Categorías: Actualidade

Luis Álvarez tilda de “decepcionantes” os Orzamentos da Xunta para 2023, que o PSdeG rexeita porque “non dan a resposta que Galicia precisa”

O portavoz do Grupo Socialista pide a retirada das contas da Xunta, que fracasan na protección da cidadanía máis vulnerable o apoio ao sector empresarial e o reforzamento dos servizos públicos

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022. O portavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, cualificou os Orzamentos da Xunta para 2023 de “decepcionantes” porque “non se percibe neles a resposta que Galicia necesita”. O responsable socialista presentou a emenda de devolución do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta para o próximo ano no debate de Totalidade que tivo lugar hoxe no Pleno do Parlamento.

O responsable socialista sinalou que a Xunta fracasa á hora de traducir o aumento de recursos nunha maior protección para a cidadanía, sinaladamente a máis vulnerable, no contexto de crise económica provocada polas consecuencias da pandemia e da invasión de Ucraína. Tampouco son quen de defender ao sector empresarial fronte á crise enerxética, e “tampouco fortalecen os servizos públicos” afectados pola precarización provocada por 13 anos de recortes do PP.

Luis Álvarez criticou a “escasa sensibilidade” amosada pola política fiscal “pensada para os máis ricos” que consolidan con estas contas, impoñendo bonificacións no Imposto sobre o Patrimonio para as 7.700 rendas máis altas de Galicia mentres lles retiran a tarxeta básica para produtos de supermercado, hixiene o farmacia para 75.000 galegos e galegas.

Reclamou uns Orzamentos que restauren a sanidade pública de calidade, e lembrou que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma que menos inviste en atención primaria, só por diante de Madrid. Reclamoulle ao goberno galego que reforce o investimento en persoal sanitario e rectifique na súa idea “peregrina” de substituír aos médicos por enfermeiras nos PAC e de suprimir os servizos de Pediatría en numerosos Centros de Saúde de toda Galicia.

Álvarez reivindicou uns orzamentos que permitan avanzar na xustiza social e a prosperidade económica, garantir a igualdade de oportunidades e protexer ás familias, ás pemes e ás empresas. Reclamou a mobilización de 766 millóns de euros para levar a cabo políticas en ámbitos como educación, sanidade, I+D+i, política social ou industria, como se recolle no seu plan Impulsar Galicia Urxiu, incrementando os mecanismos de protección social e de dinamización económica.

Luis Álvarez presentou os datos do Foro Económico de Galicia, que no seu último informe sobre conxuntura económica alerta de que Galicia está a perder actividade económica, mentres que no resto de España estase incrementando levemente, a pesar da inflación. Os datos son aínda máis preocupantes, segundo este informe, debido a que a economía galega soportou de mellor maneira a pandemia que o resto do Estado, polo que a caída da actividade é máis doente.

DEBATE DE TOTALIDADE DOS ORZAMENTOS XERAIS DA XUNTA DE GALICIA 2023

PARLAMENTO DE GALICIA

INTERVENCIÓN DO PORTAVOZ DO GP DOS SOCIALISTAS DE GALICIA, LUIS ÁLVAREZ

NOTA: O TEXTO É UN BORRADOR E PODE ESTAR SUXEITO A MODIFICACIÓNS CON RESPECTO DA INTERVENCIÓN FINAL

A crise económica motivada pola Gran Recesión a partires de 2008 supuxo que a economía internacional vivira tempos de moita dificultade, intensificados polas políticas de austeridade e recortes nos servizos públicos que limitaron as posibilidades de crecemento e a xeración de emprego, incrementando a fenda social existente previamente.

Cando aínda non nos tiñamos recuperado desa crise a pandemia internacional e a rapidez na evolución, a escala nacional e internacional, requiriu a adopción de medidas inmediatas e provocando ao tempo da crise sanitaria unha crise económica e unha crise social sen precedentes.

Esta crise económica, abrupta e inesperada, impactou no conxunto da economía mundial, pero a diferencia da anterior, os gobernos adoptaron políticas expansivas tanto no ámbito fiscal como no monetario, convertendo aos Estados nun instrumento fundamental para impulsar a economía, asistindo ao tecido produtivo, mantendo o emprego e actuando como soporte para as persoas máis vulnerables.

Se o papel dos Estados foi clave nos momentos máis duros da pandemia, este papel ten que seguir a ser fundamental na nova realidade xurdida neste ano 2022 coa invasión de Ucraína por Rusia, con afectacións indiscutibles no ano 2023.

Galicia, ao igual que o resto de España e Europa, encadea tres anos de dificultades sen precedentes.

A Xunta de Galicia presenta para 2023 uns orzamentos “históricos” que  acadan os 14.167 millóns de euros (12.499 millóns de euros de ingresos non financeiros), é dicir, 1239 millóns de euros máis de ingresos, sen que neles se perciba a resposta que Galicia precisa para afrontar os retos inmediatos nin os retos de futuro para acadar unha Galicia máis verde, máis dixital, máis cohesionada territorial e socialmente sen que ninguén quede atrás.

Por certo, dispoñibilidade na que tamén inflúe a diferente forma de actuar respecto ás autonomías dos Gobernos Centrais, mentres as liquidacións negativas do Sistema de Financiamento Autonómico dos anos 2008 e 2009 se acorda en 2014 (lembran quen gobernaba??) adialas en 240 mensualidades, pero obrigando ás CC.AA a facerlles fronte, en 2021 o Goberno Central asume a liquidación negativa de 2020 de Galicia por importe de do ano 2020 que se cifra en 367,6 millóns de euros. Dúas formas absolutamente antagónicas de resolver os problemas de financiación das CC.AA. Polo tanto, non vamos a ter que devolver eses 367,6 M€, que deberan reverter en melloras que non vemos.

A pesares destes incrementos, son uns orzamentos nos que non se establecen as medidas de protección que precisan á cidadanía, fundamentalmente á máis vulnerable, o sector empresarial afectado por esta crise enerxética, e nos que tampouco se fortalecen os servizos públicos. Estes deberan ser uns orzamentos que nos permitisen avanzar en xustiza social e prosperidade económica, garantir a igualdade de oportunidades e  protexer ás familias, ás PEMES e ás empresas.

