O líder socialista sinala que o 40% das asalariadas galegas cobraban menos do SMI antes da covid e advirte de que a fenda das mulleres aumentará co desemprego
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, esixe “compromiso” á Xunta en materia de igualdade: “non queremos palabras vacuas que non estean no Diario Oficial de Galicia”
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aposta por “visibilizar” ás mulleres en cargos de responsabilidade e recalca que “todos os avances” en materia de igualdade “levan o nome do Partido Socialista”
Santiago, 6 de marzo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou hoxe, na presentación do lema do 8M Imprescindibles e imparables, que “a Galicia do futuro”, a que cómpre construír unha vez superada a pandemia, “ten que ser unha Galicia feminista”.
Así o dixo na presentación do cartel e do lema do PSdeG para o 8M, no que participou xunto á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García; as deputadas Pilar Cancela e Ana Prieto e as parlamentarias autonómicas Noa Díaz e Marina Ortega.
Logo de constatar que o 40% das asalariadas galegas cobraban por debaixo do salario mínimo interprofesional antes da chegada da covid, sinalou que esta crise leva ao desemprego a máis mulleres e que a fenda salarial entre homes e mulleres agrávase en Galicia.
Con ese dato en mente, o responsable do PSdeG subliñou que Galicia “necesita políticas de progreso e de igualdade” que defendan ás persoas e, nomeadamente, ás mulleres, porque a vía para “construír unha sociedade mellor e máis xusta” pasa por que as mulleres ocupen o espazo que lles corresponde. Por iso, reclamou á Xunta “un impulso feminista” e que traballe para que “ninguén quede atrás” na reconstrución do país.
Pola súa banda, despois de poñer en valor o traballo das sanitarias nos momentos máis duros da pandemia, Gonzalo Caballero asegurou que seguirá a senda das mulleres socialistas “para traballar por unha Galicia feminista” na que exista “igualdade real de dereitos entre homes e mulleres”.
Por último, nunha data na que cambiou o xeito de celebrar o 8M, convertendo “os actos multitudinarios” que se celebraban anualmente en “actos simbólicos e a través das redes”, o líder socialista destacou “a clara axenda feminista do PSdeG” e rexeitou “leccións” neste eido “nin da dereita nin do nacionalismo ou o independentismo”.
“QUEREMOS COMPROMISO DA XUNTA”
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo o foco tamén en que as crises poden facer que as mulleres dean “pasos atrás” nos seus dereitos. Precisamente por iso, incidiu en que “a axenda feminista ten que estar no centro da acción política” porque “as mulleres somos a metade do mundo e do talento”.
Nese senso, a socialista viguesa requiriu igualdade en todos os eidos e, a xeito de exemplo, indicou que as mulleres só ocupan “o 8%” dos libros de texto. “Non hai mulleres científicas, literatas…? Queremos unha educación en igualdade”, remarcou.
Tras rexeitar a prostitución, o alugueiro de ventres femininos, a fenda salarial e os teitos de cristal, Carmela Silva deixou claro que as mulleres “estamos fartas de discursos” e esixiu “compromiso” á Xunta. “Non queremos palabras vacuas que non estean no Diario Oficial de Galicia”, reivindicou.
Ademais, reclamou “novas normas” que permitan ás mulleres avanzar cara novos dereitos, así como impregnar cada norma que se faga “cunha perspectiva feminista”, posto que “o relativo ao urbanismo, ao medio rural… tamén afecta ás nosas vidas”.
“OS AVANCES LEVAN O NOME DO PSOE”
Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, afondou igualmente en como a crise “cébase maioritariamente nas mulleres”, como amosa o feito de que a maior parte dos postos de traballo que se perderon como consecuencia da pandemia “teñen nome de muller”. “Necesitamos alzar a voz”, subliñou.
Tamén fixo fincapé na importancia de que “se visibilice” ás mulleres en cargos de responsabilidade. “Nas institucións, nas empresas, na sanidade, na educación…”, enumerou, consciente do exemplo que supón para outras mulleres e tamén para os nenos e as nenas que serán os homes e as mulleres do futuro.
Ese é o camiño, recalcou Lara Méndez, para construír “unha igualdade real” e “unha sociedade máis xusta” na que as mulleres ocupen o lugar que merecen. Por iso puxo en valor que o PSdeG referenciase hoxe unha alcaldesa, unha presidenta, deputadas e parlamentarias e mulleres membros da dirección do partido en Galicia e en España.
Ao fío disto, a rexedora lucense destacou que “todos os avances” que se teñen dado no noso país en materia de igualdade “levan o nome do Partido Socialista”, como a lei de igualdade, a lei de igualdade no traballo ou a lei contra a violencia de xénero, “o maior expoñente do machismo”. “E seguiremos loitando por máis avances”, concluíu.
MANIFESTO
No acto de hoxe para presentar o lema e o cartel do PSdeG para o 8M tamén se procedeu á lectura dun manifesto a cargo da vicesecretaria xeral de Igualdade do PSdeG, Icía García; as deputadas Pilar Cancela e Ana Prieto e as parlamentarias autonómicas Noa Díaz e Marina Ortega.
Nese documento faise constar como a crise da covid puxo de relevo a importancia da contribución das mulleres e o tamaño das cargas que soportan, polo que se aposta por utilizar “con audacia” os fondos europeos para conseguir “cambios estruturais” que revertan a situación.
“Somos a esquerda que sabe que non hai máis revolución que a que se traduce en feitos, en compromisos e en realidades: con leis, con políticas públicas”, engade o texto, que aúna “socialismo, feminismo e galeguismo” para seguir traballando por alcanzar os obxectivos pendentes e superar os desafíos que veñen por diante.