

Patricia Iglesias reclama colaboración entre a Aesia e a Amtega como eixo dunha Galicia “moderna, innovadora, conectada e competitiva”
A portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe á Xunta “menos vitimismo e máis lealdade institucional” para que Galicia lidere a revolución tecnolóxica. Así o dixo na comparecencia do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia -Amtega- hoxe na Comisión de Economía do Parlamento.
Emprazou ao goberno galego a aproveitar a “oportunidade histórica” que representa a presenza da Aesia na Coruña, que ten impulsado o Laboratorios de Ideas de Intelixencia Artificial como unha “enorme oportundiade para Galicia”. Reclamoulle ao responsable da Amtega que abra liñas de colaboración coa Aesia e aproveite a oportunidade de atraer talento, impulsar innovación, fortalecer o ecosistema tecnolóxico galego e converter a Galicia nun referente en IA confiable.
Lamentou a “falta de ambición polítcia real” por parte do goberno galego, ao que responsabiliza de que Galicia continúe tendo zonas de sombra no rural, que ben entrado o século XXI asiste con desvantaxe ao desenvolvemento das novas tecnoloxías, ademais da falla de investimento en innovación, que provoca a marcha de talento fóra da Comunidade Autónoma nun sector clave.
Iglesias reclamou un Plan real contra a fenda dixital rural, que garanta cobertura efectiva e control público na execución, un Plan galego de competencias dixitais e unha “política seria de talento e formación” que garanta o retorno do talento. Explicou que é fundamental a cooperación institucional que garanta a coordinación co Estado para aproveitar os fondos estatais e europeos, abandonando dunha vez o discurso permanente do agravio.
En definitiva, reclamou a implicación real do goberno galego para que Galicia “non quede atrás na revolución tecnolóxica” e que aproveite a oportunidade que esta representa para crear oportunidades, reducir desigualdades, modernizar o país e fixar poboación. Emprazou ao responsable da Amtega a apostar por unha Galicia “moderna, innovadora, conectada e competitiva, capaz de colaborar para aproveitar tódalas oportunidades” do sector.