Categorías: Actualidade

Luis Álvarez pide un plan de choque destinado a familias, persoas autónomas e empresas para paliar os efectos da guerra en Ucraína

Chama a Feijóo a suspender a súa campaña de primarias e “que se reintegre a tempo completo” á fronte da Xunta para atallar a “situación actual de emerxencia” cando temos “sectores estratéxicos tremendamente prexudicados”

O voceiro parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, anunciou hoxe que o Grupo Socialista vén de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para urxir á Xunta un plan de choque destinado a familias, persoas autónomas e empresas para paliar os efectos da guerra en Ucraína.

“Somos conscientes de que o goberno do Estado debe adoptar medidas de forma inmediata e estou convencido de que así se fará, pero tamén que o goberno da Xunta, dentro da corresponsabilidade do sistema de organización autonómico e dentro das competencias que ten, adopte liñas de axuda”, reivindicou o dirixente socialista, cando ademais “existe consenso absoluto e quedou evidenciado na Conferencia de Presidentes que as comunidades autónomas deben corresponsabilizarse”.

A situación, sinalou Álvarez, “mudou absolutamente en dúas semanas” e “a percepción que tiñamos dun horizonte de recuperación” neste momento “está cheo de incertezas”. Por iso, o socialista propuxo ao goberno galego que leve a cabo 11 medidas concretas para frear as consecuencias do incremento de custes de enerxía, combustibles, cereais ou fertilizantes “que tanto afectan aos sectores estratéxicos” de Galicia.

Neste sentido, Álvarez pediu a posta en marcha dun plan de axudas directas extraordinarias para empresas e persoas traballadoras autónomas afectadas por esta situación. Ademais, requiriu un plan de bonificación extraordinario de impostos de carácter autonómico aboados durante o exercicio 2022 relacionados directamente coa actividade desenvolvida para todas aquelas empresas, pemes, micropemes e persoas traballadoras autónomas directamente afectadas pola situación conxuntural.

No plano sectorial, chamou a elaborar un plan de axudas específico para o sector marítimo pesqueiro e mar-industria, e outro para o sector agrario e gandeiro afectado polo incremento dos combustibles e insumos. Con todo, pediu ao goberno galego que “compense” economicamente aos profesionais transportistas para que se alcance a completa bonificación das peaxes que non sexan de titularidade autonómica.

Neste marco, instou ao Consello Económico e Social á elaboración urxente dun informe sobre o impacto que supón esta situación nos sectores prexudicados e pediu á administración autonómica a simplificación “ata o máximo posible” de todos os procedementos administrativos.

En canto ás familias, Álvarez propuxo reforzar orzamentariamente as axudas para as persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión social; establecer complementos ás persoas beneficiarias dos bonos enerxéticos, co fin de ampliar a protección das persoas vulnerables ou en risco de exclusión; así como suprimir de maneira transitoria as peaxes nas estradas galegas para o sector do transporte de persoas e mercadorías.

Por último, o voceiro socialista instou á Xunta a ampliar a rede de recursos de acollida e establecer mecanismos de coordinación, en colaboración da FEGAMP, para concellos e particulares que poidan participar dela, habilitando partidas orzamentarias destinadas aos concellos para a xestións destes recursos.

O SECTOR AGROGANDEIRO

Preguntado especificamente pola situación do sector da agrogandeiro, Álvarez criticou que o goberno galego, tendo competencias plenas, non contemple “espazo de solución” aos problemas dentro do ámbito das súas propias competencias. “Sempre as medidas que solucionan os problemas que ten Galicia teñen que vir de fóra, do goberno do Estado”, censurou Álvarez, en referencia ao posicionamento do conselleiro de Medio Rural que elude o problema como propio.

“Tirar a pedra e esconder a man está feo”, sentenciou o dirixente socialista, quen aproveitou para urxir “medidas” para este sector á Xunta. “Un pouco máis de prudencia e menos alarmismo tampouco estaría mal no momento no que vivimos”, concluíu.

GRUPO DE TRABALLO NO PSdeG

Neste contexto, Álvarez anunciou tamén que o PSdeG creará “de forma inmediata”, dentro da súa estrutura interna, un grupo de traballo formado por persoas expertas que se encargarán de propoñer medidas concretas de desenvolvemento deste plan de choque co obxectivo de dar unha resposta “eficaz” á situación actual.

A SITUACIÓN DE FEIJÓO

Tras ser preguntado pola campaña do presidente da Xunta para liderar o Partido Popular, Álvarez chamou a Feijóo a “suspender” a súa campaña de primarias para “reintegrarse a tempo completo” á fronte do goberno da Xunta e atallar a “situación actual de emerxencia”, xa que temos “sectores estratéxicos tremendamente prexudicados”.

“Debera estar dedicado en exclusiva a analizar o impacto da guerra nos sectores estratéxicos e non hoxe pola mañá en Baleares e pola tarde en Barcelona. Era mellor que estivera pola mañá en Betanzos e pola tarde en A Garda”, sentenciou.

“Somos a única comunidade autónoma que ten un presidente que simultánea o goberno, ata onde pode gobernar de forma telemática unha comunidade autónoma, coa presenza no resto do Estado”, censurou.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

O PSdeG constitúe o comité de campaña para as eleccións europeas

Nicolás González Casares, Lorena Guerra e Elba Veleiro forman parte da candidatura de España nas eleccións europeas do próximo 9…

16/05/2024 19:04

Carlos López Font esíxelle á Xunta que cumpra coa legalidade no transporte de viaxeiros por estrada

Denuncia a “escasa ou nula transparencia” por parte do goberno galego e alerta dun empeoramento no servizo   O portavoz…

16/05/2024 18:29

Paloma Castro urxe á Xunta a “desatascar” o proxecto de dragaxe do Lérez

denuncia que o PP leva 13 anos tomándolle o pelo aos pontevedreses e pontevedresas mantendo bloqueada a actuación   A…

16/05/2024 18:27

Elena Espinosa esíxelle á Xunta que responda cun Plan de continxencias ao “clamor da rúa” polas eivas na sanidade de Vigo no verán

Reclama un “cambio real” para evitar que se repita o colapso da Atención Primaria e Hospitalaria do pasado verán provocado…

16/05/2024 13:32

Carmen Dacosta reclámalle á Xunta que mellore a planificación dos recursos sanitarios diante da “situación catastrófica” da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Esíxelle á nova xerencia da área que reforce o persoal sanitario para garantir a asistencia sanitaria de calidade que merecen…

16/05/2024 13:28

Julio Abalde reclámalle á Xunta que “poña as pilas” e elabore un Plan estratéxico diante da caída da produtividade marisqueira

Reivindica axudas para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para Galicia   O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio…

15/05/2024 14:38