Propón ao goberno galego que sexa a administración quen asuma os xuros xerados polos préstamos para a reconstrución do polígono
O deputado socialista lugués Luís Álvarez vén de instar á Xunta de Galicia a comprometerse co empresariado afectado polo incendio do polígono do Ceao. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.
“As estimacións iniciais tralo tráxico incendio no polígono do Ceao falan de perdas millonarias posto que, ademais do material calcinado, será necesario demoler os restos dalgunha das naves incendiadas e construílas de novo”, alertou o responsable socialista.
Así, Álvarez preguntou ao goberno galego polas medidas concretas que levarán a cabo para paliar a “grave afectación económica” que está a supor ás empresas o “devastador” incendio, xa que o propio presidente da Xunta se comprometeu a ofrecer a axuda necesaria, sen detallar máis medidas que a axilización de préstamos.
Neste senso, sinalou que “dende a lealdade institucional que require unha situación deste tipo, é certo que dende a Xunta se poden facer máis cousas” que ofrecer préstamos. Por iso, Álvarez propuxo ao goberno galego que tomase como exemplo as medidas levadas a cabo pola Generalitat Valenciana no caso do incendio de Paterna, que se produciu no ano 2017.
Por iso, propuxo á Xunta que sexa a administración quen asuma os xuros xerados polos préstamos para a reconstrución do polígono, de xeito que se poida reducir o impacto económico para as empresas afectadas. Ademais, na liña do solicitado pola Confederación de Empresarios de Lugo, Álvarez instou ás compañías aseguradoras a “que estean á altura das circunstancias”.
Finalmente, o responsable socialista loou o traballo desenvolvido tanto polos equipos de extinción, como pola Policía Local de Lugo e polas Forzas de Seguridade do Estado que conseguiron “minimizar as consecuencias económicas” dun lume que resultou “incontrolable”. “Merecen o noso recoñecemento e agradecemento”, sentenciou.