O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, puxo sobre a mesa os problemas con múltiples colectivos sociais prioritarios que están a reclamar a súa vacinación “e case todos teñen razón”. O responsable socialista criticou que o goberno galego estea unicamente preocupado en confrontar co Estado mentres deixa sen vacinar sanitarios a pesares de que mantén 100.000 vacinas sen subministrar cada día.
Explicou así que “non están vacinados tódolos sanitarios”, en contra do que “vende” a Xunta, xa que aínda faltan os profesionais médicos dos centros penitenciarios, os traballadores privados ou os das unidades de axuda á drogodependencia, así como os estudantes de odontoloxía ou os logopedas, que “traballan a centímetros de bocas abertas”.
Explicou ademais a situación da poboación que está cuberta por mutuas sanitarias, que “non son chamados para o proceso de vacinación como non se lles chamaba para os cribados, simplemente porque a Xunta non é capaz de xestionar a base de datos”. Lamentou que “Facenda non ten ningún problema para localizar a cada cidadán para pagar, pero Sanidade é incapaz de vacinar a toda a cidadanía porque non cruza os datos”.
O responsable socialista presentou o caso da vacinación dos mariñeiros, que a Xunta utiliza para criticar ao goberno de España cando quen ten as vacinas e as competencias para subministralas é precisamente o goberno galego. Explicou que o País Vasco ten vacinado a estes profesionais dende hai semanas, tal e como Galicia quixo priorizar ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar.
Buffet libre
Torrado criticou o nivel de crispación introducida pola Xunta e o propio Feijóo, que empregan un “buffet libre” de escusas para definirse a favor ou en contra do Estado de Alarma segundo conveña en contra do goberno de España. E o caso tamén da xestión do stock de vacinas, ou da deliberada confusión no dato das persoas que tiñan 1 e 2 doses subministradas, demostrando que “non teñen ningún problema moral á hora de utilizar a mentira para disparar contra os socialistas”.
Esixiulle ao PP que “volva á normalidade e non faga disto un circo de enfrontamento” e sinalou que “xa está ben de que esixan lealdade e non ofrezan máis que paus”. Reiterou a lealdade dos socialistas galegos coa xestión da pandemia no que lle corresponde ao goberno galego, pero advertiu diante do nivel inaceptable de crítica do PP, que “só ofrece reproches e ataques persoais, utilizando os falecidos da pandemia”.
O responsable socialista dixo que “estamos máis que dispostos a colaborar, pero é imposible cun goberno só interesado en confrontar, unha máis preocupada por pelexar que por falar”, e denunciou a “actitude inaceptable do PP e da Xunta”, que “non son leais nin por casualidade” na xestión da pandemia.