
A deputada socialista interpela ao Goberno galego horas antes da moción da vergoña coa que o PP busca a alcaldía de Lugo grazas ao voto dunha tránsfuga e a morte da alcaldesa Paula Alvarellos e os concelleiros Pablo Permuy y Olga López Racamonde
Méndez recordou que Candia foi a que utilizou anónimos para apartar a Besteiro da vida política e que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi quen de negar a existencia dos anónimos “ata que saíu o sumario” e tivo que “achantar”
“A historia recente máis escura de Lugo leva nome de muller, e ese nome é Elena Candia”. Así rematou hoxe a deputada do PSdeG-PSOE Lara Méndez a súa intervención no Parlamento, a 24 horas da moción de censura coa que a presidenta do PP provincial pretende arrebatarlle a alcaldía da cidade ao socialista Miguel Fernández, co voto da tránsfuga María Reigosa.
A intervención partira dunha pregunta directa ao Goberno galego: cre aínda nos principios de integridade institucional e ética democrática? A propia Méndez deuse a resposta. “Non, porque o estamos a ver estes días”. E enumerou os capítulos dun método: orquestras a dedo, obras partidistas e a compra dunha concelleira.
O primeiro, as festas. Contratos de orquestras que van dos mil aos máis de dez mil euros, repartidos entre parroquias e barrios coa lóxica do amigo e do non amigo. Os concellos que entran no reparto reciben, de regalo, “unha pregoeira de luxo, a propia señora Candia”. Os que non entran, a aguantarse. “Faise unha discriminación entre veciños e veciñas”, denunciou.
Hai outro detalle que merece atención, dixo Méndez, “algunhas desas orquestras non aparecen contratadas como tal. Aparecen facturadas por empresas de enxeñería ou de aluguer e reparación de vehículos. Cada quen que tire as súas conclusións”.
Camiños primitivos que non pasan por aí
Logo están as obras. Soleiras, melloras de prazas para persoas con discapacidade, acondicionamentos de aparcadoiros que se xustifican porque por alí pasa o Camiño Primitivo. Pasa? Non. Pasa a uns cantos quilómetros. Pero o cartel queda ben.
A iso súmanse axudas a asociacións presididas por membros de Novas Xeracións do PP de Lugo. Méndez foi clara: “Podería seguir enumerando todas e cada unha destas situacións, pero non me chegaría nin a sesión plenaria de hoxe nin a de onte”.
E como remate, a compra dunha tránsfuga. María Reigosa non foi a primeira á que tentaron mercar, lembrou Méndez. Antes houbo achegamentos a varios cargos socialistas. Pero foi Reigosa quen “puxo o prezo”. A deputada socialista deixou no aire un aviso. “Haberá unha contraprestación que saberemos en breve, se vai vía Caixa A. Se vai vía Caixa B, pode que tardemos máis en sabela”.
De aí saíu a pregunta directa ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Vanlle aplicar a Candia os estatutos do propio PP? Vana suspender? Vana inhabilitar? Vana expulsar? Resposta, ningunha.
O conselleiro defendeu que a moción está prevista pola lei e que o PSdeG xa fixera unha en Noia. Méndez replicoulle que os estatutos contra o transfuguismo dos que falaba Calvo son os do propio PP, non os do PSdeG. E recordou unha frase do propio conselleiro: “Di vostede que se puxo iso nos estatutos porque era para cumprir a lei. Non era por convicción”.
Anónimos a Besteiro e unha moción “indecente”
No tramo final da súa intervención, Méndez recordou que Candia xa utilizara anónimos para apartar a Besteiro e que a partir desa operación o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, negou a existencia dos anónimos “ata que saíu o sumario”. A deputada socialista subliñou que Rueda “tivo que achantar” cando se confirmou o que negara.
A mesma actitude, denunciou, é a que Rueda mantén agora ao apoiar a “moción indecente” en Lugo. Méndez insinuou que o presidente da Xunta podería estar buscando “descargarse da señora Candia volvendo a castigar aos veciños e veciñas de Lugo”.