
A deputada socialista advertiu do deterioro progresivo de servizos coma a hospitalización a domicilio, os paliativos e a atención cardiolóxica nun centro que rexistra “unha perda de capacidade asistencial e a sobrecarga dos profesionais”
“O que está acontecendo no Hospital Público de Verín estano denunciando os propios profesionais sanitarios e a comisión delegada do centro: un deterioro progresivo de servizos esenciais, unha perda de capacidade asistencial, unha sobrecarga do persoal e un incremento constante das derivacións ao hospital de Ourense”. Así sintetizou a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta a situación da atención sanitaria nunha comarca que ve como, tras a pandemia, quedou “desmantelada” a hospitalización a domicilio, como o servizo de cardioloxía “leva sen especialista estable desde 2024” ou como as listas de espera continúan empeorando.
Dacosta remarcou que a situación está obrigando a numerosos pacientes, “moitos deles, persoas maiores”, a desprazarse ata Ourense para consultas e probas “que deberían poder realizarse no seu hospital de referencia”.
“En concellos coma Riós ou Vilardevós, os pacientes teñen que facer máis dunha hora e media de ida e outro tanto de volta para unha consulta médica”, advertiu, e indicou que en moitos casos se trata de xente “con enfermidades crónicas e dificultades de mobilidade, que dependen de familiares ou dun transporte claramente insuficiente”.
A deputada do PSdeG defendeu que un hospital comarcal “debe ter capacidade diagnóstica, capacidade de seguimento e capacidade asistencial propia. Porén, no de Verín “redúcese a actividade, falta persoal e aumentan as derivacións ao CHUO”, reiterou.
Carmen Rodríguez Dacosta recordou que cando se inaugurou a hospitalización a domicilio, en 2018, o PP “presumiu moito”, e por aquel entón o Sergas “dicía que o servizo permitía achegar a asistencia sanitaria á comarca, evitar desprazamentos innecesarios e reforzar a capacidade asistencial do hospital”. “Oito anos despois, a realidade é exactamente a contraria, porque a HADO quedou desmantelada”, subliñou.
“Pacientes sen citar desde o ano 2023”
A parlamentaria socialista engadiu exemplos a esas eivas: “Hai pacientes de oftalmoloxía sen citar desde o ano 2023, neuroloxía acumula arredor dun ano de atraso, cardioloxía supera os catro meses nas primeiras consultas e máis dun ano nas revisións, rehabilitación está completamente saturada e cada vez máis especialidades están sendo substituídas por e-consultas ata o punto de que moitos médicos de atención primaria xa nin poden solicitar determinadas consultas presenciais cos especialistas”.
“Un hospital comarcal non se pode converter nun simple centro derivador cara ao hospital central”, afirmou Rodríguez Dacosta.