O terceiro Informe de Conxuntura Socioeconómica de Galicia do ano 2022 presentado recentemente polo Foro económico de Galicia amosa evidencias preocupantes sobre a realidade da nosa comunidade

  • Cunha evolución do PIB real que amosa unha senda diverxente coa media estatal;
  • Cunha actividade económica en Galicia que se reduce en 7 décimas con respecto aos dous trimestres anteriores, mentres a media estatal experimenta un incremento de 2 décimas,
  • Na que aínda que a afectación na evolución da actividade económica do impacto da crise provocada pola pandemia no ano 2020 foi menor en Galicia que noutras Comunidades Autónomas, a recuperación acada menor ritmo, así se tomamos como base o cuarto trimestre do ano 2019, no segundo trimestre do ano 2020 en Galicia a actividade económica caeu ata o 82,1 e en España ata o 77,7, é dicir, a afectación en Galicia foi 4,4 puntos menor; mentres que hoxe só estamos 1,7 puntos por enriba.
  • Na que se miramos a taxa de actividade, vemos que en Galicia é dun 53,2% fronte a un 58,7% para o conxunto do Estado, cunha menor taxa de ocupación, 47,2% fronte a 51,4% para o conxunto do Estado, datos que evidencian o desacerto nas políticas de emprego levadas a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos anos, e que nos sitúan entre as peores comunidades autónomas de todo o Estado.

Sabemos que os orzamentos son o elemento crucial no que se orientan todas as actuacións dun goberno, e como consecuencia da ausencia de medidas ben orientadas nos últimos anos,  temos unha comunidade autónoma menos dinámica economicamente e máis empobrecida, e estes orzamentos non van contribuír a garantir un sistema de benestar e protección social, fortalecer á clase media e traballadora, actuar como locomotora da economía e manter o compromiso de responsabilidade fiscal.

E o anterior, a equidade e a protección da cidadanía é inseparable da garantía duns servizos públicos esenciais: os servizos públicos son a garantía de dereitos e liberdades para os cidadáns, e son a peza fundamental do Estado de Benestar do noso país.

Tras 13 anos de goberno do PP na comunidade galega, os servizos públicos sufriron unha evidente precarización e a sociedade así o percibe, esencialmente no ámbito sanitario, pero tamén nos servizos sociais, en educación, en vivenda, e en tantos outros ámbitos.

Pero iso si, na competición desbocada entre as CCAA do PP polas rebaixas fiscais, o presidente Rueda quixo ser o alumno avantaxado. Nesta liña, o presidente Rueda renuncia  a exercer unha fiscalidade progresiva que permita obter máis ingresos en momentos excepcionais, aplicando políticas fiscais regresivas que favorecen á minoría que máis ten fronte á maioría da cidadanía, incrementando a bonificación do Imposto sobre o Patrimonio, cunha bonificación que pasa do 25% ao 50%, é dicir regalan unha media de 4.500€ para os 7.700 galegos e galegas máis ricos, mentres que para a gran maioría (rendas ata 35.000€) a rebaixa fiscal será duns 40€/mes de media.

É unha medida decepcionante, que amosa escasa sensibilidade co pobo galego e, lamentablemente, é  unha política fiscal pensada para os máis ricos.

Entendemos, en definitiva, que dentro da complexa conxuntura, mesturada cunha maior capacidade de gasto debido ao aumento das transferencias económicas do Estado á Xunta, así como do aumento do teito de gasto para estes orzamentos, o goberno da XG presenta uns orzamentos decepcionantes.

Contextualizadas as grandes liñas nas que o PSdeG amosa a súa discrepancia con este proxecto de orzamentos para o ano 2023, compre presentar de xeito moi resumido para axustarse á dispoñibilidade de tempo as eivas máis relevantes, que por suposto non as únicas, que este proxecto ten.

Sección 04 – Presidencia da Xunta de Galicia. A2, Axencia Turismo de Galicia. Sociedade mercantil. Corporación Radio Televisión de Galicia

O programa 111A Presidencia da Xunta pasa de 3.762.000 euros a 6.027.000 euros, un incremento de aproximadamente o 60 %, a dirección da comunidade autónoma este ano sáenos moito máis cara que o anterior, un 8 % e máis concretamente a presidencia cóstanos un 60 % máis, o cal implica que o cambio de presidente tradúcese en máis gasto asociado á súa figura

O gasto en persoal eventual e altos cargos da Presidencia da Xunta supoñen aproximadamente o 25 % do total de custos de persoal, unha porcentaxe que consideramos excesiva.

Os gastos en publicidade (é dicir, en propaganda) non aparecen nin sequera reflectidos nos orzamentos que presenta anualmente a Xunta, senón que son ocultados normalmente práctica opaca e falsificadora da realidade económica ante a cal o Consello de Contas de Galicia formula ano tras ano reiteradas peticións para que se lle poña fin, facendo a Xunta caso omiso.

E tampouco realiza o Goberno galego ningunha clase de Plan de publicidade e comunicación institucional, tal e como si fai o Goberno de España, pese as iniciativas presentadas a este respecto en varias ocasións polo Grupo parlamentario socialista, todo o cal conforma un marco de opacidade, de gasto excesivo, sobredimensionado e claramente dirixido á conformación dunha “única versión oficial” da nosa realidade; especialmente nun momento difícil no que a sociedade esixe máxima credibilidade, pluralidade e exemplaridade pública.

E así, xunto coa manipulación da CRTVG é como se constrúe o relato da Galicia feliz, pioneira cando procede e mártir noutros casos., a pesar de que o seu orzamento se incrementa, os nosos medios públicos continúan nunha liña de manipulación e parcialidade, en flagrante incumprimento da propia Lei 9/2011, que esixe pluralismo, imparcialidade informativa e vocación de servizo xeral. Ademais, segue sen aprobarse o contrato-programa, non existen proxectos para a TVG2, nin liñas que supoñan un impulso para o noso sector audiovisual, nin medidas para loitar contra a precariedade laboral, nin accións que recuperen a información de proximidade,  nin cultura galega en horarios de máxima audiencia, nin programación infantil e para a mocidade de calidade, nin ferramentas que procuren o pluralismo, nin compromisos en defensa da igualdade na que tanto erran os nosos medios. En definitiva, uns orzamentos que manteñen a dinámica de incumprimento da propia lei galega de medios públicos.

