

Denunciou que a conselleira de Medio Ambiente só acudiu hoxe ao Senado “para criticar ao Goberno con frases feitas ditadas polo PP desde Madrid”
A senadora e presidenta do PSdeG defendeu que o Executivo central investiu cerca de 60 millóns de euros na costa galega desde o 2018
A senadora socialista Carmela Silva advertiu hoxe que “desde que a Xunta ten as competencias sobre o litoral, non houbo ningún avance e aumentaron os atrasos nos expedientes, algo que non sorprende a ninguén, porque son especialistas en atrasos”. Díxoo tras a intervención da conselleira de Medio Ambiente na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, á que acudiu “non para facer propostas”, senón “para criticar ao Goberno con frases feitas ditadas polo PP desde Madrid”.
A tamén presidenta do PSdeG censurou que a conselleira tivese “a desvergonza” de alegar que atopou “centos de expedientes nos caixóns”. “Dío o Goberno da Xunta, que incumpre reiteradamente os prazos máximos para os informes preceptivos. Un descaro absoluto”, recriminoulle.
Pola contra, Silva sinalou que a representante autonómica “non falou de que o Goberno do Estado ten investido na costa galega cerca de 60 millóns de euros desde o 2018”, e relatou a continuación unha serie de actuacións que se desenvolveron con eses fondos, como foron a recuperación do sistema dunar da praia de Samil, con 1,9 millóns; o acondicionamento da senda peonil entre cabo Vilán e o cemiterio dos Ingleses, con 1,8 millóns; o sendeiro en Foz, con 1,1 millóns, “e outras moitas actuacións”.
“A pregunta é canto inviste a Xunta en recuperar, manter e por en valor a nosa costa”, cuestionou de xeito retórico para responder que o Executivo de Rueda “de xestionar sabe pouco, e de preservar o medio ambiente, nada”.
Segundo dixo, do que si sabe é “de bulos, de intentar xerar medo, de incentivar a polarización”, e subliñou que a conselleira, na súa intervención, obviou que a Lei de Costas, “da que deriva o Regulamento Xeral, é unha lei aprobada polo goberno do PP con Rajoy”.
“O que non dixo é que hai unha directiva europea de obrigada transposición. O que non contou é que as vivendas e outras construcións anteriores ao ano 88 non van ter ningunha dificultade. O que non contou é que estamos ante aun cambio climático que está poñendo en perigo a vida da xente se non se toman decisións”, engadiu.
“Coma sempre, políticas destrutivas. É triste ver que a conselleira non ten nada que dicir sobre proxectos para a costa galega, e moito máis agora que a Xunta ten as competencias do litoral, pero non está sendo capaz de levar adiante os expedientes que ten enriba da mesa, algo que xa sabiamos que ía acontecer”, lamentou.
A iso engadiu que a conselleira falou de diálogo, cooperación e colaboración, “cando a Xunta de Galicia, en lugar de colaborar co Goberno do Estado e intentar chegar a acordos, o que fai é intentar boicotear cada unha das propostas que poden beneficiar á comunidade autónoma”. Carmela Silva puxo exemplos dese xeito de actuar, como o financiamento autonómico ou a condonación da débeda.
Censurou que, por enriba, a Xunta é “absolutamente irrespectuosa cos concellos, cos que nunca dialoga e aos que lles impón competencias sen recursos e maltrata”. “Resulta absolutamente sorprendente”, concluíu.