Categorías: Eleccións 10NSecretaría Xeral

Gonzalo Caballero resalta “o plus de impulso” do PSdeG, con máis apoio que na media do Estado, o que referenda “o novo tempo político” de Galicia

O secretario xeral evidencia que “Feijóo e o PP pincharon” porque os progresistas superaron en 140.000 votos ás dereitas en Galicia

Santiago, 11 de novembro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu hoxe ante os medios de comunicación para avaliar o resultado das eleccións xerais celebradas onte e nas que “o PSOE volveu gañar de forma clara e contundente”, a moita distancia do resto de forzas políticas.

“Somos o único partido en condicións de dar un goberno ao país”, destacou o líder dos socialistas galegos, ao tempo que sinalou que “España necesita un goberno progresista” que siga traendo “avances” e “futuro” para a cidadanía. Ademais, considerou “preocupante” o ascenso de Vox, por canto esta forza supón “unha ameaza para o modelo de país” que construímos nestas catro décadas de democracia.

De feito, Gonzalo Caballero chamou a confrontar dialecticamente coa ultradereita para desmontar os seus pronunciamentos “falaces” e que “non benefician a ninguén”, e instou a PP e Cs a “rectificar a súa estratexia de pactos” e rachar cunha formación “neofranquista”, como fan os partidos conservadores de Francia ou Alemaña.

“UNHA MAIORÍA SOCIAL DE PROGRESO”

En paralelo, no que atinxe ao resultado nesta comunidade, destacou “o plus de impulso” que colleitaron os socialistas en Galicia. En concreto, o PSdeG acadou unha taxa de apoio do 31,28%, o que o sitúa máis de tres puntos por riba do dato obtido polo PSOE no conxunto de España, dun 28%. E, nun contexto dunha caída da participación en Galicia que foi superior á media estatal, o resultado segue amosando -ao igual que nas tres citas anteriores- que hai “unha nova maioría social de progreso”.

Así é que, tras vencer ao PP en Galicia nas pasadas xerais e europeas, e despois de conseguir que o 55% dos galegos teñan un alcalde socialista, esta nova cita coas urnas referenda a existencia dunha maioría progresista en Galicia que mantén o bloque das dereitas coa ultradereita nun 44% dos sufraxios.

De feito, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que “Feijóo e o PP pincharon” nestes comicios, posto que non foron quen de sumar os dous deputados que perdeu Ciudadanos pola Coruña e Pontevedra. A maiores, a suma de PP, Cs e Vox quedou máis de 140.000 votos por debaixo da suma das papeletas obtidas polas forzas de progreso, como apuntou, ao tempo que recalcou que a dereita colleita unicamente 10 dos 23 deputados en liza en Galicia.

A “DEBACLE” DO PP, “EVIDENTE”

Neste escenario, Gonzalo Caballero reivindicou a capacidade do PSdeG para liderar a maioría de progreso en Galicia coa vista posta nas vindeiras eleccións autonómicas, nas que, con estes datos, o PP perdería 13 escanos que sumaría o seu partido. Por tanto, avanzou que seguirá traballando no obxectivo de acadar un cambio na Xunta.

“Superamos todas as probas para abrir un novo tempo político en Galicia cando haxa eleccións autonómicas”, destacou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, quen xulgou “imposible”, á vista dos datos, que se reedite unha maioría absoluta. “A debacle do PP é cada vez máis evidente”, concluíu.

Ademais, recordou as enquisas que amosan que “máis do 60% dos galegos queren un cambio” na Xunta, unha porcentaxe que aumenta ata superar o 73% no caso dos mozos. E, pola súa banda, garantiu “traballo arreo” na procura dese obxectivo, o de construír unha maioría de progreso liderada polo PSdeG.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04

Paloma Castro considera “incomprensible” a negativa do PP a resolver os problemas viarios provocados pola ampliación da vía de acceso ao Montecelo

Esíxelle á Xunta e Concello que “deixen de tirarse a pelota uns aos outros e resolvan un problema serio para…

02/05/2024 14:02

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13