Sección 05. Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.  Servizo A1. Instituto Galego de Promoción Económica-Igape. Servizo A2. Axencia Galega de Innovación-GAIN

O orzamento da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación crece e consegue acadar un maior nivel de gasto e investimento dentro destes orzamentos expansivos, pero non acerta nin no modelo nin nas medidas que precisa a economía galega.

Polo tanto, o maior problema non vén dado pola falla do incremento orzamentario para esta Vicepresidencia Primeira nun contexto de orzamentos que mobilizan máis recursos senón do aproveitamento destes recursos e os programas definidos.

Galicia require dunha política económica activa que desenvolva as competencias que o Estatuto de Autonomía outorga ao autogoberno galego para así conseguir avanzar na converxencia económica e no benestar, e poder situarnos na vangarda europea. E para acadar eses obxectivos é preciso:

  1. a) Modernizar a economía galega liderando a dobre transición ecolóxica e dixital

  1. b) Impulsar o investimento en I+D+i nunha Galicia cuxos niveis están por debaixo da media española e moi por debaixo dos niveis das rexións máis avanzadas de Europa,

  1. c) Elaborar unha política industrial activa e reforzar os sectores produtivos clave do país ante os retos da súa transformación, con enfoques sectoriais que implican novas políticas agrogandeiras, pesqueiras e de comercio e servizos, entre outras.

  1. e) Defender e impulsar o tecido produtivo galego, dende empresas estratéxicas a pemes e traballadores e traballadoras por conta propia..

  1. f) Apostar por políticas públicas de cohesión social e territorial tamén dende a política económica, como garantía para un desenvolvemento estable e inclusivo.

Ademais, estes orzamentos deberían tamén asumir a necesidade de reforzar, reformar e reestruturar o Igape para convertelo nun verdadeiro instrumento de promoción económica e política industrial fronte ao modelo actual, que resulta inoperativo para os grandes retos do desenvolvemento económico galego, tal como se evidenciou cando o Goberno da Xunta preferiu crear unha nova sociedade para a xestión dos fondos europeos Next Generation e tamén no que atinxe a proxectos doutra dimensión e para o desenvolvemento de Galicia.

Son uns orzamentos que obvian as competencias da Xunta de Galicia en materia de economía e industria e que fallan no deseño dunha política económica acorde coas necesidades do tecido produtivo, carecendo de modelo para o presente e futuro do país. económica co territorio, tanto no ámbito urbano coma no rural.

Pola súa banda, o gasto en I+D+i de Galicia en relación ao PIB é do 0,98% lonxe do 1,25 % que existe en España e ao 2,18 % de media na Unión Europea. En Galicia temos que construír un novo modelo de crecemento e, para que isto sexa así, a Xunta de Galicia ten que apoiar o I+D+i incrementando moito máis este programa nos orzamentos do próximo ano. Neste senso, o goberno de Rueda carece de modelo para a innovación e o dinamismo de Galicia como se evidencia nestes orzamentos:

O mundo está en plena Transformación Dixital, como resultado da aparición e implantación dun amplo conxunto de tecnoloxías que están provocando e provocarán grandes cambios na actividade produtiva da maioría dos sectores económicos, contribuíndo a reforzar a súa competitividade e potenciar o desenvolvemento e, á súa vez, incidindo directamente no progreso económico e social dos distintos países.

Sección 06. Vicepresidencia Segunda e Consellería da Presidencia, Xustiza e Deporte. Servizo 81. Academia Galega de Seguridade Pública. Servizo A1. Axencia Galega de Emerxencias.

No ámbito da Administración local o Goberno da Xunta ten que actuar de forma equitativa con todos os concellos: un reparto regrado dos fondos garante esa equidade, e iso conseguiríase  financiando todos os recursos cos que contan para a Administración local a través do fondo de cooperación base.

Un fondo de cooperación local base leva conxelado dende 2011: 112,9 millóns de € para toda Galicia, totalmente insuficiente. 12 anos nos que nin actualizaron o IPC e delegan competencias propias nos concellos, que se sumamos a suba dos prezos dos servizos atopámonos que neste momento están afogados.

A este goberno o  financiamento regrado non lle gusta, prefire incrementar en máis de 400 M€  a cantidade destinada a convenios e subvencións porque e máis opaca e porque a reparten de forma discrecional. E esa forma de actuar ten dúas consecuencia innegables:

  • 3 de cada 4 € para os concellos galegos son condicionados, vía convenios ou subvencións.
  • Que segundo un informe moi recente da FEGAMP, os nosos concellos arrastran un déficit de 624 millóns de euros por competencias que non son deles ou comparten coa Xunta de Galicia.

Sección 08. Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Sección 81. Instituto Galego da Vivenda e Solo. Sociedade Mercantil, Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. Sogama.

En materia medioambiental, ademais dun incremento moi inferior á media, que nin sequera iguala a inflación deste ano, está asociado ao propio incremento dos orzamentos europeos en materia medioambiental, en liña coa aposta ecolóxica da UE. Por tanto, nun contexto de forte aposta verde europea e española, tanto a nivel político como orzamentario, a Xunta de Galicia adopta unha senda distinta, sen que sexamos quen de atopar unha explicación.

Iso si, atopamos tópicos como que o sistema Sogama é o modelo que Europa pon como exemplo de xestión de residuos.

Porque unicamente entrando nos resultados visibles que presenta Sogama é insostible esta afirmación.

Cos datos de 2021: 64 % valorización enerxética coñecida tamén como incineración (sona peor pero o dano é o mesmo); 18 % reciclaxe; vertedoiro (directo e indirecto) 18 %, datos non cumprimos nin un dos obxectivos marcados a nivel europeo e estatal, comprobando que con estes orzamentos o modelo de incineración e vertido seguirá sendo o mesmo, sen que se albisque unha aposta real pola sensibilización cara á reciclaxe.

