
O secretario xeral do PSdeG chamou no Primeiro de Maio a defender as conquistas sociais froito “da loita da clase traballadora” fronte a unha dereita e unha ultradereita “que queren botar abaixo o estado de benestar”
“Os que pretenden entrar pola porta de atrás no Concello saíron onte pola porta de atrás do Concello”, dixo o líder socialista a preguntas dos medios sobre a moción de censura que o PP impulsa en Lugo apoiándose nunha tránsfuga
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe na Coruña a defender o estado de benestar, “que non se entende se non é polo impulso dos traballadores e das traballadoras”. Momentos antes da saída da manifestación do Primeiro de Maio desde a emblemática praza da Palloza, convocada por UGT e CCOO, o líder socialista lembrou que as pensións públicas, a sanidade pública, a educación pública e a atención á dependencia son froito “das reclamacións e da loita da clase traballadora”.
A eses avances sumou unha reivindicación que defenden os e as socialistas: “A vivenda accesible para todos e todas, especialmente para a mocidade, con esa enorme dificultade que ten hoxe”. “É un dereito fundamental”, destacou.
Besteiro referiuse tamén aos salarios, nun contexto no que España xa superou os 22 millóns de afiliados e afiliadas á Seguridade Social, coa creación de máis de medio millón de empregos no último ano, e un salario mínimo que subiu un 66 % desde 2018. “En Galicia trabállase o mesmo que no resto do Estado, pero cóbrase menos”, advertiu sobre unha comunidade que, ademais, crea emprego moito máis amodo que outros territorios e na que as retribucións tamén medran a un ritmo menor. “Salarios dignos tamén aquí, en Galicia”, demandou.
“Temos que defender este estado de benestar potente, que nos ampara a todos e a todas, especialmente contra as políticas da dereita e a ultradereita, que o que queren e botalo abaixo”, dixo o líder socialista, que invitou a manter, nese senso, unha “loita constante”.
Unha imaxe “que o di todo”
A preguntas dos medios de comunicación, Besteiro valorou a “expresión espontánea de repulsa” por parte da cidadanía á moción de censura que o PP impulsa en Lugo apoiándose nunha tránsfuga. “Curiosamente, os que pretenden entrar pola porta de atrás no Concello saíron onte pola porta de atrás do Concello, e eu creo que esa imaxe dío todo e reflicte claramente a situación que se está vivindo na cidade”, dixo.
O secretario xeral socialista denunciou que os populares pretenden “cambiar o que a vontade da cidadanía decidiu no seu día e volverá decidir dentro dun ano”, cando se celebrarán novas eleccións municipais.
Antes da manifestación, José Ramón Gómez Besteiro participou, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outros cargos socialistas e da UGT, na ofrenda floral no monumento a Pablo Iglesias, no barrio do Castrillón.