Xoaquín Fernández Leiceaga traballa na Cámara alta para que a nova lexislación “dea todas as garantías e non xenere ningunha sospeita” nos sectores industriais vencellados á pesca e ao mar: “somos os seus aliados”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente do partido, Xoaquín Fernández Leiceaga, traballan na última fase cara a aprobación da Lei de Cambio Climático para que os intereses do sector mar-industria de Galicia estean garantidos.
Se ben son conscientes de que ningunha lexislación ten carácter retroactivo, avogan por que, no trámite parlamentario, a nova lei incorpore “todas as garantías” que sexan necesarias para o sector mar-industria, a fin de que “non se xenere ningunha sospeita” sobre os seus efectos nas concesións vixentes.
En concreto, en liña coa dirección do PSdeG, os senadores socialistas traballan para que o texto definitivo da citada normativa exclúa calquera sospeita de retroactividade para as actividades industriais no noso litoral.
Así, apostan por que na norma quede claro que só poden ser nulos de pleno dereito os actos posteriores á lei e cando se superen os prazos fixados polas normativas de Patrimonio e Costas, de xeito que o sector mar-industria pode ter total tranquilidade en Galicia.
“Sempre dixemos que os socialistas somos aliados dos sectores industriais vencellados á pesca e ao mar”, destacou Leiceaga, quen recordou que o goberno de España concedeu ata o de agora todas as prórrogas solicitadas por empresas costeiras, como conserveiras ou cocedeiros. A única excepción, apuntou, foi a dunha factoría que contaba cun informe desfavorable da Xunta.