Categorías: Actualidade

Lage Tuñas sinala que Rueda “perdeulle o pulso á sanidade galega” e evidencia que o seu goberno está “en fase terminal”

Apunta que a denuncia dos colexios médicos contra a implantación do Xide esixe que o presidente da Xunta “tome decisións” sobre a continuidade do equipo de Sanidade

O secretario de Organización do PSdeG esíxelle ao PP que “pida desculpas” logo da “actuación mezquina” de Candia “utilizando anónimos” para intentar apartar a Besteiro da esfera pública

Subliña que o PSdeG de Pontevedra “vai saír a competir de igual a igual co BNG e co PP” porque “hai moito tempo que non se atopaba tan ben posicionado socialmente” como coa candidatura de Iván Puentes

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage, advertiu hoxe que a denuncia dos colexios médicos contra a Xunta demostra que o goberno de Rueda “perdeulle o pulso á sanidade galega”, e evidencia o seu “fin de ciclo”. Así o dixo logo de participar no Comité Electoral do PSdeG de Pontevedra, xunto co candidato, Iván Puentes, e a secretaria local, Maica Larriba.

O responsable socialista dixo que a denuncia dos colexios médicos contra o plan de citas en primaria -Xide- da Xunta polo risco que implica contra a Atención Primaria demostra que o goberno galego entra “en fase terminal”. Lage Tuñas advirte a un Executivo “esgotado, sen proxecto, que non ten solucións para a maior preocupación dos galegos e das galegas, que é a sanidade pública”.

Reclamou a comparecencia urxente do presidente da Xunta no Parlamento de Galicia logo desta denuncia que, dixo, implica que Rueda “debe tomar decisións” de maneira urxente e explicar se vai manter ao equipo da Consellería de Sanidade. Un equipo encabezado polo conselleiro Comesaña que, dixo, configura unha “herdanza envelenada” de Feijóo como presidente da Xunta.

Preguntou se “pode manterse o conselleiro de Sanidade no seu posto” logo de perder a interlocución cos profesionais, como demostra esta denuncia por parte dos colexios médicos, e despois de demostrarse incapaz de baixar as listas de espera para Atención Primaria. Unhas esperas, lembrou, que eran inéditas cando presidía o goberno o socialista Emilio Pérez Touriño.

Hoxe, dixo, estas esperas para Atención Primaria acadan cotas inconcibibles ata hai ben pouco. Así o constata o seguimento que está a realizar o PSdeG cada mes das esperas medias, que logo de chequear a máis de 50 consultorios de atención primaria detectou unha espera media de 14 días, sinaladamente no entorno urbano.

Desculpas públicas

En resposta a preguntas dos xornalistas, o secretario de Organización sinalou que, logo do arquivo das causas contra o ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e a súa rehabilitación para a actividade política, “é o momento de que o PP pida desculpas”. Lembrou que “houbo unha actuación mesquiña” por parte da candidata do PP á alcaldía de Lugo, Elena Candia.

Quen tamén é presidenta provincial do PP de Lugo, dixo, “utilizando anónimos intentou apartar da esfera pública a quen era secretario xeral do PSdeG e candidato á presidencia da Xunta”. Apuntou á candidata do PP para lembrar que “no ano 2016 o que se fixo foi un ataque ao PSdeG, utilizaron armas prohibidas que non se deberan de utilizar nunca en política para facerlle dano a unha persoa e a un partido”.

Sinalou que “en política non vale todo” e sinalou que “7 anos de utilización arbitraria por parte dunha xuíza coa complicidade e anuencia” do PP é algo que “non lle desexo a ningún adversario político”.

Saudou que o PSdeG asista hoxe á “rehabilitación política” de Besteiro, o que unido ao nomeamento de Miñones como ministro de Sanidade, abríndolle a porta do Consello de Ministros ao PSdeG, e a entrada de Javier Losada no Consello de Estado, “pon de manifesto a recuperación do peso do PSdeG en tódalas esferas”.

O partido é “quen mellor está posicionado para ser alternativa política ao PP”, como demostra a reacción do propio Rueda ao nomeamento de Besteiro como delegado do Goberno.

Pontevedra

O secretario de Organización participou hoxe no Comité Electoral do PP de Pontevedra, que “fai moito tempo que non se atopaba tan ben posicionado socialmente”, e que coa candidatura encabezada por Iván Puentes “vai saír ás municipais a competir de igual a igual co BNG e co PP”. Salientou que demostra que “os compañeiros e compañeiras de Pontevedra apostaron por abrir unha nova etapa para darlle unha nova oportunidade a esta cidade”.

Lage Tuñas ratificou o “respaldo absoluto” da dirección galega ao candidato e á dirección local representada hoxe por Maica Larriba, que presentan unha “proposta de presente e de futuro para Pontevedra. Salientou o compromiso de “escoitar aos cidadáns” que “ven que a única posibilidade de cambio pasa por un candidato novo sen ningún complexo á hora de afrontar os retos que ten a cidade por diante”.

Apostou por darlle un novo pulo á cidade e garantir “que teña o peso que lle corresponde a unha capital de provincia como é Pontevedra”, que vén de vivir unha “transformación que se remonta ao século pasado, antes de entrar no século XXI”.

Pola súa banda o candidato do PSdeG á alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, salientou que as de maio serán “as primeiras eleccións abertas en moito tempo” onde “o voto de cada pontevedrés e pontevedresa conta máis que nunca”. Presentou un proxecto “orgulloso da xestión dos últimos vinte e catro anos” pero que non quere que a cidade “quede adormecida” deixando escapar as oportunidades de futuro.

Estas pasan por aproveitar o proceso de transformación que está a pasar Europa, para que Pontevedra sexa “capital na creación de emprego e actividade económica”. Defendeu un proxecto baseado na “ambición e na ilusión” para “mudar algunhas cousas importantes na cidade”, que contrapuxo cos dos seus principais adversarios políticos.

Puentes aludiu ao pleno de Estado do Concello, que foi “o primeiro debate electoral”, no que o actual alcalde amosou que vive “nunha utopía onde todo está perfecto” e sen novas metas e o candidato do PP se excedeu nunha intervención na que só “botou pola súa boca toda descualificación posible contra as dúas forzas políticas do goberno”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28