Categorías: ActualidadeActualidade do partidoNovasPortadaSecretaría Xeral

Formoso erixe ao PSdeG como “o instrumento poderoso para frear a involución que supón o pacto de Feijoo con Vox”

Repróchalle a Feijoo a súa “ausencia” como presidente da Xunta: “É incompatible estar nas Fallas en Valencia mentres os pescadores amarran a flota e os agricultores aparcan os tractores por dificultades económicas”

O líder dos socialistas galegos exemplifica a “imprescindible unidade” do Partido tras a primeira reunión cos secretarios provinciais saídos do proceso de renovación orgánica

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, erixiu hoxe ao PSdeG como “o instrumento poderoso” que permitirá frear “a involución que lle está propoñendo Feijoo ao resto do Estado” tras autorizar o pacto do PP con Vox na comunidade de Castela e León.

Ese “instrumento útil” que constitúe o Partido Socialista de Galicia simbolizouse hoxe na primeira reunión entre o propio Formoso e representantes da dirección do Partido con todos os secretarios provinciais saídos do proceso de renovación orgánica desenvolvido nos últimos meses. Con esta imaxe de unidade -”imprescindible e buscada dende hai tempo por esta dirección”- evidenciouse “que se pode construír un futuro alternativo ao populismo e cheo de oportunidades e ilusión dende a socialdemocracia”.

Tras subliñar que “asistimos estupefactos” á bendición de Feijoo a un acordo de goberno coa extrema dereita, Formoso incidiu en que o “estupor” non so se circunscribe a Galicia ou España, senón que se estende ao conxunto de Europa, onde o propio presidente do PP europeo a cualificou de “mala noticia para a democracia”.

Nesa mesma liña, o líder socialista criticou que Feijoo consinta por primeira vez a nivel europeo a incorporación ás institución e ao goberno dunha formación “que pon en tea de xuízo os valores que máis defende a propia sociedade galega”.

Advertiu que os valores da igualdade entre homes e mulleres ou os da liberdade e a autonomía persoal -con medidas tan avanzadas como o matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou a Lei da eutanasia- “están en risco porque Feijoo autoriza a involución na comunidade de Castela e León”

Por iso, Formoso reiterou que “aquí non caben ambaxes nin ambigüidades: ante aquelas formacións políticas que poñen en tea de xuízo os valores máis básicos da sociedade hai que dicir non e gañarlles nas urnas”.

Aquí está”, proclamou finalmente Formoso, “o Partido Socialista de Galicia para propoñer un escenario totalmente distinto á sociedade galega”. Ese escenario pasa por “preservar eses valores que queren que preservemos e por que sexamos a forza política que se identifique máis coa sociedade galega, que nos necesita máis que nunca”. Así, amosouse convencido de que “con humildade e respecto ás tradicións galegas nos converteremos na formación política que máis atesoure a confianza da cidadanía galega”.

Por outra banda, Valentín González Formoso volveu censurar a incompatibilidade do dobre papel de Feijoo como presidente da Xunta e futuro presidente do PP de España.

Este país precisa un presidente que estea presente”, afirmou antes de evidenciar o paradoxo de que Feijoo estivese onte nas Fallas en Valencia ou hoxe na Palma “mentres os pescadores están amarrando a súa flota e os agricultores aparcando os seus tractores por dificultades económicas”.

Non entendemos”, afondou, “que Feijoo estea nunha xira autonómica cando segue sen sentarse co colectivo dos transportistas galegos para adoptar medidas que lles permitan sobrevivir e facer un traballo tan importante para Galicia”. Por iso, ante a ausencia do presidente da Xunta, Formoso sinalou que “se non o fai a Xunta e o PP, vaino facer o PSdeG”.

Así, nun escenario onde “está en perigo a estabilidade económica de moitos sectores estratéxicos”, Formoso anunciou que os socialistas galegos “están a deseñar, en conversas cos colectivos afectados, un plan de choque cunha batería de medidas coas que se emprazará á Xunta a que exerza as súas funcións”. Do mesmo modo tamén se urxirá ao PP e Feijoo “a que se comprometan e lle dean prioridade ao seu país por enriba as opcións persoais”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Silvia Longueira reclama un novo modelo de atención temperá ampliando o servizo de acordo co sector asociativo

Apunta ao reaxuste do modelo como “momento óptimo para atender ás demandas de tódalas asociacións que traballan pola plena inclusión”…

14/05/2024 14:19

Besteiro pide o consenso parlamentario para defender a oficialidade do galego na Unión Europea

O voceiro do Grupo Socialista sinalou, nunha comparecencia acompañado polo eurodeputado Nicolás González Casares, a necesidade dun acordo de país…

13/05/2024 16:56

Carmen Dacosta cualifica de “incoherente e lesiva” a extinción da Axencia Galega da Industria Forestal por parte da Xunta

Considera “un gran paso atrás” a supresión do organismo para traspasar as competencias á Consellería de Economía   A portavoz…

12/05/2024 11:00

José Miñones sinala que o “demoledor” informe do Consello de Contas constitúe unha “emenda á totalidade” da política sanitaria de Rueda e da Xunta de Galicia

Apunta que os relevos nas xerencias das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol “evidencian que a sanidade galega é…

11/05/2024 11:00

Patricia Iglesias denuncia que a Xunta deixa sen executar máis da metade dos Fondos de Recuperación

Lamenta a opacidade e nula vontade de xestión de Xunta e PP, que hoxe rexeitou unha proposta para pedirlle ao…

10/05/2024 12:38

Julio Abalde esíxelle á Xunta que garanta as compensacións dos mariscadores da ría do Burgo durante o período de recuperación da produción

Sinala que  lle corresponde ao Executivo autonómico poñer a súa parte durante os 18 a 24 meses que dura o…

09/05/2024 12:53