Categorías: Actualidade

A Xunta deixa “famélicas” ás residencias de maiores públicas para “alimentar” ás privadas

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Noela Blanco, acusou hoxe á Xunta de “deixar famélicas” ás residencias de maiores públicas para “alimentar ao sector privado”. Na comparecencia da conselleira de Política Social no Pleno do Parlamento celebrado hoxe, Blanco denunciou que os retallos do goberno galego converteron ás traballadoras que os atenden “nas Deliveroo da administración autonómica”.

A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de “intentar tapar” as consecuencias sobre a asistencia aos maiores dos “dereitos que retallaron durante a crise e a consolidación dun orzamento insuficiente”. Criticou a falla de recursos e a perda de calidade a costa de sobrecargar ás traballadoras ata rexistrar “un dos índices máis elevados de accidentes laborais”, con persoal ao que non lle cobren baixas nin vacacións e incumpren as ratios legais.

Noela Blanco denunciou que as consecuencias desta xestión son que as axudas para Dependencia tardan máis dun ano só para a súa valoración. Ademais, as tramitacións para obter prazas ascenden a 453 días en Galicia, máis do dobre legal de 6 meses, provocando un “calvario” para persoas que chegan a falecer á espera dunha praza pública.

Isto deriva da falla de residencias por parte da Xunta, que non fixo ningunha en dez anos, e sitúa a Galicia nunha ratio de prazas por habitante do 3,05 por cento, pro debaixo do 4,02 estatal e do 5 esixido pola OMS. Denunciou así que a Xunta asuma a “caridade privada” de Amancio Ortega para construír novas residencias pola “falla de investimentos públicos”, ademais de que “900 prazas non cobren nin a metade da actual demanda nin a cuarta parte da que haberá en 2031”.

Finalmente, dixo, “cando os maiores logran unha praza nunha residencia de maiores pública atópanse cunha prestación de baixa calidade” ao “obrigalos a padecer os seus racaneos en recursos humanos e materiais”. Explicou que “a pesares de manter constante o número de prazas públicas, reduciron en 2 millóns os investimentos en centros públicos dende 2010 e invisten un 7,1 por cento menos en persoal”.

Explicou ademais que “lonxe de mellorar esta situación, segundo se desprende da Lei de Acompañamento aos Orzamentos de 2020, o persoal seguirá sen descansos compensatorios un ano máis” xa que repiten a suspensión do artigo 19 do V Convenio, como veñen facendo dende 2013. Dixo que “en consecuencia ao longo de 2020 seguirán sen compensar traballar en domingo ou festivo”.

Mentres, deixan “campar ás súas anchas” aos centros privados, “incrementando o número de prazas pero mantendo os efectivos de inspección”, co que –segundo explica o informe do Consello de Contas- “as irregularidades detectadas non se subsanan, e a administración pública non sanciona”.

Proposta

Os socialistas propuxéronlle á Xunta que incremente o persoal e dote dos medios necesarios para reducir os prazos de recoñecemento do dereito ao servizo residencial a 6 meses, e esixirlle aos centros residencias que manteñan actualizados os datos do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Tamén reclamou o reforzo do labor inspector, incrementando os recursos humanos precisos para vixiar os incumprimentos da normativa ou estándares de calidade, e levante a suspensión do artigo 19 do V Convenio, garantindo a cobertura total dos permisos, vacacións e outras ausencias.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08