Categorías: Secretaría Xeral

Gonzalo Caballero chama á “prudencia” ante a desescalada e pide á Xunta “axilidade” na vacinación: “Galicia ten 35.000 doses sen usar aínda”

O secretario xeral destaca que o goberno de España destina máis de 1.000 millóns de euros á compra de vacinas e apunta que Galicia recibiu xa máis de 235.000 doses

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pide “responsabilidade” para poder seguir relaxando restricións e que “non haxa que pechar outra vez”

Santiago, 27 de febreiro de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou Santiago este sábado en compañía do alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo. Dende alí, chamou á “prudencia” e á “responsabilidade colectiva” ante o inicio da desescalada, ao tempo que requiriu á Xunta “axilidade” no proceso de vacinación.

“A terceira onda tivo efectos moi graves”, recordou o líder do PSdeG, en alusión ás cifras de contaxios e de falecementos en Galicia, así como á saturación dos hospitais e das UCI. Por iso, incidiu na necesidade de “non relaxarnos” agora que empezan a rebaixarse as restricións “para non empeorar a situación” e “non retroceder” logo do “fracaso” da estratexia da Xunta de “Salvar o Nadal”.

Mentres tanto, iso si, Gonzalo Caballero deixou claro que o goberno galego ten que “manter todo o apoio” á hostalería, ao comercio, á cultura e ao deporte, que sufriron as maiores restricións por mor da pandemia e que “seguen pasando moitas dificultades”. “E o primeiro semestre vai ser moi complexo”, advertiu.

A partir de aí, tras reiterar que o PSdeG “non vai cuestionar as restricións” que adopte a Xunta, o responsable socialista puxo o foco na importancia de ser “moi rigorosos, transparentes e eficientes” na utilización das vacinas que chegan da UE e ás que o goberno de España está destinando máis de 1.000 millóns de euros.

Neste punto, Gonzalo Caballero requiriu a Feijóo que abandone “os debates baleiros e a estratexia de confrontación” co executivo que lidera Pedro Sánchez en torno á chegada das vacinas, porque “non beneficia a ninguén”. E, logo de que o presidente da Xunta tivera que “rectificar” ante o novo envío de vacinas o luns, o que reclamou o dirixente do PSdeG é “axilidade” á hora de poñelas.

De feito, o secretario xeral dos socialistas galegos recordou que actualmente hai 35.000 doses dispoñibles que o Sergas aínda non dispuxo -das máis de 235.000 que chegaron a Galicia utilizáronse de momento arredor de 200.000- e sinalou que cómpre “que se usen o antes posible”.

“VACINACIÓN EFICIENTE”

Dito isto, Gonzalo Caballero chamou á Xunta a ser “máis eficiente” e tamén “máis celosa” no procedemento de vacinación para que “non volva haber erros”.

Referiuse así ás 200 inmunizacións irregulares polas que tivo que desculparse o xerente da área sanitaria de Pontevedra e á vacinación fóra de protocolo da alcaldesa do PP en Boimorto ou da conselleira delegada do imperio xeriátrico Domus VI.

“PRUDENCIA”

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa “preocupación” ante o inicio da desescalada.

“Non me gustaría que volveran dispararse os contaxios”, manifestou o rexedor entre apelacións á “prudencia” para que dentro dun tempo “se poidan autorizar ampliacións de horario e de aforo” e non “haxa que pechar outra vez”.

En todo caso, Bugallo sinalou que no primeiro día dende que comezou o relaxamento das restricións, a maioría da cidadanía e a hostalería compostelá está cumprindo a normativa existente.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18

Carmen Dacosta lamenta que o PP se opoña a cubrir as catro prazas de pediatra do Centro de Saúde de A Ponte -Ourense-

Alerta de que o goberno galego deixa sen cubrir dúas das catro prazas, provocando esperas de quince días ou nenos…

02/05/2024 14:04