro Ola, Europa!. É unha cita pouco habitual: por primeira vez sentan na mesma mesa as voces socialistas das tres linguas cooficiais que conviven co castelán no Estado. Inma Ferret, voceira de Política Lingüística do PSC no Parlament catalán; Pau Blasi, voceiro de Euskera do PSOE-EE no Parlamento Vasco; e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Modera a propia Longueira.
Abren a xornada a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o secretario provincial socialista, Bernardo Fernández. Pecha o eurodeputado Nicolás González Casares, que falará do lugar das linguas minorizadas en Europa. O manifesto do Día de Europa lerase nos tres idiomas. A mañá completarase cunha visita á Real Academia Galega.
“Que un parlamentario galego, un catalán e un vasco compartan mesa para falar das súas linguas non é habitual”, sinalou Longueira. “E menos cando defenden o mesmo modelo: o do plurilingüismo, fronte ao discurso do enfrontamento».
O martes 12, ás 18.00 horas, no Centro Cívico Maruxa e Coralia de Santiago, muda a textura. Aquí o protagonismo pasa a quen escribe e a quen pensa o país desde a literatura ou desde a divulgación. Anna Figueirido, escritora e doutora en Física pola Universidade de Sheffield. Xaquín Núñez, profesor da Universidade de Braga e novelista de xénero negro. Arancha Nogueira, escritora e mestra en Literatura Comparada. E Camilo Franco, xornalista e escritor.
O título do encontro xa adianta o enfoque: Libro, Letras e Redes. “O galego é a lingua na que se fai o mundo desde Galicia”, resumiu Longueira. Na ciencia, na literatura, nas redes sociais. E nas aulas de universidades europeas.
Unha foliada en Ferrol o 17 de maio
A semana péchase en Ferrol o domingo 17, Día das Letras adicado este ano a escritora, divulgadora e loitadora viguesa Begoña Caamaño, , cunha proposta distinta: festa, comida, gaitas e baile. Punto de encontro, o Centro Social Esmelle, desde as 12.00 horas. Comeza cunha ofrenda a Xaime Quintanilla, primeiro alcalde socialista de Ferrol, asasinado pola represión franquista en 1936. A continuación, picnic compartido. Ás 16.30, actuación do grupo de gaitas e danza Toxos e Flores. Despois, espectáculo dos Improletas, con Susi Sampedro e Antón Coucheiro. E pandereitada para rematar.
“Honramos a memoria dun alcalde socialista que pagou coa súa vida a defensa da democracia. E facémolo cantando, comendo e bailando en galego. Porque a mellor resposta á política do odio segue sendo a cultura compartida”, explicou a deputada.
Tanto Méndez como Longueira insistiron en que ningún dos tres actos é unha cita interna: “É unha invitación aberta á veciñanza, a todos os galegos e galegas. Non é un acto de partido. Quen queira vir é benvido”, resumiu Longueira.
A semana proponse como un xeito de coidar a lingua poñéndoa a vivir. Con literatura. Con festa. Con conversa. Con presenza pública. Esa é a aposta do PSdeG entre o 11 e o 17 de maio.