
A deputada socialista esixiulle ao Goberno de Rueda que paralice o proxecto de Soandres “ao constatarse riscos graves pola proximidade a núcleos de poboación, pola posible contaminación do río Anllóns e pola afección a espazos protexidos”
Lamentou a sensación “de abandono e impotencia” que se estende entre unha veciñanza que ve como se decide sobre o seu territorio “sen escoitala” pese a que a instalación vai ter “un impacto evidente” sobre o día a día da parroquia
A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, esixiulle hoxe ao Goberno de Rueda que paralice o proxecto para a construción dunha planta de biogás en Soandres, na Laracha. A deputada do PSdeG advertiu dos efectos desa instalación, “ao constatarse riscos graves pola súa proximidade a núcleos de poboación, pola posible contaminación do río Anllóns e pola afección a espazos protexidos”.
“Paga a pena arruinarlle así a vida á xente?”, preguntou Iglesias na sesión plenaria de hoxe, durante a que sinalou que o que está acontecendo en Soandres “é consecuencia directa dun xeito de gobernar baseado en anunciar proxectos primeiro e preguntarlle á veciñanza despois, ou directamente no preguntarlle nunca”.
A primeira consecuencia, segundo dixo, “é unha sensación de abandono e de impotencia” por parte dunha cidadanía que ve como se decide sobre o seu territorio “sen escoitala”. “Falamos dunha planta de grandes dimensións, prevista no medio dun entorno habitado, con miles de toneladas de residuos ao ano, tráfico pesado constante, afectación ao patrimonio cultural e un impacto evidente sobre a vida diaria da parroquia”, engadiu.
A parlamentaria socialista criticou que, con ese escenario, a resposta da Xunta sexa “silencio e opacidade” sobre unha tramitación realizada “de costas á xente”.
Sinalou, ademais, que “o máis preocupante” do problema é “o modelo que hai detrás”, polo que o Goberno galego “declara proxectos prioritarios autonómicos, modifica as normas para facilitar a súa implantación en solo rústico e deixa aos concellos e á veciñanza practicamente sen capacidade real de decisión”.
A hipocrisía dun PP “que leva meses xogando á ambigüidade”
Patricia Iglesias recoñeceu o “reto” que supón a xestión dos residuos gandeiros, mais indicou que o que precisa Galicia son “solucións sostibles e ben planificadas”. “O que non pode facer un Goberno responsable é impulsar instalacións con este impacto sen unha planificación previa, sen regulación autonómica específica e sen consenso social”, subliñou.
Por outra banda, censurou a hipocrisía dun PP “que leva meses xogando á ambigüidade”, porque mentres no Concello da Laracha o seu alcalde votou a favor dunha iniciativa do PSdeG contra a planta de biogás, o Grupo Popular opúxose no Parlamento a outra na que os socialistas pedían garantías ambientais, transparencia e participación veciñal.
“É moi revelador. Na Laracha o alcalde intenta quedar ben coa xente, e en Santiago obedecen ás directrices do Goberno de Rueda. Iso deteriora a confianza nas institucións, porque a cidadanía percibe que todo está decidido de antemán”, censurou.
Besteiro recibiu á plataforma veciñal, á que acompañou Inés Ramos
O secretario xeral do PSdeG e portavoz socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu esta mañá a unha representación da plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha, que asistiu ao pleno convidada polo Grupo Socialista e na compaña da portavoz socialista na Laracha, Inés Ramos.