

A viceportavoz do Grupo socialista desminte ao presidente do PPdeG e lembra que os estatutos do seu partido que obrigan a expedientar aos que se benefician de tránsfugas foron aprobados en xullo de 2025, despois da sentenza do TC sobre a Lei Antitransfuguismo
A viceportavoz do Grupo Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, denunciou hoxe o “Pacto do Tanatorio” que fixo alcaldesa a Candia co aval de Rueda. A responsable socialista desmentiu a Rueda lembrando que os estatutos antitransfuguismo do PP foron aprobados en xullo de 2025, cando xa se coñecía a sentenza do TC do mes de xuño sobre a Lei Antitransfuguismo.
Logo da Xunta de Portavoces do Parlamento, Méndez criticou a “cara de cemento armado” de Rueda coa moción de censura de Lugo, e sinalou que o tamén presidente do PPdeG incumpre os estatutos do seu propio partido e non lle abre expediente a Candia por apoiarse nunha tránsfuga “porque non lle da a gana”.
Méndez esixiulle a Rueda que “deixe de mentir”, porque a Lei Antitransfuguismo “non mudou” dende que se aprobaron os estatutos do PP que obrigan a expedientar aos candidatos ou candidatas que se apoien en tránsfugas, como sinalou logo do Consello da Xunta de onte. Criticou que “logo de apoiarse nunha tránsfuga, apóianse nunha mentira tras outra”.
A responsable socialista explicou que a sentenza do TC sobre a dita norma foi ditada o 10 de xuño de 2025 e a nota de prensa publicada o 16, pero os estatutos do PP non foran aprobados ata o mes de xullo, e criticou que “logo de apoiarse nunha tránsfuga” para conseguir a Alcaldía de Lugo, agora “apóianse nunha mentira tras outra”. A secretaria de Organización do PSdeG advertiu neste sentido que “Lugo nin olvida nin perdoa” pola actuación do PP na cidade.
Pinza entre PP e BNG
Méndez comezou a rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces lembrando que José Ramón Gómez Besteiro non terá a oportunidade de preguntarlle ao presidente da Xunta no Pleno da próxima semana pola “pinza” entre PP e BNG para “recortarlle dereitos” ao Grupo Socialista. Sinalou que a hemeroteca “desmonta os argumentos” de “populares” e nacionalistas, que con menos deputados dos que ten hoxe o Grupo Socialista sempre tiveron a pregunta ao presidente.
Advertiu que a situación é posible “resolvela facilmente” sen furtarlle dereitos a ningún grupo parlamentario concedendo “11 minutos máis” ao semestre, pero “o PP non quere resolvelo e o BNG cala e acepta, mirando para outro lado mentres se beneficia”. Criticou a intención de “limitar a capacidade fiscalizadora” da Cámara ao intentar “silenciar” aos socialistas mediante unha “pinza” que “ten un prezo que pagan os galegos e as galegas”.
Lara Méndez explicou que o Grupo Socialista levará ao próximo Pleno do Parlamento unha Interpelación sobre os efectos das políticas do goberno galego para situar á lingua galega “na peor situación imaxinable en democracia”. Na semana das Letras Galegas, os socialistas presentarán unha iniciativa para alertar da situación dunha lingua que “non vive de celebracións: vive de políticas públicas”, e criticar que “mentres a Xunta celebra, o galego retrocede”.
Neste mesmo sentido, presentarán unha pregunta oral para reclamarlle á Xunta que se tome “en serio” o desenvolvemento da Intelixencia Artificial en galego, logo de 3 anos nos que non dedicaron “nin un só euro” a impulsar a entrada do galego na IA, mentres o Estado si que investiu preto de 3,5 millóns de euros.
Atención Primaria
O Pleno incluirá unha moción do grupo Socialista con 6 propostas concretas para mellorar a situación da atención primaria comezando pola mellora das condicións laborais dos MIR como vía para atraer máis profesionais ao sistema sanitario público. Lembrou que Galicia é a Comunidade Autónoma que peor paga aos profesionais en formación, e segundo o Consello de Contas é a segunda que menos inviste na atención primaria, só por riba de Madrid.
Cualificou de “intolerable” que o conselleiro de Sanidade intente “matar ao mensaxeiro” atacando ao Consello de Contas polo informe que certifica as consecuencias da súa xestión no canto de mudar as políticas para reverter a situación da sanidade pública. Os socialistas galegos presentarán ademais unha pregunta oral sobre a situación da sanidade na comarca de Monterrei como exemplo das consecuencias dos 17 anos de recortes e desmantelamento deste servizo público.
Tamén presentarán dúas proposicións non de Lei para reclamarlle ao goberno galego un informe detallado dos datos da vivenda pública construída en Galicia dende o ano 2009 e para reclamarlle á Xunta políticas eficaces contra a discriminación das persoas LGTBI. Finalmente, levarán unha pregunta para reclamar transparencia e participación cidadá no desenvolvemento do proxecto de planta de biogás en Soandres -A Laracha-, que está a provocar unha forte resposta veciñal.