

Silvia Longueira censura a falla de compromiso da Xunta coa vila, que carece de centro de día público cando é cabeceira de comarca cunha área de influencia de 37.000 habitantes en 10 concellos
A conselleira de Política Social respondeulle hoxe ao Grupo Socialista que “se Betanzos quere un centro de día, que o faga a súa alcaldesa do PSOE”. A portavoz de Política Social, Silvia Longueira, presentara unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para coñecer cando tiña previsto a conselleira a construción desta infraestrutura, sen que esta chegara a dar ningún dato concreto e respondendo “visiblemente alterada”.
Longueira lembroulle que Betanzos é cabeceira de comarca cunha área de influencia de 37.000 habitantes -11.000 maiores de 65 anos- e 10 concellos que non teñen ningún centro de día público pero si un privado. A responsable socialista contrastou esta falla de compromiso do goberno galego co trato a concellos como Carral -con 6.700 habitantes- ou Ribeira -con 27.000-, que xa teñen centro de saúde ou residencia comprometidos polos alcaldes do PP logo de dúas mocións de censura.
A responsable socialista dixo que esta resposta ilustra a política de servizos sociais da Xunta de Galicia, que non conta con ningunha planificación e que neste caso incumpre de maneira flagrante a recomendación da OMS, que recomenda a ratio de servizos de centros de día no 5 por cento, e en Betanzos sitúase por debaixo de 1 por cento.