Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero esíxelle “lealdade” a Feijóo e que “deixe de protestar por un ataque de celos” polas visitas de ministros socialistas a Galicia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, criticou hoxe que Feijóo “en vez de estar atendendo aos problemas do país ten un ataque de celos porque están os ministros e non sae nas fotos”. O líder socialista respondeu ás críticas do presidente da Xunta polas visitas desta semana a Galicia de Reyes Maroto e Pedro Duque logo dun encontro de traballo co secretario do Grupo Socialista no Congreso, Rafael Simancas, en Ourense.

O líder dos socialistas galegos advertiu que “hai un goberno de España que goberna” e que realiza visitas de traballo a Galicia, e “hai un goberno en Galicia que se dedica a protestar”. Esixiulle a Feijóo que “deixe o teatro do agravio, deixe o vodevil no que quere converter ao goberno da Xunta”, que sexa “leal cun goberno que quere traballar para o benestar da maioría” e “resolva nos 10 meses que lle quedan de presidente da Xunta o que non fixo en 10 anos”.

Gonzalo Caballero apuntou hoxe á “estratexia da protesta” despregada polo goberno galego “para buscar un salvavidas electoral que lle permita chegar vivo ás vindeiras eleccións”, como deixou ver coa súa deslealdade “cando non se alegrou do resultado que Industria acadou ante a crise de Alcoa”. Mentres, o goberno central quere traballar “con toda a lealdade institucional”, e que “cando ten que ter xuntanzas de traballo coa Xunta as ten con total normalidade”.

Criticou que o presidente da Xunta intente agochar detrás dunha máscara que “leva 3 anos sen traballar nos problemas de fondo da cidadanía galega, que desfixo a sanidade pública, que privatizou, eliminou as áreas sanitarias, reduciu persoal, incrementou listas de espera e suprimiu camas hospitalarias”.

Esixiulle que permita a constitución dun goberno socialista, tal e como pediron maioritariamente os españois e tamén os galegos e galegas, onde o PSOE foi a primeira forza nas pasadas eleccións xerais. Sinalou que o goberno “necesita da investidura para sacar adiante o seu proxecto de goberno e tomar medidas positivas para a cidadanía, preocupada polas pensións, a sanidade, o abandono do medio rural ou do despoboamento”.

Caballero aproveitou a visita a Ourense para reprocharlle a Feijóo que aupara a Pérez Jácome á alcaldía, “levando á cidade a inestabilidade e a fraxilidade”, e que xa suma dúas concelleiras dimitidas en menos de dous meses de goberno. Lembrou que o actual alcalde “pedía os votos para eliminar a Baltar da política, e Feijóo o dicía que era letal para a cidade”, e remataron cun “pacto contra natura que está dando un goberno de inacción e esperpento político”.

“Feijóo –remachou Caballero- debe vir a Ourense a explicar por que converteu a Jácome no único alcalde que o PP ten nunha gran cidade galega, se todo lle vale e non respecta aos ourensáns nin ás ourensás”.

Así o dixo hoxe en Ourense logo dun encontro de traballo co secretario do Grupo Socialista no Congreso, Rafael Simancas, ao que tamén asistiron o deputado galego Guillermo Meijón, os parlamentarios ourensáns no Congreso Marina Ortega e Adolfo Pérez Abellás e o senador Juan Carlos Francisco Rivera.

Rafael Simancas

Rafael Simancas sinalou hoxe o “papel absolutamente protagonista” dos 10 deputados e 8 senadores socialistas galegos nas Cortes, “probablemente o mellor equipo que os socialistas galegos levaron a Madrid nunca na historia da nosa democracia”. O responsable socialista respaldou hoxe o traballo de Caballero e o partido en Ourense e en Galicia, e apuntou as “moi boas sensacións e magníficas expectativas sobre os resultados nos retos do ano próximo”.

Simancas salientou o papel do deputado Guillermo Meijón, integrante da dirección do Grupo Socialista e vicepresidente da Comisión de Presupostos, “o socialistas máis importante” no órgano encargado do trámite parlamentario dos Orzamentos Xerais do Estado. Apuntou tamén o “papel moi importante” dos deputados ourensáns, como a portavocía de Turismo de Pérez Abellás, ou a vicepresidencia da Comisión de Sanidade de Marina Ortega, portavoz adxunta de Igualdade.

Os socialistas galegos, dixo, terán un “papel protagonista, preponderante, extraordinario, en proporción ao magnífico resultado nas eleccións do 28-A”, coas portavocías das Relacións con Iberoamérica, a Axenda Dixital ou a portavocía adxunta de Pesca ou Universidades.

O parlamentario socialista instou a PP, Ciudadanos e Unidas Podemos a “respectar o resultado das urnas” e “posibiliten a formación do goberno que votaron os españois e tamén os galegos”. Dixo que “é posible que lles conveña agardar por razóns partidistas, egoístas ou tácticas, pero os galegos e españois non poden agardar a outono, inverno ou o próximo verán”.

A cidadanía, dixo, necesita asinar o novo estatuto dos traballadores “que consolide e dea calidade aos empregos”, unha Lei que dignifique as pensións ou o sistema de financiamento autonómico que garanta suficientes recursos en sanidade, educación ou para os servizos sociais.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18