O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, alertou hoxe de que a obra da Vía Ártabra coa que o goberno galego vai conectar Cambre coa AP-9 atravesa o humidal protexido da Gándara. O responsable socialista presentou unha pregunta en Comisión na que alertou de que esta obra ten caducada a Declaración de Impacto Ambiental dende o 12 de decembro de 2019.
Arangüena explicou que a caducidade da DIA obriga a reiniciar a avaliación ambiental, e de non facelo “daría lugar á nulidade dos actos administrativos que se adoptaran” a partir da data en que caducou. Actualmente, explicou, a obra está pendente da autorización de Fomento para a conexión coa AP-9, logo de que o pasado decembro a Axencia Galega de infraestruturas comezara o trámite de información pública do proxecto de modificado 1 da Vía.
Lembrou que o Concello de Cambre e a propia Sociedade Galega de Historia Natural e múltiples organizacións ecoloxistas teñen alertado á Xunta do “elevado impacto ambiental” deste trazado, ademais “non avaliado conforme á lexislación vixente, e as irregularidades na súa tramitación”. Ata o momento as obras “lamentable e incomprensiblemente teñen arrasado xa parte da zona húmida da Gándara, incluída na reserva da Biosfera e que acolle catro especies en perigo de extinción”.
Preguntou “para que serve toda a normativa medioambiental da Xunta, que é adaptación de normativas estatais e transposición de normativas europeas, se un espazo de evidente valor medioambiental e cultural como este é arrasado por unha obra promovida e desenvolta pola Xunta, que en teoría debera protexer o medio ambiente e o patrimonio cultural e inmaterial”.
Pablo Arangüena explicou ademais que o goberno galego está a priorizar con esta obra a conexión de Oleiros e a AP-9, unha opción “cativa” mentres desbotan a conexión coa autovía A-6, moito máis acorde co interese xeral.
A conexión coa AP-9, ademais de saturar a entrada á Coruña por Alfonso Molina, beneficia principalmente aos usuarios de Oleiros, que vén reducido o percorrido nun 33 por cento, e a “intereses urbanísticos moi concretos e determinados”, en troques de “defender o interese xeral da comarca priorizando a conexión coa A-6.