Categorías: Secretaría XeralUncategorized

Formoso anticipa que o fracaso da investidura de Feijóo e o debate do Estado da Autonomía da próxima semana evidenciarán o fin de ciclo do PP en Galicia

O líder dos socialistas galegos sinala que “vai pasar algo nas próximas autonómicas”, e repróchalle a Rueda o “baile de incertidume” coa convocatoria, pendente só dos intereses dun Feijóo “sometido a Ayuso”

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, sinalou hoxe que o debate do Estado da Autonomía da próxima semana, xunto co fracaso da investidura de Feijóo, van escenificar o “fin de ciclo do PP en Galicia”. Así o dixo logo dunha xuntanza de traballo coa dirección do Grupo Parlamentario do PSdeG para preparar o debate que comeza o vindeiro luns.

Criticou que o presidente da Xunta teña abocado aos galegos e galegas a contemplar un debate sumidos nun “baile de incertidume” sobre a data electoral no canto de debater dos “problemas, retos e necesidades” do día a día de Galicia. Cualificou ademais de “indignante e irresponsable” que a data dependa do whatsapp que lle envíe un Feijóo ao que está sometido, que á súa vez está sometido a Ayuso, e polo tanto “Galicia está sometida aos designios da presidenta de Madrid”.

O responsable socialista adiantou que “vai pasar algo nas próximas autonómicas, e ese algo acaba de comezar co fracaso na investidura de Feijóo” e que levou ao PP a estar “desquiciado logo dun fracaso no que comprobaron que 2 mais 2 non son 22” e as consecuencias da súa “relación tóxica” con Vox, que os afasta de calquera pacto cos territorios. Un acordo que os leva a comprar o relato dunha formación contraria ás autonomías e que quere prohibir que se fale galego no Congreso.

Criticou que o PP estea sumido nunha “reacción furibunda” contra calquera acordo que supoña estabilidade política no país, como fixo antes contra o matrimonio homosexual ou contra o Estatuto de Cataluña. Lamentou que o último debate do Estado da Autonomía da Lexislatura se presente neste escenario, que “escenifica e consolida a imposibilidade dun pacto territorial seguindo a fórmula do PP”.

Apostou pola vía do entendemento que representa o PSdeG en Galicia, que defende un modelo de financiamento autonómico en base a “feitos e liñas estratéxicas” marcadas pola mellora das prestacións públicas para as familias e as persoas “con nome a apelidos” en Galicia. Grazas á vía socialista que supuxo o incremento dun 8,8 por cento das pensións para 707.000 pensionistas en Galicia, ademais de outros 86.000 na prestación básica en Galicia.

Explicou que a liña estratéxica do PSdeG queda acreditada con feitos polo “maior investimento territorializado do Estado en Galicia”, con 1.077 millóns de euros de investimentos a maiores para o ano 2023, ademais dos 4.500 millóns de euros das fragatas de Ferrolterra ou a rebaixa á metade das peaxes da AP9. Sinalou que o investimento claro do Estado “ten que ser a segunda pata no modelo de financiamento do futuro” para Galicia.

Contrapuxo a aposta polo diálogo entre Galicia e o Estado cun PP que “diante da desmoralización o único ofrecemento que fai é ir ao Land Rober e a un bar a convidar a cañas”, respondendo á campaña de presentación iniciada polo presidente da Xunta un ano despois de asumir o cargo. Mentres, non ofrece “nin un só céntimo” de axuda aos sectores económicos asfixiados polo encarecemento das materias primas e o aumento dos custes enerxéticos.

A única medida estrela de Rueda, dixo, é “facerlle caso aos ricos” e “por primeira vez” reducirlles a cota do imposto do Patrimonio á metade aos 7.700 galegos e galegas máis ricos, reducindo os ingresos para tódolos galegos e galegas e rompendo coa solidariedade fiscal que antes mantiveron Albor, Laxe, Fraga, Pérez Touriño e ata Feijóo, que o reducira ao 25 por cento.

Gómez Besteiro

O líder dos socialistas galegos reivindicou o papel do ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que volve á política “despois da inxustiza e da persecución política e xudicial” á que foi sometido durante 7 anos. O recén electo deputado no Congreso foi o encargado de poñer en valor a lingua galega no Congreso e agora forma parte do equipo de oito escollidos para levar adiante a Comisión socialista que negocie a investidura de Sánchez.

Formoso trasladou o seu “orgullo” polo papel fundamental de Gómez Besteiro “nun momento no que o país non quere novas eleccións”, e logo de que o propio Feijóo explicara onte nunha entrevista radiofónica que “non hai nada máis importante que a estabilidade dos gobernos e evitar as eleccións debera ser o obxectivo de calquera político responsable”. Feijóo poñía como exemplo os acordos de goberno en Aragón, Estremadura ou Valencia, e Formoso engadiu tamén o Estado.

O secretario xeral do PSdeG e tamén alcalde de As Pontes respondeu tamén ás preguntas sobre o peche da central térmica de As Pontes, que inclúe unha dobre sensación “agria e doce”. En primeiro lugar, lamentou que a especulación cos dereitos de emisión do CO2 acabe coa central, xa que o 70 por cento dos dereitos están nas mans de 7 brokers estadounidenses, que dispararon os dereitos dende os 8 aos 100 euros.

Pola outra banda, dixo, grazas ao peche, o concello segue a ser un complexo industrial eléctrico que produce 800 MW/hora de gas natural, 500 MW/hora eólicos e ten dúas centrais hidráulica con preto de 100 MW/hora. Sinalou que “sen peche da central non habería investimento de Ence” na localidade nin a presenza da “primeira planta de hidróxeno de Galicia e do norte de España”, polo que emprazou a “mirar para adiante e non ser vitimistas: para iso xa chega Alfonso Rueda”.

Compartir
Publicado por
PSdeG-PSOE

Últimas novas

Besteiro reivindica no Primeiro de Maio logros socialistas como a suba do salario mínimo e das pensiones

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe en Lugo “os logros que teñen conseguido os socialistas,…

01/05/2024 21:13

Besteiro impulsa unha liña de acción política do PSdeG dende o Parlamento para a rexeneración democrática en Galicia

O portavoz do Grupo Socialista empraza a Rueda a clarificar na próxima sesión de control “se segue a doutrina Ayuso…

30/04/2024 13:06

Besteiro esíxelle á dereita responsabilidade e compromiso coa rexeneración democrática

O secretario xeral dos socialistas de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe á dereita “que se comprometa de xeito…

29/04/2024 10:48

Besteiro chama á “unidade de acción” para “reactivar” ao PSdeG en torno a un proxecto autónomo

O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel…

28/04/2024 14:24

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28