Ademais, Sogama suprime neste orzamento a rebaixa do 10 % no canon de lixo que desfrutaban 167 concellos dende hai 3 anos por comprometerse a reducir a xeración de residuos e repercutir a rebaixa na veciñanza, medida que supón incrementar os beneficios para Sogama, ao tempo que aumenta a factura da factura do lixo dos concellos que eran beneficiados.

No que respecta á vivenda, un tema de vital importancia para a cidadanía galega, é un feito que as familias cada vez teñen máis dificultades para acceder a unha vivenda, os prezos disparáronse arredor dun 40 % nestes últimos cinco anos, especialmente nas cidades, mentres temos 300.000 vivendas baleiras en Galicia.

As partidas consignadas por parte da Xunta de Galicia para o acceso á vivenda correspóndese cos fondos achegados polo Goberno do Estado, o que demostra o nulo compromiso do Goberno galego que non achega ningunha partida significativa con fondos propios.

Non se entende neste contexto de crise que a Xunta deixase o pasado 2021, que é a cifra de execución pechada que temos, sen gastar dous de cada tres euros dos fondos para o acceso á vivenda. Nesta realidade, merecen mención especial as mozas e mozos, a emancipación está nos niveis máis baixos o que supón un grave problema económico, social e mesmo demográfico porque tamén isto afecta e condiciona a posibilidade, se hai desexo, de ter fillas ou fillos.

O 35 % das galegas e galegos que residen en vivendas arrendadas pagan rendas excesivas en comparación cos seus ingresos. Polo tanto, a liña de axudas para asumir os custos de alugueiro que se contempla falemos de mocidade, falemos das persoas en situación de exclusión é insuficiente.

Sección 09. Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

Aínda que o orzamento da Axencia Galega de Infraestruturas medra un 4 % con respecto ao do exercicio 2022 a  verdade e que son un orzamentos  pouco cribles. E isto fundamentámolo en dous motivos:

  • Pola baixa execución orzamentaria dos últimos anos de partidas fundamentais deste orzamento como é o de conservación, construción e explotación de estradas; só en dous exercicios, 2019 e 2020, deixaron sen executar neste eido máis de 130,5 millóns de euros, e
  • Por outro lado polo estrepitoso fracaso do proxecto estrela en infraestruturas do señor Feijóo o Plan Move de Infraestruturas que no ano 2009 anunciaba que ía destinar 8.200 millón de euros en 10 anos para a construción de vías de alta capacidade. Fracaso recoñecido incluso polo anterior Presidente da Xunta,  o señor Feijóo,  en sede parlamentaria. Curiosamente moitas das infraestruturas contempladas nestes orzamentos eran obras xa recollidas  e comprometidas nese documento.

En materia de infraestruturas, xa que non foron executadas,  repiten as partidas en obras de exercicios anteriores que levan tantos e tantos anos de parálise: Vía Ártabra (21 anos de retraso), VAP Tui- A Guarda (con data prevista de remate no ano 2013), VAC Costa Norte, Acceso Porto Seco de Monforte (Porto inaugurado no ano 2014), Plan Paradai  (20 anos de retraso), variante de Carballo (16 anos de promesas e a propia conselleira dixo nas eleccións autonómicas de 2020 que no 2022 sería unha realidade, AG-59 tramo A Ramallosa-A Estrada (proxecto que xa vén dunha autovía que se proxectou na época do Goberno presidido por Touriño) Circulación Leste de Ourense … E tamén reaparece a rolda Leste de Lugo, xa que esta aparece e desaparece dos orzamentos da Xunta de Galicia en función dos intereses electorais do PP, consigan 6.000.000 € para 2023  a sabendas de que non nos poderán executar xa que, a día de hoxe, non dispoñen nin dos terreos para levar a cabo a obra (iso si, salvo que algunha candidata teña desenvolto un novo modelo de expropiación e execución, chamémoslle “lostrego” que se desenvolverá de xeito experimental na cidade amurallada.

Non apostan tampouco estes orzamentos polo estudo do desdobramento de determinadas vías rápidas de Galicia, así como pola mellora dos seus sistemas de seguridade.

En materia de transportes e mobilidade, a cidadanía galega está a sufrir o mal funcionamento do Plan de transporte público por estrada de Galicia e a Xunta de Galicia, facendo oídos xordos a estas reclamacións da cidadanía e alegando que se trata de problemas puntuais non reformula con estes orzamentos o seu mal funcionamento. Tamén botamos de menos que nestes orzamentos non se estableza unha partida para a gratuidade ou bonificacións no transporte interurbano competencia do Goberno galego, máis aló dos que aplican coa Tarxeta Xente Nova. Botamos en falta, en definitiva, unha verdadeira política que sirva realmente para vertebrar o noso territorio e, fundamentalmente, o rural.

No relativo a Augas de Galicia, ademais do reparto ao que nos teñen  acostumados de fondos cara aos concellos, que chegan máis a uns que a outros en función de criterios da cor política que está a gobernar a entidade local, nas obras de depuración e saneamento que se establecen para o vindeiro ano  proveñen, a inmensa maioría, de exercicios anterior que non foron executados e que moitas delas corren o risco de que se perdan os fondos europeos asinados a tal fin pola pésima xestión de Augas de Galicia nesta materia.

Sección 10. Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

A oportunidade que representa contar cuns orzamentos expansivos nun momento de crise polo aumento da inflación debería de ser aproveitada para garantir a igualdade de oportunidades e a equidade e estar ao carón das familias galegas e do sector da nosa cultura. Pola contra, neste proxecto de orzamentos non se dá resposta ás necesidades que existen nos ámbitos educativo, universitario, lingüístico nin cultural ou á necesaria protección do patrimonio.

En termos cuantitativos, e a pesar de que estamos ante o Orzamento máis amplo do Goberno galego no seu conxunto, o correspondente á Consellaría de Cultura, Educación e Universidade aumenta menos da media do conxunto cun incremento que se queda nun 5,19 %, moi por baixo da suba media (8,5 %).

EDUCACIÓN

Temos ante nós o proxecto que deseña como desenvolver un dereito fundamental como a Educación que representa a mellor ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades e a equidade.

