
Paloma Castro lembra que o PP apoiou no Concello pedir a residencia de maiores que hoxe rexeitan no Parlamento
A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou hoxe ao PP de “tomarlle o pelo” aos veciños e veciñas de Marín e do Morrazo ao votar no Parlamento en contra dunha proposta para habilitar terreos para a construción dunha residencia de maiores nas Raposeiras que antes apoiaran no Concello. Castro reclamaba incluír 5.000 metros cadrados para esta infraestrutura no PIA de chan residencial que vén de anunciar a Xunta.
A responsable socialista acusou ao PP de presentar unha emenda á proposta para “lavar a cara” mentres se rían da veciñanza por canto en realidade baleiraba de contido a iniciativa e que, engadiu, “podemos resumir cun ‘xa co que sexa imos vendo’”. Advertiu que “votar non a esta proposta é dicirlle ás familias que sigan esperando, é dicirlle aos nosos maiores que marchen lonxe, é dicirlles que para a Xunta hai cidadáns de primeira e de segunda segundo onde vivan”.
Castro reclamoulle ao goberno galego que aproveite o Proxecto de Interese Autonómico que vén de presentar para construír 400 vivendas nunha superficie de 70.284 metros cadrados e incorporen 5.000 metros para a construción da residencia de maiores. Salientou a importancia deste proxecto para atender a unha poboación de 85.000 habitantes entre os concellos de Marín, Cangas, Moaña e Bueu.
Explicou que neste momento en Marín só dispoñen dunha residencia antiga con 84 prazas para persoas válidas, o que resulta “absolutamente insuficiente para unha poboación que conta con 1.000 persoas maiores de 78 anos”. Pola contra, no Morrazo non hai ningunha residencia pública, e só dispoñen dunha residencia DomusVi en cangas, o que fai que atopar praza sexa “un drama” para as familias, que non poden asumir os custes do servizo.
Criticou o “abandono institucional” do goberno galego para centos de familias que “precisan respostas” en forma de prazas públicas de residencia para atender aos seus maiores preto da casa, porque “a proximidade tamén cura, e envellecer con dignidade significa poder facelo no teu territorio”.