Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero ve a Feijóo “un tertuliano” capaz de aplaudir “os tripartitos do PP con Vox” e criticar a un goberno progresista “comprometido coa axenda social”

O secretario xeral destaca que España terá “un goberno sólido e cun proxecto de país que beneficia á maioría”

Castro Caldelas, 10 de xaneiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou hoxe a “irresponsabilidade” de Feijóo nas súas declaracións sobre a formación do goberno encabezado por Pedro Sánchez. “Perdeu o rumbo e a orientación política”, evidenciou.

Tras subliñar que o problema é “que non temos un goberno en Galicia que resolva os problemas dos galegos”, Gonzalo Caballero sinalou que Feijóo “quere facer de tertuliano”. Só así se explica, dixo, que sexa capaz de pasar de “aplaudir os tripartitos das dereitas cando cogobernan o PP e Vox a criticar aos gobernos progresistas que teñen unha axenda comprometida cos pensionistas, coas mulleres, coa igualdade de dereitos, co estado do benestar e coas liberdades políticas”.

“Ese cinismo de Feijóo hai que barrelo de Galicia electoralmente, de xeito democrático”, defendeu o líder do PSdeG, consciente de que “os galegos queremos gobernos progresistas que fagan avanzar e non tripartitos de dereitas manexados por Abascal e pola ultradereita con Casado e Feijóo como aplaudidores”.

“En España vai haber un goberno sólido, progresista, e cun proxecto de país que beneficia á maioría”, remarcou Gonzalo Caballero, para quen a liña de acción de Feijóo “non é coherente nin responsable” e que “non conecta co que pedían os cidadáns”. “Xogou a boicotear a formación dun goberno en España; dixo que non era posible facer goberno, que había que convocar as terceiras eleccións…”, recordou.

VISITA A TRIVES E CALDELAS

O máximo dirixente dos socialistas galegos fixo estas declaracións durante a súa parada en Castro Caldelas, no marco dunha visita ás bisbarras de Trives e Caldelas.

Alí mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa anfitrioa, Sara Inés Vega; coa rexedora de Trives, Patricia Domínguez; e os alcaldes de Manzaneda, Amable Fernández, e Parada de Sil, Aquilino Domínguez. Participaron tamén concelleiros, deputados e senadores socialistas da zona.

Nese marco, Gonzalo Caballero denunciou que “o PP abandonou á Galicia do medio rural”, ao non atender as necesidades dos pequenos concellos “de ter servizos, de ter inversións, de ter infraestruturas de sanidade e educación…”. Iso, engadiu, que Feijóo chegou a prometer que esta que agora remata sería “a lexislatura do rural”.

“Temos que poñer a prioridade na Galicia que se queda baleira”, advertiu Gonzalo Caballero, despois de criticar que “Feijóo abandonou ao rural”. “Hai que construír unha rede de actores municipais, de axentes económicos e de sectores primarios que xeren actuación estratéxica para desenvolver o rural, loitar contra o despoboamento e apostar polos pequenos concellos”, explicou.

Ao fío disto, o candidato socialista á presidencia da Xunta fixo fincapé en que “Galicia necesita unha vertebración territorial que impulse os escenarios urbanos e que aposte de maneira decisiva polo medio rural, para que calquera neno, con independencia de onde naza, teña os mesmos dereitos“.

Pola súa banda, a alcaldesa de Castro Caldelas agradeceu a visita “ao próximo presidente da Xunta”, un encontro que sinalou como “o inicio desa colaboración para tantas cousas que hai que acordar”. “Que veña a visitarnos e a oír as nosas inquedanzas é moi importante”, asegurou.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28