Paloma Castro censura a negativa de Xunta e PP a arranxar un tramo que se atopa no “ranking maldito” dos 100 tramos de estradas máis perigosos de España, segundo a DXT
O PP vén de vetar unha iniciativa socialista para instar á Xunta a arranxar o “grave” problema de siniestralidade da estrada PO-313 Marín-Moaña. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Obras Públicas do Parlamento, onde votou en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista para instar ao goberno galego a arranxar o treito desta vía que une A Cruz de Maceira e Pardavila.
A deputada pontevedresa Paloma Castro censurou a negativa da Xunta de Galicia e do PP a mellorar un treito que se atopa no “ranking maldito” dos 100 treitos de estradas máis perigosos de España, segundo un informe deste mesmo ano da Dirección Xeral de Tráfico.
Así, lamentou que po goberno galego “esta a incumprir a lei sobre o tráfico”, xa que a lexislación lle atribúe ao titular da vía “o deber de mantela nas mellores condicións de seguridade para a circulación”, polo que a Xunta, “como autoridade competente”, debe garantir “que a liberdade de circulación establecida constitucionalmente sexa ademais segura”.
“Esta estrada non ten nada que envexar ao circuíto de Silverstone, xa que, se me apuras, aínda ten curvas máis pechadas”, alertou a socialista, logo de incidir en que o firme da vía “leva 23 anos sen arranxarse” e, en concreto, o treito máis problemático “é unha zona moi sombría”, o que supón que nos días de choiva “se produzan balsas de auga” e nos días de xeadas “se esvare moito”.
Por todo isto e “sen prexuízo do que poidan dicir os técnicos”, Castro pediu o arranxo do firme, a modificación dalgúns tramos de curvas pechadas e con escasa visibilidade, unha mellora da sinalización nestes tramos, a redución da velocidade, así como o acondicionamento de beirarrúas seguras ou sendas para os ciclistas.
Finalmente, Castro destacou a importancia deste arranxo, dado o tránsito que ten a estrada ao unir “dous concellos moi relacionados”, por exemplo, “a nivel laboral e tamén de tráfico de vehículos pesados, que se dirixen dende o sur ao porto de Marín”.