

Carlos López Font alerta no Parlamento de cupos de máis de 1.700 pacientes por médico e esperas de máis de dous meses para revisións de pediatría
O parlamentario socialista Carlos López Font responsabilizou hoxe ao conselleiro de Sanidade da cobertura insuficiente de persoal sanitario no PAC do Porriño, que está a provocar a “sobrecarga estrutural” dos facultativos. López Font levou unha pregunta oral ao Pleno do Parlamento logo de que hoxe se coñecera que o Sergas foi incapaz de cumprir co compromiso de contratar un médico adicional para un centro que en realidade necesita de catro médicos, enfermeiros e celadores adicionais.
Explicou que o PAC, que atende a unha poboación de 45.000 habitantes de Porriño, Mos e Salceda, ten actualmente nove médicos e nove enfermeiros e precisa de catro médicos, enfermeiros e celadores adicionais para garantir a cobertura mínima de tres profesionais en cada garda. Do contrario, continuarán cunha “demora cronificada” que resulta “incompatible cos tempos clínicos recomendados, especialmente grave en pediatría.
Alertou de que actualmente os nenos e nenas do Porriño teñen que agardar máis de dous meses para as súas revisións de idade. Explicou que actualmente os médicos de familia teñen a atención repartida entre 12 cupos, algún deles por riba dos 1.700 pacientes, o que fai imposible que poidan realizar o seu traballo en condicións.
López Font desbotou a proposta de reforzo do Sergas, que tan só pretende incrementar un único médico, cando hoxe mesmo foi publicado que o Sergas non atopou facultativos para cubrir ese compromiso “pírrico”. Advertiu que este modelo non cubre tódalas gardas nin as franxas horarias e deixa milleiros de horas sen cobertura estrutural.
Este modelo insuficiente provoca o atraso na diagnose e o tratamento, a perda de seguimento en patoloxías crónicas e graves retrasos nos controis pediátricos, e fai ao servizo dependente de solucións puntuais e sen ningunha estabilidade organizativa, co conseguinte deterioro da calidade estrutural.
Reclamou o reforzo decidido do persoal para garantir unha cobertura mínima que permita a redución de tódolos cupos por debaixo dos 1.500 pacientes, a cobertura completa de vacacións, baixas e días libres e a reorganización do servizo de Pediatría.