Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero ve ao PSOE a “mellor garantía” para o medio rural tras unha Lexislatura de “abandono” por parte da Xunta

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Lalín, onde afirmou que, tras dez anos de Goberno de Feijóo, o rural galego atópase en abandono e acusouno de “non ter tomado medidas para mellorar a calidade de vida do sector primario galego”.

Para o líder dos socialistas galegos, Feijóo “foi un fraude para o medio rural”, pois “a que ía ser a lexislatura do rural converteuse na do seu abandono definitivo”.

En contraste ó desleixo dos populares, o secretario xeral do PSdeG propuxo traballar “por un medio rural vivo, revitalizado, con posibilidade de darlle aos cidadáns medios de vida, salarios e ingresos dignos”, sinalando a importancia de que se “garantan as mesmas condicións de vida cos cidadáns que viven nas cidades”.

Gonzalo Caballero visitou esta mañá unha granxa en Lalín propiedade do candidato socialista á alcaldía, Román Santalla, e acompañado tamén polo candidato do PSdeG ás eleccións europeas, Nicolás González Casares.

“FREAR O ABANDONO DE LUGARES ENTEIROS”

O dirixente socialista amosou un número do New York Times que dedica unha reportaxe á venda de lugares e parroquias enteiras do rural galego, e causa “rubor” comprobar que obedece a que “non hai actividade económica nin actividade industrial”. “Hai que ter un compromiso claro co medio rural, que ten que ver co impulso do sector primario e do sector agrogandeiro”, concluíu.

Salientou neste sentido o máximo dirixente dos socialistas galegos o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez, que “converteu a Política Agraria Común nunha cuestión de estado”. Así, comprometeu a defensa na UE de que os orzamentos da PAC para o período 2021-2027 “non caian” e poida mellorarse a calidade de vida dos habitantes do rural.

Ao mesmo tempo, destacou, este é un xeito de “equilibrar o territorio, para que haxa posibilidades de vida, para que os nosos montes estean coidados, para que non haxa incendios e para que haxa igualdade de oportunidades no conxunto do país”.

O secretario xeral do PSdeG tamén sinalou o importante investimento en modernización que teñen feito as explotacións gandeiras galegas, así como nos modelos produtivos, o aproveitamento enerxético ou a xenética das súas reses. ”As explotacións fixeron un gran esforzo por estar á altura dos novos tempos, pero atópanse abandonadas pola Xunta de Galicia”, provocando “unha fenda” entre os prezos de saída do leite e os que chegan finalmente ao consumidor”. Ao respecto, recordou que o Goberno socialista aprobou un decreto que dará aos produtores a posibilidade de traballar e organizarse colectivamente “para que non sexan posicións individuais as que poidan ser superadas polas grandes canles de distribución” do leite, como sucede agora.

Sinalou Gonzalo Caballero tamén a necesidade de favorecer a rebaixa dos custes de produción. “Nun país onde hai tanta terra abandonada, non é entendible que sexa tan difícil para os gandeiros ter as concentracións, os pastos necesarios para poder levara a cabo a súa explotación”. Por iso, recriminou a Feijóo e á consellería competente que “non deran os pasos necesarios para que a terra abandonada poda chegar con facilidade a produtores e gandeiros e estes poidan reducir os custes de produción”.

Finalmente, destacou o líder dos socialistas galegos o impulso á “trazabilidade dos produtos agrogandeiros, unha vella demanda do sector”, a través dun decreto que favorece o seguimento da calidade do leite desde a granxa ata o consumidor.

“O RURAL TEN UN GRAN FUTURO”

Pola súa banda, o candidato socialista en Lalín, Román Santalla, titular dunha explotación gandeira, reivindicou que “o medio rural ten un gran futuro” pero require “apoio” por parte das administracións, ao tempo que reclamou que “a Xunta ten que facer algo” co problema “recorrente” dos prezos do leite.

Ademais, avogou pola utilización das enerxías renovables tanto para as explotacións agrarias como para os edificios públicos, así como por conseguir un mellor aproveitamento da auga que evite as dificultades de abastecemento nas épocas secas.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18