
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; a secretaria de Organización do partido, Lara Méndez, e a concelleira portavoz do Goberno de Lugo, Ana Abelleira, respaldan, entre outros cargos socialistas, a mobilización cidadá fronte ao Concello: “Democracia si, transfuguismo non”
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dea explicacións polo apoio do Partido Popular á moción de censura coa que pretenden arrebatarlle a alcaldía de Lugo aos socialistas o vindeiro 7 de maio coa colaboración dunha tránsfuga. “Esa posición do Partido Popular sitúase fóra do marco democrático”, advertiu Besteiro antes do pleno deste xoves, no que toma posesión a substituta da concelleira socialista Olga López Racamonde, falecida recentemente. Acompañárono na concentración a secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, entre outros responsables do partido en Galicia.
Besteiro definiu a operación dos populares como “unha moción de censura indecente, antidemocrática”, e respondeulle ao PP coa consigna que coreaban os centos de veciños e veciñas concentrados diante do Concello: “Democracia si, transfuguismo non”. O líder dos socialistas galegos sinalou directamente á dirección autonómica do PP. “Disto é responsable non só o PP de Lugo, tamén o Partido Popular de Galicia. Rueda, que está a esquivar permanentemente esta situación, debe explicar tamén por que apoia esta moción de censura”, reclamou.

A protesta cidadá, que xa se repetiu nas últimas semanas, foi para o secretario xeral unha mostra clara do estado de ánimo da cidade. “O sentir maioritario de toda a cidadanía de Lugo é de rexeitamento a esta moción de censura. Máis transfuguismo non, máis democracia si. Iso deixa ben claro cal é o sentir de toda a veciñanza desta cidade”, remarcou.
Pola súa banda, a concelleira socialista Ana Abelleira agradeceu a resposta da rúa. “Sorpréndeme a cantidade de xente que nos acompaña hoxe, e creo que teñen todo o dereito a mostrar a súa indignación polo que pode suceder o 7 de maio, cando o PP trate de asaltar o Concello de Lugo a través dunha moción de censura cunha tránsfuga”, afirmou.
A cabeza moi alta polo traballo realizado
Abelleira insistiu en que a manobra do PP contradí a vontade saída das urnas. “A poboación está a mostrar a súa indignación porque non se corresponde co que votou no seu día, que foi a maioría progresista que está a gobernar esta cidade”, lembrou. A edil agradeceu o respaldo veciñal nun pleno que, sinalou, “pode ser o último antes da moción de censura, pero é un pleno coa cabeza moi alta polo traballo realizado”.
A concelleira foi máis dura ao referirse ao mecanismo polo que o PP pretende facerse coa alcaldía: “Estas fórmulas tan corruptas invaden os dereitos dos cidadáns, que temos o poder nas urnas para escoller a quen queremos que nos represente. É inxusto para Lugo”, concluíu.