

Silvia Longueira recriminoulles aos populares que “nin se molestan en planificar para atallar o problema” e se negan a atender as reivindicacións do colectivo
A deputada socialista Silvia Longueira esixiulle hoxe á Xunta “fondos e accións” para garantir os dereitos das persoas LGTBI+. Na súa defensa dunha iniciativa no pleno do Parlamento, asegurou que eses dereitos “están sustentados nun paradoxo: hai máis protección legal, máis visibilidade ca nunca, pero en contrapartida hai tamén un aumento da violencia, da discriminación e dos discursos de odio”.
Longueira recordou que a Administración autonómica “ten competencias e ten unha lei”, mais esa norma, aínda que “laxa”, debe facerse efectiva para que sexa eficaz. “Os dereitos están por escrito, pero a realidade diaria de moitas persoas é que eses dereitos non aparecen”, remarcou, e insistiu: “Non é unha cuestión de leis; é unha cuestión de vida”.
Así, reprochoulle ao PP que as súas políticas “non teñen ningún sentido” e que “nin se molestan en planificar para atallar o problema”. Segundo dixo, néganse, ademais, a atender as reivindicacións que se lles trasladan desde o colectivo LGTBI+.
Sinalou que, por exemplo, as entidades denuncian a falta de datos específicos de Galicia sobre esta problemática, mentres que si existen para o conxunto do Estado. “O sistema galego de rexistro segue sendo bastante fragmentario”, advertiu antes de mencionar as cifras que facilita o observatorio coruñés contra a LGTBI-fobia, da asociación Alas.
“No último informe dispoñible, para o ano 2024, indican 42 incidentes de odio en Galicia, dos que 33 foron agresións directas, e rexistráronse, ademais, 205 casos atendidos e 294 intervencións, o que equivale a case catro novos casos por semana en Galicia”, relatou. Pero mencionou casos máis recentes, como as últimas agresións que se produciron na Coruña, en Santiago e en Pontevedra.
“Por iso vimos aquí todos os anos pedir precisamente que se baixe ao terreo, e se non hai profesionais dentro do Goberno que poidan facelo, dispoñen de asociacións e consellos que poden estar provistos de suficientes técnicos”, demandou.
O plan que defende o Grupo Socialista
A través da iniciativa que defendeu Longueira, o Grupo Socialista reclámalle á Xunta un compromiso activo coa Estratexia Estatal para a Igualdade de Trato e Non Discriminación das Persoas LGTBI+, a colaboración estreita coas organizacións dese ámbito, o impulso de programas de formación específicos para o persoal das Administracións públicas e a posta en marcha de campañas de sensibilización e educación afectivo-sexual nos centros educativos.
Tamén lle esixía que destine recursos suficientes ao Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero e que promovese a memoria histórica LGTBI+ en Galicia, “recoñecendo ás vítimas da represión por orientación sexual e identidade de xénero, e impulsando iniciativas culturais e educativa que visibilicen a súa loita”.