Non só non garante a gratuidade e universalidade dos libros de texto e materiais ou dos comedores, senón que o aumento do gasto non se traslada a programas como o 423A Servizos e axudas complementarias.

No referido a comedores escolares, a partida aumenta só arredor de dous millóns de euros aínda sabendo que ante a suba dos prezos dos produtos de alimentación ou enerxía, os colexios, empresas e ANPAS están aumentando as contías que teñen que pagar as familias para poder seguir prestando un servizo tan esencial. Ademais de non asumir o incremento dos custes para as familias neste orzamento, preocupa tamén que ante a diminución das marxes de ganancia polos gastos do combustible, enerxía e alimentos as empresas adxudicatarias non garantan nalgún momento unha alimentación en condicións, variada, saudable e de calidade e en cantidade.

Xa nas partidas destinadas a reparacións, melloras e novas construcións, actuacións inaprazables nos edificios escolares, non só nin manteñen en moitos casos as cantidades do actual exercicio senón que reducen partidas de xeito inexplicable, e todo a pesar da propaganda e do anuncio a bombo e prato do novo Plan de Arquitectura Pedagóxica e de recibir máis fondos para tal fin.

No referido a FP, nun momento chave na que se recibirá a maior cantidade de fondos procedentes do Estado para a FP DUAL,  recollen exactamente a mesma cifra que este ano, ou unha partida para a modernización da FP da que nin un só procede de fondos propios.

UNIVERSIDADE

Os orzamentos da Xunta de Galicia para o 2023 non dan resposta ás necesidades das universidades públicas galegas e da propia comunidade universitaria. En primeiro lugar, cómpre un maior financiamento do sistema universitario público non só para atender a demanda dos reitores de acadar o investimento de máis fondos dos establecidos no plan de financiamento universitario vixente ata 2026, entre outras cousas, para facer fronte aos maiores custos de persoal e á alta inflación, senón tamén para devolver o que a Xunta adebeda ás tres universidades galegas pola conxelación de taxas universitarias de grao e mestrado durante distintos cursos académicos no Sistema Universitario Galego sen o adecuado financiamento.

En segundo lugar, nun momento de dificultades para tantas familias galegas que non chegan a fin de mes, o Goberno da Xunta debería implementar unha partida para establecer as primeiras matrículas gratuítas para o estudantado galego nas universidades públicas do SUG. Paralelamente, o Goberno galego tamén debería complementar con partidas extraordinarias as bolsas e contratos do Sistema Universitario Galego para garantir que todo o alumnado galego poida cursar os seus estudos de grao e posgrao e doutoramento neste curso e no vindeiro sen dificultades insalvables, o que obriga a adecuar as partidas orzamentarias para compensar as necesidades derivadas da inflación.

CULTURA E LINGUA

O peso orzamentario da cultura con respecto á totalidade das contas é de 0,73 %, moi lonxe do pretendido 1 % do grupo. Pero é que ademais dos 8 millóns de euros de incremento que experimentan os programas de cultura para o vindeiro exercicio, o 81,25 % destínase a capítulo 1 (4,5 millóns) e á Cidade da Cultura (2 millóns de euros).

No referido a patrimonio cultural, observamos como o orzamento dirixido a intervencións vai fluíndo en función dos fondos que vaian chegando ben do Estado ou ben de Europa, no que semella unha clara falla de estratexia e de compromiso.

En termos xerais non se percibe ningún programa novo de calado que axude a que o sector cultural encamiñe a súa saída da crise, de igual xeito que acontece co destinado á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que continúa sen tan sequera recuperar o orzamento do ano 2021. Descoñecemos tamén como pensan desenvolver o Proxecto Nós, que non ten consignado ningunha partida específica nas Contas para o ano 2023.

Sección 11. Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade

En materia de emprego é  preciso aclarar  que entre investimentos reais e transferencias o  Goberno do Estado  achega un total a estes orzamentos para emprego e igualdade  a cantidade de 251 millóns dos 381 consignados.

Atopámonos cuns  orzamentos continuístas  que non se centran en sacar a Galicia das comunidades con taxas de actividade e de ocupación máis reducidas, como dicíamos antes, e a menor creación de emprego en comparación ca rexistrada no Estado.

A dificultade de execución do orzamento que presenta a Consellería, así como a política continuísta que segue  para o vindeiro ano 2023, sen fórmulas innovadoras, complica que a nosa comunidade autónoma cree emprego de calidade, convertendo así os orzamentos non nun programa de actuación senón de propaganda.

Dende que goberna o PP   Galicia  perdeu o 9,9 % do seu volume de traballo, sendo para o conxunto do Estado a perda de 3,8 puntos menos, polo tanto, triplicamos esa perda, algo inaceptable.

Co Partido Popular gobernando en  Galicia destrúese unha  de cada catro horas de traballo no sector primario; no Estado hai practicamente o mesmo volume de traballo.

Para analizar os orzamentos  en materia de emprego tamén e imprescindible  contextualizar a súa execución orzamentaria.

O Goberno galego dende 2009 a 2021 deixou sen gastar dos 5.154 millóns de euros asignados a políticas de emprego 1.775 millóns de euros, o 34,4 % do crédito  asignado.

Carecen estes orzamentos de programas que loiten contra as altas  taxas de paro feminino e para que  os mozos/as  e os/as  parados de longa duración encontren  solución á súa problemática.

Nun momento conxuntural no que a crise económica está a afectar con maior intensidade ás mulleres as Contas da Xunta de Galicia para o ano 2023 permanecen alleas a esta realidade.

Tanto é así, que o total investido nos programas dedicados especificamente a políticas dirixidas a muller e á conciliación, a Xunta de Galicia só achega con fondos propios a terceira parte, sen que exista un incremento de fondos propios acorde ás necesidades.

O aumento no programa de apoio á conciliación débese unicamente á achega estatal de preto de 11 millóns polo Plan Corresponsables, sen existir ningunha acción propia por parte da consellaría nun tempo no que a corresponsabilidade e a conciliación deberían ser prioridades para o Goberno.

No tocante ao programa de accións para a igualdade, protección e promoción da muller, observamos con perplexidade como este diminúe. No canto de aumentar de maneira notable, recórtanse as transferencias para a promoción do autoemprego e do emprego das mulleres, así como as dirixidas a institucións sen fins de lucro para recursos integrais dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, nun exercicio incomprensible que nos fai dubidar do compromiso real do Goberno coa igualdade.

