Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero destaca o “éxito” da vacinación e avala seguir alixeirando restricións de cara ao verán

O dirixente socialista critica que Galicia estea “á cola de España” na planificación da apertura do ocio nocturno cando “noutras comunidades xa teñen protocolos e horarios definidos”

O líder do PSdeG lamenta que Jácome e PP queiran converter a política municipal “nunha telenovela por capítulos na que nunca se chega a un final satisfactorio” para a cidadanía

O voceiro socialista en Ourense, Rafael R. Villarino, sinala que PP e DO “están negociando a ver como poden aproveitarse de Ourense” e deixa claro que “non imos permitir que sigan expurgando a cidade ata que a deixen nos ósos”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe a cidade de Ourense en compañía do voceiro municipal e secretario provincial, Rafael R. Villarino; o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, e os deputados Marina Ortega, Juan Carlos Francisco e Adolfo Pérez Abellas.

Dende alí, o líder do PSdeG puxo en valor o “éxito” da estratexia de vacinación impulsada polo goberno de España, que “permitirá superar a pandemia e enfrontar o verán noutras circunstancias”.

“Mentres Feijóo dicía que non ía haber vacinas ata o segundo trimestre deste ano e os nacionalistas dicían que habería que usar as vacinas cubanas, chinesas ou rusas, o goberno de España marcou unha estratexia, mercou as vacinas e empezou a facelo dende principios deste ano”, resaltou.

Así as cousas, Gonzalo Caballero advertiu á Xunta de que “é hora de facer política económica pensando na xente”, logo de que “perdeu os primeiros seis meses do ano” no eido da reactivación ao “non facer os deberes”.

Exemplificou esta situación en que “mentres o goberno de España remitiu máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios á Xunta e, a maiores, 234 millóns de euros que teñen que ser repartidos entre autónomos e pemes”, estes cartos “aínda están nas contas da Xunta”. Reflicte, dixo, unha política de “brazos caídos” e que “o goberno do PP suspendeu” na xestión desta crise. “E non podemos perder seis meses máis”, sentenciou: “é necesario apostar pola reactivación”.

UN PLAN CON MÁIS DE 300 MEDIDAS

Ao fío disto, o mandatario socialista censurou que haxa 113 millóns de euros dos orzamentos asignados á comisión de reactivación que están “sen destino”, ao tempo que “vemos que non hai unha estratexia en política industrial, que non se fan os deberes para fortalecer a sanidade pública e a atención primaria, que non hai un novo modelo residencial ou políticas para xerar emprego”.

En fronte, recordou as 300 propostas que o PSdeG presentou ante a comisión de reactivación co obxectivo de “fortalecer a sanidade e os servizos públicos, xerar emprego, apostar por unha Galicia rural ou impulsar a Galicia industrial”.

“ALIXEIRAR PAULATINAMENTE” O NIVEL DE RESTRICIÓNS

Ao fío do avance na vacinación, Gonzalo Caballero defendeu que o nivel de restricións se vaia “alixeirando paulatinamente” malia que “con responsabilidade”. “É o momento de seguir avanzando”, recalcou.

Neste senso, criticou que “á hora de planificar a apertura do ocio nocturno, Galicia está á cola de España”, e lembrou que esta é unha demanda do sector que “noutras comunidades” xa foi satisfeita, dado que “xa teñen protocolos e horarios definidos e están abertos”.

OURENSE

Ademais, no que atinxe á cuestión de Ourense, o líder do PSdeG cuestionou que “o PP e Jácome queren converter a política municipal nunha telenovela por capítulos na que nunca se chega a un final satisfactorio e a un resultado que poida beneficiar aos ourensáns e ourensás”.

Nesta liña, sinalou que a política de Ourense está “quebrada” porque “o pacto letal de PP e DO é un sainete no que non hai nada positivo para a cidadanía”. “Non pensan na cidade e están meténdoa nunha crise con efectos gravísimos”, alertou.

“Só están pensando nos seus embigos”, o que supón “unha falla de respecto” aos ourensáns e ourensás, evidenciou Gonzalo Caballero, para quen “Ourense merece algo mellor”. “Non pode ser que a terceira cidade de Galicia siga estando nas noticias polo esperpento, o sainete e a crise”, sentenciou.

“APROVEITARSE DE OURENSE”

Pola súa banda, o voceiro municipal e secretario provincial do PSdeG en Ourense, Rafael R. Villarino, subliñou que PP e DO están “negociando a ver como poden aproveitarse de Ourense”.

“O PP está a negar todo o que fixo”, co que “ou ten un problema grave de memoria ou ten unha cara dura que non lle cabe nas cámaras que nos están enfocando”, incidiu o responsable socialista.

Por último, Villarino criticou o intento de modificación orzamentaria que está a levar a cabo o alcalde de Ourense cando “sería superior ás inversións que se farían durante cinco mandatos seguidos” e “é algo que o PSdeG non vai apoiar”, xa que “non conta nin co noso aval nin coa nosa consulta”. “Non imos permitir que sigan expurgando a Ourense ata que a deixen nos ósos”, concluíu.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18