O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe ao goberno galego que deixe de “asistir como espectador” ao ERTE presentado por Repsol para a planta de A Coruña e exerza tódalas medidas á súa disposición para frear a medida. Seco presentou unha emenda a unha proposición non de Lei debatida hoxe no Parlamento para subliñar a solidariedade cos traballadores e traballadoras afectados por esta medida”, que será votada mañá.
O responsable socialista interveu equipado co seu chaleco de traballo como enxeñeiro en produción no departamento de Trasiegos da planta á que leva vencellado dende 1998 e na que actualmente está en excedencia dende que foi escollido como deputado nesta Lexislatura. Seco lembrou que os traballadores “sempre actuamos con responsabilidade” nos momentos duros da pandemia, para que cando se albisca o seu final teñan anunciado un ERTE de 5 meses.
Cualificou esta medida de “tomadura de pelo” que aforra apenas 500.000 euros para unha empresa que tivo un beneficio de 600 millóns de euros en 2020, e que presentan “como medida de presión cara aos traballadores” de cara á negociación do novo acordo marco para o grupo Repsol.
Esixiulle ao goberno galego que “espabilen e fagan política industrial”, xa que teñen competencias plenas, mentres o presidente da Xunta que “só quere fotos para as boas novas e desaparece coas malas”. Lembrou que o conselleiro delegado de Repsol foi recibido polo presidente da Xunta a comezos de marzo para analizar os investimentos da compañía en Galicia e as posibilidades de acudir aos fondos Next Generation EU, un mes antes de anunciar publicamente o ERTE.
Sen embargo, a Xunta continúa sen explicar que actuacións ten tomado para garantir o traballo das 600 persoas que desempeñan o seu labor de xeito directo na factoría, ademais dos 850 das auxiliares e outros 3.000 traballadores de xeito inducido.
Sinalou que o goberno galego “non pode seguir de costas ao terrible proceso de desindustrialización que afecta a Galicia, sen plan de futuro para a industria da nosa terra, que fracasa garantir a actividade, e renuncia a atraer novos investimentos”. Lembrou a perda de Isowat, Caramelo, R, Emesa Trefilería, Sapa ou a Fábrica de Armas só en A Coruña, onde tamén se atopan empresas “en perigo” como Ferroglobe ou Aluibérica.