Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero subliña que Feijóo está “ausente” da reactivación: “ten millóns de euros nas arcas da Xunta en vez de poñelos en mans dos sectores máis afectados e dos concellos para que os trasladen á xente”

O socialista sinala un “balance negativo”: os 234 millóns de euros para axudas directas “sen entregar”, os 113 millóns da comisión “aínda sen destino”, a sanidade “sen reforzar”, “sen mudar” o modelo residencial e cos servizos sociais “á cola de España”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe en rolda de prensa para subliñar “a falla de xestión e de compromiso de Feijóo para liderar a reactivación de Galicia” logo de seis meses deste 2021 que foron un tempo “perdido” na tarefa de reconstruír a economía galega tralo paso da pandemia.

“Temos un presidente da Xunta ausente”, reprobou, antes de sinalar a Feijóo que “se non sabe que facer cos millóns de euros que ten nas arcas públicas e que chegaron de xeito extraordinario do goberno de España, os poña nas mans dos sectores máis afectados e dos concellos, para que os trasladen á xente”.

“A Xunta nin está nin se lle espera”, remarcou o líder do PSdeG, quen amparou esta afirmación no feito de que o goberno de España transferiu a Galicia hai xa máis dun mes 234 millóns de euros para dar axudas directas a pemes e autónomos e que aínda “están sen entregar”, ao igual que ocorre cos 14.500 ordenadores con conexión a internet que non se adxudicaron ás familias que o necesitaron para que os rapaces puideran proseguir cos seus estudos.

Do mesmo xeito, indicou Gonzalo Caballero, os 113 millóns de euros que se asignaron á comisión de reactivación do Parlamento “aínda seguen sen destino”, a pesares do pacto PP-BNG para concluír os traballos deste órgano no mes de xaneiro. E os proxectos que optan a fondos Next Generation, afondou, continúan “nunha nebulosa” máis alá de “campañas de propaganda”.

Ademais, o dirixente socialista incidiu, dentro deste “balance fondamente negativo”, en que a sanidade pública está “sen o reforzo” que precisa, que aínda “non mudou” o modelo de residencias de maiores e que os nosos servizos sociais atópanse “á cola de España”, no posto 13 entre as 17 comunidades autónomas.

“O tempo pasa, e a Xunta nin está nin se lle espera”, evidenciou así Gonzalo Caballero o “suspenso rotundo de Feijóo”. “Ten que baixar a Galicia”, urxiu, consciente de que todos os galegos e galegas saben da súa falla de acción para apoiar á hostalería, á cultura, ao comercio, ao ocio nocturno, á industria ou aos servizos públicos. Precisamente por iso, e por “responsabilidade” coa situación do país, ofreceu “a súa man tendida” para colaborar na saída desta crise.

300 PROPOSTAS

De feito, recordou que o Grupo Socialista presentou á comisión de reactivación un documento con máis de 300 medidas para impulsar a reactivación en Galicia baseado na importancia de xerar emprego -especialmente no que atinxe á xuventude e ás mulleres-, de reformar o sistema produtivo apostando pola I+D+i, de fortalecer os servizos públicos e de apoiar aos concellos.

Ademais, o máximo responsable do socialismo galego subliñou que eses 113 millóns de euros destinados á comisión de reactivación, que segue agora cos traballos de ponencia para darlle un destino a eses fondos, deberían ser “máis”, á vista das partidas orzamentarias que a Xunta non está sendo quen de executar.

NOELIA OTERO, NOVA DEPUTADA DO PSdeG

Na mesma comparecencia ante os medios, Gonzalo Caballero presentou a Noelia Otero como nova deputada socialista, unha xornalista “de traxectoria acreditada” e “cunha enorme sensibilidade social”. “Estou convencido de que será unha voz magnífica en defensa dos galegos e das galegas”, subliñou, antes de poñer en valor “unha muller capaz e dunha nova xeración, disposta a traballar por unha Galicia mellor”.

Pola súa banda, Noelia Otero -quen concorrera como independente nas listas do PSdeG ás eleccións autonómicas- manifestou un sentimento “agridoce” pola súa entrada na Cámara logo do falecemento de Isaura Abelairas, pero comprometeu que fará “política para as persoas”, como receitaba quen fora tamén concelleira en Vigo.

A propia Otero fixo referencia a que “a política é todo os que nos rodea”, e ese foi o motivo para dar “o paso arriscado” de formar parte da candidatura socialista “con responsabilidade e con corazón”. “Impliqueime por aquilo no que creo”, explicou, consciente da importancia que ten para as persoas o bo funcionamento dos servizos públicos ou o compromiso feminista.

ALCALDE DE VILANOVA

Precisamente ao fío disto, a nova parlamentaria socialista denunciou as manifestacións “machistas” do alcalde de Vilanova contra a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e polas que foi condenado xudicialmente. Ao respecto, o líder do PSdeG reprobou ese “ataque machista” e esixiu a Feijóo que “tome cartas no asunto”.

“Feijóo tenta dar aparencia de moderado, pero está amparando unha persoa condenada por unhas manifestacións deplorables e que constitúen un delito”, reflectiu Gonzalo Caballero, quen rexeitou que “ningunha muller poida ser obxecto dese tipo de descualificacións”. Ademais, reclamou a Feijóo que “retire da alcaldía” a Gonzalo Durán polos seus “insultos e agresións verbais” contra as mulleres e, nomeadamente, contra a presidenta da Deputación de Pontevedra.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18