O líder dos socialistas galegos sinala que “non é hora de buscar protagonismos individuais, senón de compartir ideas e propostas realistas, non populistas, para a reconstrución de Galicia”
O secretario xeral sinala que é necesario que o presidente da Xunta escoite ao PSdeG, que goberna en tres deputacións, cinco das cidades e máis de cen concellos, e ten 10 deputados, 6 senadores, 1 eurodeputado e 14 parlamentarios autonómicos
Santiago, 5 de marzo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosouse hoxe disposto a reunirse con Feijóo na data e sitio que dispoña “para trasladar e compartir ideas e propostas” e buscar acordos orientados a como enfrontar esta crise e a posterior reconstrución de Galicia.
Despois de que o 8 de febreiro Caballero propuxera unha reunión a Feijóo para abordar o tema da reactivación, o líder socialista galego considera fundamental avanzar cara un acordo político, social e territorial fronte aos efectos da pandemia: “ante a maior crise, dialogar e compartir liñas de acción é fundamental”.
“Que Feijóo poña día, hora e sitio e alí estaremos, no formato que el queira”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, para quen o importante é “acertar” na resposta á crise, aproveitar as posibilidades dos fondos europeos e defender ás persoas na saída da crise.
Caballero sinalou que “non é hora de buscar protagonismos individuais, senón de compartir ideas e propostas realistas, non populistas, para a reconstrución de Galicia”.
Finalmente, o responsable socialista fixo fincapé en que é importante o diálogo entre as tres forzas políticas parlamentarias galegas, e cómpre tamén unha alianza do goberno galego cos axentes sociais e económicos, así como coas administracións municipais.
Ao fío disto, subliñou a conveniencia de que o presidente da Xunta escoite ao secretario xeral do PSdeG, o partido que goberna en tres das catro deputacións, en cinco das sete grandes cidades, en máis de cen concellos e que preside a Fegamp, ademais de ter 10 deputados, 6 senadores, 1 eurodeputado e 14 parlamentarios autonómicos.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE.