Categorías: Actualidade

Aprobada a proposta para reclamar un plan urxente de rexeneración das zonas protexidas

O Pleno do Parlamento aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Socialista para reclamarlle á Xunta o deseño e posta en marcha dun Plan urxente de rexeneración ambiental das zonas protexidas afectadas polos incendios forestais.

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, advertiu de que ademais de que foran calcinadas preto de 11.400 hectáreas pertencentes á Rede Natura, co risco evidente de desertización, “son previsibles escorrentías cando comece a chover, graves procesos erosivos, desaparición dos solos por arrastres e contaminación de acuíferos, ríos e rías”.

Reclamou a posta en marcha urxente de “medidas e accións para loitar contra os procesos erosivos e para recuperar e rexenerar os hábitats afectados”, anticipándose así ao empobrecemento do chan afectado. Advertiu que o goberno galego debe dotar a este Plan dunha memoria económica “detallando os investimentos e prazos de execución para cada unha das actuacións previstas”.

Vilán sinalou o “desastre” que teñen provocado os lumes, xunto coa “pasividade” do Executivo autonómico e “a falla máis absoluta de prevención e a ausencia de aplicación da alta tecnoloxía á detección de lumes”.

Neste sentido, denunciou as consecuencias do incumprimento, por parte do goberno de Feijóo, das conclusións da Comisión de estudo sobre os lumes de 2006, sinaladamente referidas aos espazos protexidos. Aquel informe, dixo, urxía a elaborar un mapa de riscos de incendios en espazos naturais, e adoptar medidas específicas de protección e prevención acaídas a cada zona concreta.

Tamén insistía na elaboración dun plan de continxencia fronte á erosión do solo e riscos hidrolóxicos, ampliar os espazos naturais protexidos, de acordo cos requirimentos da UE, e elaborar un plan de limpeza de leitos e ribeiras fluviais. Daquela, sinalaba a necesidade dun programa de apoio ás iniciativas de conservación e limpeza dos Tecores e potenciar os distritos ambientais con máis recursos humanos e técnicos.

Polémica

Durante o debate, a responsable socialista criticou a negativa do PP a aprobar unha Comisión Especial de Estudo sobre as consecuencias da vaga de lumes, que foi solicitada polos socialistas e o Grupo En Marea na última Xunta de Portavoces.

Vilán explicou que a solicitude, presentada ao abeiro do artigo 51 do Regulamento da Cámara, foi rexeitada polo PP na Mesa do Parlamento logo de “escoitada a Xunta de Portavoces”, tal e como constata a acta do 31 de outubro que presentou a portavoz socialista.

Lembrou que a próxima Xunta de Portavoces terá de novo a oportunidade de pronunciarse sobre a constitución desta Comisión, de acordo coa proposta que foi presentada de novo onte mesmo polos grupos Socialista e de En Marea.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia ao seguinte:

1º Que deseñe un Plan especial urxente de rexeneración ambiental das zonas protexidas afectadas polos incendios forestais, incluíndo medidas e accións para loitar contra os procesos erosivos e para recuperar e rexenerar os hábitats afectados.
2º Que dote dunha memoria económica a este Plan, detallando os investimentos e prazos de execución do mesmo para cada unha das actuacións previstas.
3º Que restaure, en colaboración con outras Administracións competentes, as dotacións de servizos básicos que se viron afectadas polos incendios.
4º Que se deseñen protocolos de actuación na rexeneración de superficies queimadas en xeral atendendo ás súas características de solo, pendentes, proximidade a acuíferos, traídas municipais e privadas, correntes de auga, e arrastres de terra e consecuencias erosivas que faciliten a actuación inmediata despois do lume.

Compartir
Publicado por
PSdeG

Últimas novas

O PSdeG esíxelle a Feijoo que pare coa “deriva antidemocrática” e empraza a Rueda a apartarse do “vergoñento argumentario de Génova”

A presidenta do PSdeG, Carmela Silva, dirixiuse hoxe ao PP para esixirlles que “paren esta deriva antidemocrática” de “bulos, ameazas,…

26/04/2024 14:36

Lara Méndez aplaude a reforma da PAC, que cualifica de “oportunidade” para os agricultores galegos

Sinala que a redución da carga burocrática e as esixencias aos agricultores e gandeiros de explotacións de menos de 10…

25/04/2024 13:28

O Grupo Socialista esíxelle a Feijóo e ao PP que “poñan fin” á oposición “máis sucia da democracia”

Lara Méndez lembra a estratexia de “mentira e acoso” político xudicial coas que atacaron aos socialistas galegos, dende Besteiro aos…

25/04/2024 12:57

Carmen Dacosta esíxelle á Xunta que resolva o colapso da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras

Carmen Dacosta alerta da situación límite dos servizos de Urxencias, Oftalmoloxía, Rehabilitación e Atención Primaria e as deficiencias materiais na…

25/04/2024 12:32

Paloma Castro reclama máis persoal e recursos para os xulgados que tratan casos de violencia de xénero

Lembra que só o 30 por cento das vítimas presentan denuncia e emprazou á Xunta a presentar un Plan para…

24/04/2024 13:08

Paloma Castro pídelle á Xunta que habilite a cobertura do espazo deportivo do CEIP Ponte Sampaio, en Pontevedra

Paloma Castro sinala que os escolares “merecen un entorno axeitado” e un espazo cuberto no que practicar deporte e que…

24/04/2024 12:41