

O líder dos socialistas galegos sinala que a posible moción de censura é “eticamente reprobable” porque aproveita “momentos especialmente dolorosos” coa perda de tres membros do goberno no último ano e “traizoa a vontade dos veciños e veciñas de Lugo”
Acusa a Rueda de “cociñar” a moción de censura “no seu despacho” porque “leva 27 anos sen conseguir o goberno co voto da cidadanía”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, respondeu hoxe fronte á posible moción de censura impulsada polo PP en Lugo advertindo que “quen non ten límites para chegar ao goberno a través dun acto de corrupción política, tampouco os terá para gobernar”. O responsable socialista acusou a Rueda de “cociñar” a moción de censura “no seu despacho” porque leva 27 anos sen conseguir o goberno co voto da cidadanía.
O tamén portavoz do Grupo Socialista advertiu que con esta manobra “cruzan liñas que nunca debería de cruzar” cunha moción de censura apoiada nunha tránsfuga que resulta “eticamente reprobable”. Puntualizou que ademais “aproveita momentos especialmente dolorosos” logo do falecemento de tres concelleiros socialistas no último ano, como son a alcaldesa Paula Alvarellos e aos concelleiros Pablo Permuy e Olga López, esta última falecida “hai apenas 10 días”.
Apuntou que “ao PP non lle saen as contas nin nas enquisas nin na rúa” e por iso “promove acordos que traizoan a vontade dos e das lucenses”, polo que, puntualizou, “cando se mercadea coa vontade popular, xa non estamos ante política, estamos ante unha degradación da democracia”. Sinalou que “falamos de corrupción política por fala de integridade”, e polo “interese de chegar ao goberno sen pasar polas urnas e do que está disposto a facer o PP e Rueda para logralo”.
Lugo merece seguir avanzando
O responsable socialista dixo que “Lugo merece seguir avanzando cun goberno serio como o de Miguel Fernández, merece que un equipo de boas persoas siga ao timón cun proxecto sólido como o que está a demostrar, e un liderado que constrúa, que una e traballe para todos e todas”.
Besteiro contrapuxo unha posible moción de censura promovida por Rueda e un PP que representan “unha forma de facer política baseada na confrontación, no ruído e nos atallos, en lugar de no traballo serio por Lugo”, co goberno do PSdeG “que demostrou responsabilidade, estabilidade e compromiso coa cidade, traballando con rigor e pensando sempre no interese xeral, como ten demostrado coa aprobación dos orzamentos”.