A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, reclamoulle hoxe á Xunta que abra unha liña de axudas directas para o sector das festas populares, que quedou fora das medidas compensatorias da pandemia polo seu carácter temporal. Gallego presentou unha pregunta oral para apoiar a un sector que representa a máis de 4.000 familias en Galicia.
A responsable socialista afeoulle hoxe ao goberno galego que teña eludido ao sector dende a convocatoria das eleccións autonómicas, xa que só os atenderon nunha xuntanza. Dixo que os representantes das festas e verbenas populares “non entenden por que non queren reunirse con eles”, que só piden axudas para subsistir e ofrécense a colaborar para elaborar un protocolo que permita valorar o comezo da súa actividade”.
Criticou que “antes das eleccións autonómicas reuníronse con eles prometéndolles axudas, pero despois daquela xuntanza e de moitas chamadas tan só tiveron un novo encontro logo das eleccións autonómicas, na que non falaron de nada novo máis alá dun resumo da xuntanza anterior”.
A parlamentaria socialista mantivo un encontro cos representantes do sector no que tamén participou o portavoz socialista Gonzalo Caballero, durante unha concentración diante do Parlamento en protesta pola falla de resposta do goberno galego está a indignar ao sector.
Gallego explica que “só unha parte destas empresas estaban de alta cando se declarou o Estado de Alarma”, debido ao seu carácter estacional e á temporalidade dos contratos, polo que non puideron acollerse ás axudas institucionais. Urxe un encontro con estes profesionais para atender á súa “situación agónica” logo de pasar a anterior campaña sen actividade e cunha perspectiva moi negativa diante das restricións que se apuntan para este verán.
Salientou a relevancia do sector no “país do milleiro de festas gastronómicas, históricas e relixiosas, onde non había vila, pobo ou cidade que non tivera a súa festa”, que daban traballo a milleiros de familias nun sector que inclúe polbeiros, cantineiros, pirotécnicos, electricistas, ou técnicos de escenarios, entre outros.