Noa Díaz, voceira de igualdade, respalda a liberdade das mulleres para decidir como defender este 8M mais censura a incoherencia de Pontón que hai un mes quería confinar á cidadanía e agora chama a mobilizacións masivas
Gonzalo Caballero insta a Feijóo a sinalar data e hora para unha xuntanza no formato que queira porque “cada día que pasa sen diálogo é un día perdido pola reconstrución e a reactivación do país”
O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe á Xunta que incremente ata o 0.5% dos orzamentos da Xunta os fondos destinados ás políticas de Igualdade, sen ter en conta as aportacións externas. Caballero presentou as propostas socialistas en materia de Igualdade xunto coa portavoz do PSdeG na materia, Noa Díaz, con motivo da celebración do 8M.
O líder dos socialistas galegos comezou a súa intervención respaldando as reivindicacións feministas do Día Internacional da Muller, que o PSdeG levará ao pleno do Parlamento que comeza mañá a través dunha moción que require, entre outras cuestións, que o goberno galego deixe de “regatear” fondos para igualdade e pase a triplicar os fondos propios dedicados.
Gonzalo Caballero acusou ao PP e ao goberno galego de entender as políticas de Igualdade “como un pegote”, como evidencia que fronte ao compromiso socialista de crear unha Consellería de Igualdade, a dereita ten a axenda feminista supeditada á outras cuestións. Sinalou que a propia conselleira “deixounos perplexos cando esta fin de semana recoñeceu que nunca participara en ningún acto nin manifestación para reivindicar a igualdade o 8M”.
Pola súa banda, a portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, acusou ao PP de defender un “feminismo de márketing” e de “postureo”, renunciando a tomar a iniciativa fronte ao empeoramento da situación das mulleres por mor da crise da covid. “Somos máis pobres, estamos máis desprotexidas e estamos máis expostas á violencia que hai un ano”, evidenciou.
Por iso, a deputada socialista esixiu á Xunta que “actúe xa” para rematar co “retroceso nos dereitos” das mulleres.
MOCIÓN DO PSdeG
Ao fío disto, Noa Díaz desgranou a moción que defenderá no pleno do Parlamento que comeza mañá martes, na que reclama o incremento do orzamento consolidado da Xunta e ademais un estudo do impacto da crise da covid incluíndo variables como os coidados, a violencia machista, a saúde, a representatividade ou a ruralidade.
Require ademais incorporar a perspectiva de xénero nos proxectos da Xunta aos Fondos Next Generation para a recuperación post covid, así como os instrumentos precisos para “rematar coa discriminación salarial e o acoso laboral”.
A iniciativa persegue tamén revisar o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018 – 2021, elaborar un plan específico de conciliación laboral e familiar post – covid e contar cunha rede efectiva de centros de información á muller. O Grupo Socialista reivindica ademais un plan de atención integral á saúde das mulleres de Galicia.
A proposta incorpora así mesmo medidas urxentes de asistencia a mulleres vítimas da prostitución, asegurar a presenza equilibrada de mulleres nos centros de xestión e decisión da pandemia e medios para combater a fenda dixital de xénero.
UN 8M “DIFERENTE”
En paralelo, Noa Díaz defendeu unha celebración do 8M “diferente”, sen presenza nas rúas “por responsabilidade e prudencia”, e criticou a “incoherencia” dun BNG que chama á participación masiva nas mobilizacións menos dun mes despois de reclamar o confinamento total da poboación.
“Se somos feministas é porque somos socialistas, e se somos socialistas é porque somos tamén feministas”, resumiu Díaz logo de apoiar unha xornada de reivindicación “dende as redes sociais, dende os balcóns ou mesmo a través das nosas roupas”.
XUNTANZA CON FEIJÓO
Doutra banda, o secretario xeral do PSdeG emprazou ao presidente da Xunta a fixar “sitio e hora” para manter u encontro cos portavoces parlamentarios “no formato que queira” porque, dixo, “non é o momento de protagonismos individuais, senón de avanzar” na estratexia para enfrontar a crise do coronavirus. Caballero centrará a sesión de control ao presidente, que se celebrará mañá martes, neste encontro necesario para perfilar a recuperación económica e social de Galicia tralo paso da pandemia.
O líder dos socialistas galegos afrontará esta sesión de control “con ánimo propositivo” para demostrar a “man tendida” dos socialistas galegos e avogando por propostas “realistas e posibles, que non sexan populistas, incompatibles cos orzamentos ou sen visos de realidade”. Advertiu que “cada día que pasa sen iniciar esta liña de diálogo é un día perdido pola reconstrución e a reactivación do país”.
Precisamente por iso, afeoulle ao presidente da Xunta que teña deixado transcorrer máis de seis meses dende o comezo da lexislatura sen ter convocado unha conversa co portavoz socialista, que representa a un partido que goberna en cinco das sete grandes cidades e en tres das catro deputacións galegas, e que conta ademais cunha importante representación no Congreso, no Senado e tamén no Parlamento europeo.