Mención aparte merecen as políticas LGTBI. As Contas volven poñer de manifesto que o compromiso e obriga de velar pola igualdade real en todos os ámbitos non existe.

Xa no referido ao programa de protección e apoio ás vítimas de violencia de xénero, que se sustenta practicamente con fondos chegados do Estado, sorprende o escenario que albiscamos á vista das Contas.

Por unha banda, incrementan o capitulo 2 en 2 millóns de euros nunha partida indefinida que non establece ningún compromiso con ningunha acción concreta. E mentres, nunha redistribución de fondos incomprensible e innecesaria, diminúen nun 25 % a partida millonaria dirixida a entidades que traballan con vítimas e para promover a formación e creación activa de emprego no marco da violencia machista, ademais de eliminar a específica de inserción laboral de vítimas.

Sorprende ver tamén como, unha vez aprobado o I Plan Galego Contra a Trata con Fins de Explotación Sexual, non existe unha partida específica para o seu desenvolvemento e unicamente hai un incremento que pensamos non é suficiente para os obxectivos marcados.

Sección 12. Consellería de Sanidade

Esta sección ben merecería un debate monográfico.

En termos globais na visión sobre a aplicabilidade, o orzamento sanitario segue a destinar unha baixa porcentaxe a Atención Primaria, o que segue situando  Galicia entre as CC.AA de España con peor dato neste punto. Sendo a Atención Primaria o eixe dos problemas evidentes do sistema sanitario. No mesmo nivel de análise, o aumento orzamentario para a Atención Primaria, que no ano 2022 diminuíu o seu orzamento respecto do ano 2021, prevé unha suba de apenas 33 millóns de euros, segundo anunciou o propio Presidente da Xunta de Galicia na presentación dos orzamentos co programa de reforzo de Atención Primaria. Esta dotación resulta a todas luces insuficiente para afrontar os problemas globais.

En termos de persoal cabe mencionar un grave problema de forma e outro de fondo. En termos formais, este orzamento retira os cadros de persoal do propio Sergas, de maneira que é imposible determinar o volume de persoal en canto á distribución en función dos distintos servizos. Así, resulta improbable coñecer canto volume do persoal está dedicado a Primaria ou a Hospitalaria, porque esta presentación de orzamentos mestura estes datos (ata o de agora sempre ofrecidos) e impide facer unha análise axustada da cobertura das necesidades. O único que é posible e manexar os datos conxuntos e globais, e aínda así pódese determinar que, despois de tanta publicidade e anuncio sobre as necesidades de persoal, os orzamentos apenas incrementan en 42 médicos/as todo o volume de todos os servizos para toda Galicia, o que supón apenas un 0,5 % o aumento do cadro de facultativos.

O orzamento presenta algúns erros habituais que sistematicamente ocorren cada ano, no que se anuncian a través da memoria da Consellería o compromiso de intervir en centros de saúde (mellora ou nova construción) que logo non recollen partidas propias nos orzamentos. Algúns centros si que existen, como o de Lalín, pero non outros teoricamente comprometidos que non teñen partida orzamentaria propia (na mesma provincia, por exemplo, Meis e Vilagarcía de Arousa). Inclúense, tamén, referencias a centros de saúde que repetidamente aparecen todos os anos, o que amosa o incumprimento das propias indicacións do orzamento de cada ano, limitando a credibilidade das partidas anunciadas.

Sección 13. Consellería de Política Social e Xuventude

Un estudo do IGE revela que o 43 % de fogares en Galicia chegan con dificultade a final de mes, o índice de pobreza medra nas mulleres e alcanza o 34 % para os menores e a mocidade. Ademais existen datos que indican que outro sector moi afectado pola crise é a poboación con discapacidade. Polo tanto, a casuística particular galega lévanos á necesidade de priorizar políticas encamiñadas a protexer a poboación máis afectada, cada unha coa súa particularidade dentro do marco do reto demográfico. A situación é preocupante e non ten precedentes, se ben é certo que non é culpa de ningún goberno nin administración, é derivado dunha pandemia e unha guerra da que só é culpable quen a iniciou.

O argumentario político dos últimos dous anos do Goberno galego do partido popular é escusarse dos malos datos na maioría dos parámetros galegos botándolle a culpa ao goberno estatal.

Dende o Grupo Parlamentario Socialista solicitamos ao Goberno galego que revertese esta decisión e recuperase canto antes a Tarxeta Básica, tendo en conta que se trata dun recurso concibido para fuxir do asistencialismo e loitar contra a aporofobia social.

A falta de execución da totalidade da partida orzamentaria correspondente á Protección e inserción social/ Pensións asistenciais nun -19,27%, da conta  dunha estratexia política contraria ao que demanda o contexto socioeconómico nestes momentos. Trátase dunha partida decisiva no compromiso coas familias máis vulnerables nun momento de crise no cal a administración tiña que poñer todos os recursos a disposición da cidadanía en situación de exclusión social ou vulnerabilidade.

Outra partida que non executaron neste ano é a de Servizos sociais de atención a persoas maiores e con discapacidade nun -14,57%, precisamente en ámbitos moi debatidos na cámara representativa galega da cidadanía como transcendentais nunha das comunidades autónomas máis envellecidas e con maior porcentaxe de persoas potencialmente dependentes.. Ademais continúa pendente un novo modelo de atención para as persoas dependentes e con discapacidade. Por unha banda a necesidade de crear máis prazas públicas para persoas con discapacidade evitando así que xente nova teña que ingresar en residencias de maiores por non ter recurso residencial para persoas con discapacidade dispoñible. E moi especialmente é urxente para as persoas maiores que tanto padeceron nos últimos anos por mor da pandemia un novo modelo de atención residencial. Outras CC.AA xa teñen moito traballo adiantado nesta materia investindo recursos, pero tamén obtendo un retorno económico e social por parte do sector coidados ou atención para as persoas con dependencia.

