Categorías: #12XSecretaría Xeral

Gonzalo Caballero anuncia que o seu goberno desenvolverá un Plan de Garantía Xuvenil centrado no emprego, a formación e a vivenda en alugueiro

O candidato socialista reivindica un goberno socialista que garanta unha “aposta decidida” para o saneamento da Ría do Burgo e o desenvolvemento da área metropolitana da Coruña

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou hoxe o impulso dun Plan de Garantía Xuvenil para frear a marcha da mocidade galega nos once anos de goberno de Feijóo. O líder do PSdeG presentou hoxe a candidatura socialista pola Coruña, onde garantiu o compromiso dos socialistas co desenvolvemento da área metropolitana e co saneamento da Ría do Burgo.

O secretario xeral do PSdeG anunciou un Plan de Garantía Xuvenil que priorice o emprego, a vivenda en aluguer para a xente nova e a formación de mozos e mozas tanto a través do reforzo da universidade pública como coa mellora da FP Dual. “É un plan transversal de garantías para a xente nova que permitirá que os mozos poidan traballar, formarse e vivir na súa terra”, subliñou.

Gonzalo Caballero alertou de que, durante os 11 anos de goberno de Feijóo, Galicia perdeu 70.000 empregos, e a xente moza padece un nivel de desemprego por riba do 28 por cento, sen ter en conta os milleiros de galegos e galegas na mellor idade que tiveron que abandonar a súa terra pola falla de oportunidades laborais.

“Cada vez que un galego mozo abandona o noso país, Galicia perde forza”, proseguiu, e dixo que “non queremos que un só mozo galego volva marchar por cuestións de emprego, de formación ou de falla de posibilidades de futuro”. Reivindicou así a posta en marcha dun “plan transversal con medidas económicas, de vivenda, formación e tamén igualdade para que as mulleres novas poidan quedar” en Galicia.

O obxectivo é, segundo as palabras de Gonzalo Caballero, “reconstruír Galicia priorizando que a xente nova teña posibilidades para vivir con dignidade en Galicia”, a través deste plan que complementará o Plan Retorna Xuvenil e o Plan de Captación do Talento que tamén forman parte das propostas socialistas para o impulso da mocidade.

APOSTA POLA CORUÑA

O candidato socialista sinalou que “para defender á xente nova do noso país necesitamos tamén apostar pola Galicia máis urbana e dinámica, que recolle as áreas urbanas e metropolitanas”. Neste sentido, comprometeuse a “desenvolver de forma consensuada coas cidades o transporte e servizos mancomunados nas áreas metropolitanas”.

Sinalou que o PP deixou na Coruña unha asignatura pendente no saneamento das rías, nomeadamente no caso da Ría do Burgo. Sinalou que os avances parten do goberno de España e que a Deputación e o Concello “queren unha ría limpa”, pero “é necesaria unha nova política medioambiental á fronte da Xunta que faga unha aposta decidida para acompañar ao goberno de España no saneamento integral do Burgo”.

Gonzalo Caballero defendeu o proxecto socialista dun goberno galego que poida “xerar sinerxias” co goberno de España, as deputacións e os concellos de Galicia para afrontar o futuro de Galicia “pola vía do progreso”. Chamou a superar 11 anos de Feijóo que deixou 70.000 empregos menos e restoulle 2.000 millóns de euros á sanidade pública, onde reduciu 500 camas nos hospitais públicos.

Dixo que Feijóo “deixa Galicia en peores condicións das que a atopou”, con “peores servizos públicos, menos xente, menos emprego, e a sanidade recortada”, e pediu paso para un proxecto de “cambio necesario” liderado polos socialistas galegos que “apostamos polo emprego, os servizos públicos, a sanidade, a atención pública aos nosos maiores, e posibilidades de vida para a xente nova”.

ALUIBÉRICA

En paralelo, o candidato socialista trasladoulle “todo o noso apoio aos traballadores de Aluibérica”, que manteñen unha “liña de contacto directo co Ministerio de Industria”. Sinalou que “a prioridade é o mantemento dos postos de traballo” e “así llelo trasladamos tanto ao goberno de España como á Xunta, que ten competencias en política industrial e debe deixar de ser un mero observador”.

Resumiu que a política industrial de Feijóo foi de “cero, cero, cero”, e puxo como exemplo que hoxe “vaise pegar á foto do acto institucional do goberno de España en Ferrol de impulso da eólica mariña” logo de 11 anos “de perfil”. Criticou que Feijóo “non fixo nada en favor da eólica mariña, e hoxe é o goberno de España o que vai permitir investimentos millonarios por buscar inversores e desenvolver a industria”.

O presidente da Deputación da Coruña e secretario provincial do PSdeG, Valentín González Formoso, interveu na presentación da que cualificou como “candidatura da ilusión” do PSdeG ás próximas eleccións autonómicas. Sinalou que Caballero encabeza “un proxecto para avanzar en Galicia e darlle resposta ás necesidades e inquedanzas máis grandes da nosa historia”.

Defendeu un proxecto socialista que “sabe buscar solucións no eido da reactivación económica e industrial, da revalorización dos servizos públicos, a educación e por riba de todo a sanidade pública”. Chamou a acadar uns “magníficos resultados porque a vocación de servizo é a impronta do noso partido, comprometido coa modernización do país”.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O Grupo Socialista urxe á Xunta a comezar “xa” cos traballos de prevención de incendios que teñen que estar rematados antes de xuño

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, alertou de que a Xunta aínda non comezou cos…

04/05/2024 11:29

O PSdeG acusa a Rueda de retroceder dúas décadas en políticas de igualdade

Dirixentes e cargos públicos do PSdeG manifestaron hoxe a súa “sincera e fonda preocupación” polo que consideran unha “grave declaración…

03/05/2024 17:22

Paloma Castro critica que a política medioambiental do PP “non supera o mero postureo”

Lamenta o voto en contra do PP á proposta socialista para implantar un programa de educación ambiental nos centros educativos…

03/05/2024 13:25

O emprego de calidade, o fortalecemento dos servizos públicos e o autogoberno, as principais ligas de acción da nova Executiva do PSdeG

A nova Executiva do PSdeG reuniuse hoxe por primeira vez tras o Congreso extraordinario do pasado domingo, coincidindo co 145.º…

02/05/2024 23:05

Patricia Iglesias responsabiliza á Xunta da paralización de máis de 20 parques eólicos polo TSXG

Advirte que “tan insensato é pretender o desenvolvemento indiscriminado de toda a potencia eólica solicitada como optar pola prohibición total…

02/05/2024 19:21

Paloma Castro acusa á Xunta e PP de converterse nun “lastre” para o despegue económico e industrial da comarca de Pontevedra

Paloma Castro critica o voto en contra do PP no Parlamento á ampliación dos polígonos de Reigosa, Fragamoreira e O…

02/05/2024 19:18