A Comisión de Sanidade do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para pedirlle á Xunta unha campaña de apoio á vacinación coa participación de galegos recoñecidos. O portavoz de Sanidade, Julio Torrado, sinalou que “é importantísimo trasladar que as vacinas son plenamente seguras”.
Torrado propuxo empregar a credibilidade da fonte para utilizar a xente “moi crible e valorada” do mundo científico, social, deportivo, cultural, económico, político e todos cantos ámbitos poidan contribuír”. Puxo como exemplo a participación de persoeiros como o músico Elton John ou o actor Michael Caine nunha campaña semellante realizada no Reino Unido.
Advertiu polo contrario de que “é difícil atopar unha arma máis potente a favor dos antivacinas que obrigar a vacinar”, aludindo á reforma da Lei de Saúde por parte do goberno do PP, que precisamente suscitou o seu recurso e suspensión polo Tribunal Constitucional por vulnerar os dereitos e liberdades constitucionais.
Torrado reclamoulle ao PP que “non queden en que os únicos famosos galegos vacinados sexan a conselleira delegada de DomusVi ou a alcaldesa de Boimorto”, e respondeu ás fotos de políticos do PSdeG comparando co “risco” de facer fotos co presidente da Xunta. Dixo que o álbum de fotos de Feijóo “semella o cartel dunha comisaría”, e citou así as imaxes co narcotraficante Marcial Dorado, o ex directivo de Pemex ou os ex directivos das caixas encarcelados.
Tamén retrucou ás críticas fronte á falla de vacinación de determinados colectivos concretos sinalando que “os mariñeiros non se vacinan porque a Xunta non os quere vacinar”. Explicou que poden destinar as 100.000 vacinas que mantén nos frigoríficos do Sergas para estes profesionais igual que os vacinou xa o País Vasco, e igual que o goberno galego si que priorizou ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar –SAF-.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a activar un proceso de difusión pública dos grandes e positivos resultados da vacinación contra a Covid, da importancia do apoio e confianza nas institucións que o están a habilitar e a desenvolver unha campaña de promoción da vacinación entre todos os colectivos que tamén conte coa participación de persoas coñecidas e recoñecidas do mundo científico, social, deportivo, cultural, económico, político e todos cantos ámbitos poidan contribuír”.