A partida orzamentaria que peor execución tivo en materia de política social é a do Apoio á conciliación da vida laboral e persoal e outros servizos de protección, nun -25,25%. Mentres dende a Consellería de Política Social están a anunciar como medida estrela a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, os concellos galegos están soportando unha parte moi importante deste gasto. Sufragando boa parte do custo por praza en máis de 135 centros de toda Galicia, todo elo despois de ter que soportar sobrecustes de máis de 6 millóns mensuais durante a pandemia. Mentres a Xunta cubre o 100% das escolas infantís privadas con 306 euros por cada neno/a, nas municipais tan só 169 euros por crianza.

Dende a Consellería de Política Social é preciso e urxente elaborar un estudo da situación na que se comprometan partidas orzamentarias significativas para blindar aos menores que se atopan en risco e desamparo.

E xunto á situación da mocidade galega, outro dos problemas sen resolver ao longo dos máis de 13 anos de goberno galego do Partido Popular, é o reto demográfico, especialmente nas provincias de Ourense e Lugo. O certo é que tal e como anticipamos, a Lei polo reto demográfico non está comprometendo accións de calado nin partidas orzamentarias efectivas, dado que non hai compromiso de transversalidade entre as áreas de goberno pola mesma causa.

Galicia perderá case 35.000 habitantes máis ata 2037, quedándose con 2,65 millóns de persoas, un 1,3 % menos que na actualidade  segundo as Proxeccións de Poboación 2022-2072 publicadas polo Instituto Nacional de Estatística  Deste xeito Galicia situarase entre as poucas rexións españolas que perderán poboación nos próximos 15 anos, Avanzamos nun proceso de envellecemento e perda de poboación, de baleirado, que se acelerou durante a última década e que nos deixa cunha porcentaxe de galegos e galegas maiores de 65 anos que supera en máis de dez puntos ao de persoas mozas menores de vinte.

Sección 14. Consellería do Medio Rural

O noso medio rural atópase nunha situación moi preocupante, lonxe dos anuncios de promoción da Consellería, a realidade é que cada día que pasa a Galicia do rural agranda os seus problemas de despoboamento e avellentamento.

É imposible fixar poboación e fomentar a actividade do noso campo, se aquelas persoas mozas e familias que teñen que decidir se apostan por un futuro dentro ou fora do rural ven como ano tras ano a calidade da sanidade pública que reciben é de peor calidade, cunha atención primaria saturada e admitindo dende os seus altos cargos que non todos os centros de saúde teñen porque ter pediatra, e xa sabemos onde están situados estes centros, cando vemos que o curso académico arranca con menos profesores e máis colexios públicos pechados, evidentemente estes están situados no rural, cunha atención aos nosos maiores  deficiente e cuns concellos rurais completamente afogados pola súa incapacidade económica, mentres teñen que ver como a Xunta de Galicia evade as súas propias competencias para darlles cada día máis cargas económicas.

Son décadas de gobernos caracterizados pola falla de políticas de discriminación positiva cara o noso interior e agora, pese ao cambio de paso da Consellería do Medio Rural nesta lexislatura con textos lexislativos que tratan de achegar instrumentos para recuperar superficie agraria útil e actividade no noso rural, os obxectivos non se van conseguir se estes textos e cambios na estratexia da consellería non se acompañan dun orzamento e planificación axeitada para o seu desenvolvemento.

O orzamento da Consellería do Medio Rural aumenta uns 50 millóns de euros, pero non incrementa o seu peso porcentual no total do orzamento da Xunta, como xa sucedía o ano pasado, unha noticia que non fala desa discriminación positiva do Goberno galego polo noso medio rural a pesar dos anuncios dos proxectos estrela deste departamento.

Nestes orzamentos do 2023, aínda que aumente o orzamento global, o programa de modernización e diversificación do tecido produtivo rural baixa un 17 % de 154 a 128 millóns de euros e o programa de ordenación das producións forestais descende un 4,3 % de 90 a 86 millóns de euros.

Outra das cuestións é facer un seguimento do grado de execución dos orzamentos e resulta grave como ano tras ano descende o grado de execución, xa que o do 2021 foi peor que o do exercicio de 2020, no programa de Actuacións e valorizacións do medio rural, o grado de execución baixa un 14 %, chegando ata o 75,2 % e no programa de Dinamización económica do medio rural baixa un 6,5 %, chegando ata o 75,1 %, nunha administración do medio rural lenta e pouco eficaz

O medio rural necesita de políticas transversais en todas as  consellarías, non só  na Consellería do Medio Rural e baixo o noso parecer con tres eixes obxectivos básicos:

  • A mellora das rendas da poboación rural tanto das procedentes da agricultura como doutras actividades económicas da xente que vive no noso rural.
  • A mellora dos servizos públicos no rural, despois dos recortes soportados nos derradeiros 14 anos de Goberno.
  • Recuperar a confianza no futuro do medio rural.

Mentres a Consellería do Medio Rural practica o “neorruralismo”, publicitando aldeas intelixentes, en Galicia existen máis de 2.000 núcleos abandonados e mais de 10.000 aldeas con menos de 10 veciños, que son nada máis e nada menos que un terzo das que ten todo o noso territorio, por iso é necesario que se leve a cabo unha política activa de estruturas e de ordenación do territorio que apoie o aumento da base territorial das explotacións con respecto ao abandono de terras e poña fin as plantacións de eucaliptos en terras agrarias, non podemos demorar máis estas actuacións, despois da lei de recuperación urxe a planificación e o desembolso económico para facer realidade esas medidas, apostando polos arrendamentos dando un maior dinamismo ao banco de terras e rematando as concentracións parcelarias prioritarias, decretando unha nova por cada unha rematada.

Os sectores  produtivos de Galicia seguen a espera de instrumentos que acompañen a reformada Lei da cadea alimentaria, para asegurar que os produtores de todos os sectores primarios cobren por enriba dos custes de produción, poñendo énfase no sector da carne, con numerosas explotacións en dificultades polos elevados custes que soportan, os baixos prezos percibidos e as limitacións nas terras dispoñibles. A Consellería do Medio Rural neste momento tan duro de crise, renunciou a cumprir a súa promesa de utilizar recursos propios da Xunta de Galicia para axudar a este sector, pese a que a normativa estatal era clara para poder usalos e mentres o Goberno do Estado e Europa insuflaron decenas de millóns de euros en axudas para os sectores en Galicia, a Consellería do Medio Rural dedicoulle cero euros a ditas axudas directas.

Fan falla actuacións preventivas que mitiguen os posibles incendios de sexta xeración que por desgraza se poden producir, pero vemos como estas actuacións diminúen neste ano en relación ao pasado ano, orzamentando en subvencións a investimentos en materia de prevención de incendios o mesmo que no ano 2022  e diminuíndo as axudas para a creación e mellora das masas forestais no 2023 un 9 %, é dicir, 3 millóns de euros menos, cunha consellería que semella que ten todo feito, posto que para o ano 2023 hai unha redución orzamentaria do 70 % en estudos e programas de formación na Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. O Goberno galego debe mellorar a profesionalización da loita contra incendios, diminuír a temporalidade e a coordinación das persoas traballadoras e medios de loita contra o lume, reformulando o modelo das brigadas municipais creadas o amparo dos convenios de participación na prevención e defensa contra incendios  forestais e  poñendo máis énfase na prevención que na extinción, cuns traballos de prevención que deberían finalizar antes de xuño de cada ano.

Cómpre unha verdadeira aposta polos sectores produtivos, cun impulso da industria de transformación dos nosos produtos para mellorar as rendas percibidas polos nosos cidadáns do rural e  desenvolver unha verdadeira política forestal co obxectivo de planificar o noso territorio e que exista un equilibrio entre todas as zonas de Galicia, favorecendo a produción, pero tamén a conservación que debe estar compensada economicamente, pensando nas medianas e pequenas empresas vinculadas ao medio onde se instalan

Sección 15. Consellería do Mar

O Orzamento da Consellería do Mar para 2023 sube, no global,  con respecto ao do exercicio anterior un 9,20 %, pero vemos como partidas fundamentais do dito orzamento como a 723A “De competitividade e mellora da calidade de produción pesqueira e da acuicultura” aumenta apenas un 2 % , pasando dos  case que 84 millóns en 2022 a 86 en 2023.

Ou por exemplo a partida 723C “Desenvolvemento sostible de zonas de pesca”, que marca entre os seus obxectivos os de potenciación da xestión sostible, eficiente e competitiva da pesca e da acuicultura que minimice os impactos do cambio climático e garanta o posicionamento do sector, así como a garantir a calidade e seguridade alimentaria dos produtos do mar baixa un 20,10 % con respecto a 2022 pasando do 16.378.309 € de 2022 aos 13.085.695 € de 2023. Partida esta que tamén, ao longo dos anos, detecta una baixa execución orzamentaria: 2021 executouse o 36,5 % do crédito inicial, 2020 o 49,10 % e 2019 o 42,4 %, só por recoller os anos máis próximos no tempo.

Os datos de execución orzamentaria neste últimos anos son catastróficos, deixando tantos e tantos millóns de euros sen executar que servirían para axudar ao sector neste momento tan complexo que está a vivir.

Cartos que axudarían ao sector para loitar contra a falla de remuda xeracional, para facer fronte ao incremento de prezos de combustibles e materiais, para mellorar a comercialización, a transformación, a eficiencia enerxética ….

MARISQUEO

No que atinxe ao marisqueo estes orzamentos son moi difusos ademais de conter moitas xeneralidades e pouca concreción.

Agora que estamos en época de libre marisqueo estamos a ver os resultados. A situación do libre marisqueo é un drama, especialmente na Ría de Arousa que é a máis produtiva. Na de Noia todo sálvase polo berberecho, pero non podemos depender só del.

Cómpre recordar que cando o PP chegou ao goberno da Xunta de Galicia o ano 2009 había en torno a 6.500 Permex. A propia conselleira do Mar prometeu daquela chegar a superar os 8000, e a realidade é, que a día de hoxe, estamos rampando os 3.500 permisos. Non só non aumentaron senón que roldamos a metade dos que había. Evidencia de que perdemos capacidade de extracción.

En resumo, é un proxecto de orzamentos resignado, carente dun rumbo axeitado e dun plan de futuro, no que semella que pese a contar con cantidades sen precedentes non se acerta coas medidas:

  • Os sectores estratéxicos non reciben as respostas que precisan (nin a pesca, nin a agricultura, nin a gandaría).
  • Tampouco a industria pode esperar o necesario compromiso
  • Seguimos a ter un goberno que vive de costas á ciencia e á innovación, que sabemos que son o soporte do futuro.
  • Os servizos públicos sen garantías para a cidadanía, con traballadores que reciben moito agradecemento cando o que deberían é recibir máis recursos humanos.

Son vostedes uns contables aceptables, pero non o son planificando con acerto (e as cifras comparadas con outras CC.AA. así o evidencian) e moito menos xestionando a súa propia e errada planificación.

Un dato moi relevante:

Os Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) constitúen un recurso clave das CCAA cuxa finalidade é corrixir os desequilibrios económicos interterritoriais e facer efectivo o principio de solidariedade.

A Galicia correspóndelle en torno ao 10% do citado FCI, do que resultan beneficiarias dez CC.AA: Galicia, Andalucía, Principado de Asturias, Cantabria, Rexión de Murcia, Comunitat Valenciana, Castela-A Mancha, Canarias, Estremadura, Castela e León, e as Cidades con Estatuto de Autonomía de Ceuta e Melilla.

Este fondo dedícase a financiar Proxectos de investimento e conta cun fondo complementario para o mantemento dos investimentos.

Galicia en 2020 executou un 0% da anualidade de 2020, cando a execución media do resto de Comunidades Autónomas foi do 83,98%.

Por non executar non chegou a executar na súa integridade o remanente de 5,6 millóns de euros procedentes do exercicio 2019.

Con estes antecedentes, que cabe esperar de vostedes cara á xestión dos orzamentos do ano 2023, cando non vemos máis que unha mera agregación contable de programas de gasto?

Sobran motivos parta solicitar a devolución destes orzamentos.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04

Paloma Castro considera “incomprensible” a negativa do PP a resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Montecelo

Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para…

02/05/2024 14:02